Os prezos do leite no campo continúan en ascenso

A cotización media en España en setembro foi de 49,5 céntimos por litro, case dous céntimos máis que en agosto, en tanto en Galicia a media situouse en 48,3 céntimos. Mantense a contención da produción polo aumento de custos

Os prezos do leite no campo continúan en ascenso

O valor do leite no campo segue sen tocar teito, segundo os datos do último informe de prezos do Ministerio. En setembro, a suba rondou os 2 céntimos, para situarse nunha media en España de 49,5 céntimos (48,3 céntimos en Galicia). Ata dez comunidades superan xa os 50 céntimos de prezo medio e toda a Cornisa Cantábrica, excepto Galicia, sitúase por riba dos 49.

Os altos prezos dos produtos lácteos industriais, unidos á revaloración do leite líquido no supermercado e á baixada de produción nas granxas explican o bo escenario de mercado.

Nos produtos lácteos industriais, destaca en especial a boa evolución dos queixos, pois o Edam e o Gouda seguen rompendo semana tras semana os seus máximos históricos, ambos por riba dos 500 euros / 100 Kg. En canto á manteiga, malia baixar lixeiramente de cotización nos últimos dous meses, continúa en cifras que nunca se viran ata este ano (687 euros / 100 Kg.), mesmo por riba do pico que acadara no 2018. Algo similar sucede co leite en po desnatado, pois se ben evoluciona á baixa desde maio, mantense en valores altos (340 euros / 100 Kg.), que non acadara desde o 2008.

Outro factor a ter en conta é a suba dos prezos do leite líquido nos supermercados, con practicamente tódalas marcas brancas por riba dos 80 céntimos, cando hai pouco máis dun ano era complicado velas por riba dos 60 céntimos. Foi unha suba de prezos que se aplicou para cubrir os aumentos de custos en toda a cadea, desde as granxas ata industrias e cadeas de distribución.

Nas granxas, malia o aumento do prezo do leite, as granxas seguen producindo por baixo da campaña anterior, principalmente polo aumento dos custos de alimentación. Así, en setembro, as entregas foron en España un 4,1% inferiores ó mesmo mes do ano pasado, co dato galego lixeiramente mellor, un – 2%, probablemente pola menor dependencia de pensos e forraxes externas de boa parte das granxas.

Prezos nas granxas europeas
En Europa, a situación semella moi dispar. Os prezos seguen á alza, cunha media de 53,05 céntimos en setembro, segundo os datos do Observatorio do Sector Lácteo, pero con amplas diferenzas entre países. Francia, por exemplo, ten unha estimación de prezos de 46,2 céntimos para setembro, o que probablemente a situaría por baixo de España por primeira vez nos últimos anos. Entre tanto, Alemania, outro dos grandes produtores, ten unha media de 56,1 céntimos e Irlanda de 60 céntimos. No lado contrario, Portugal está en 40,4 céntimos.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información