Os novos contratos homologados para a compra-venda de uva: valoracións do sector en Galicia

Coñecemos como reciben adegas e organizacións agrarias os novos contratos homologados que a Interprofesional do Viño presenta para esta campaña. A implantación desta nova ferramenta é polo momento mínima en Galicia

Publicidade
Os novos contratos homologados para a compra-venda de uva: valoracións do sector en Galicia

Traballos da vendima no 2020 en viñedos da Ribeira Sacra.

As adegas galegas prepáranse nestes días a marchas forzadas para comezar en breve a vendima. Aínda que algunhas delas xa iniciaron a recollida dalgunhas variedades, serán nestas primeiras semanas de setembro cando se leve a cabo o traballo na maioría. Entre os preparativos para a vendima mírase, como cada ano, ás condicións da compra de uva. Este ano a Interprofesional do Viño puxo a disposición das adegas e viticultores uns contratos tipo homologados tanto para a compra e venda de uva como de viño.

Os contratos tipos homologados, que están a disposición a nivel estatal dende hai meses, pretenden ser unha ferramenta que incremente a seguridade das vendas entre as partes, nun sector caracterizado durante anos pola falta de acordos escritos, legais e oficiais. Segundo apuntan organizacións coma Unións Agrarias “aínda é habitual que os contratos se asinen á porta da adega, xa coa uva preparada para a entrega ou que mesmo non se asinen ata que hai unha inspección”. Ambas son prácticas que deixan ó viticultor sen apenas capacidade de negociación dos prezos e axuda a sumar inestabilidade ó sector.

“Asinar un contrato a tres anos proporciona unha maior estabilidade ós viticultores”; Carlos Basalo, Unións Agrarias

Unha das principais vantaxes que ofrecen estes contratos homologados é que poden ter unha vixencia de tres anos, no canto de asinarse só para a campaña actual. “Poder asinar un contrato a tres anos onde se recollen as condicións de entrega e prezo da uva proporciona unha maior estabilidade ós viticultores”, valora Carlos Basalo, responsable de Unións no Ribeiro. Con estes tipo de contratos evitaríase ter que asinar e fixar o prezo no momento da vendima o que permite levar a cabo unha planificación e inversión no viñedo, tal e como indican dende Unións.

A alta inestabilidade do sector do viño nos últimos anos en canto a prezos da uva fai que se manteña unha desconfianza entre os produtores e se limiten as inversións no viñedo entre estes profesionais. “O mercado da uva é moi inestable actualmente. Hoxe poden estar pagándose por encima dos 2 euros o quilo de uva en Rías Baixas ou Valdeorras, pero o ano pasado houbo algunha adega que non quería recoller Godello”, explica Basalo. A crise do Covid-19 xogou tamén un papel importante, tanto é así que na vendima do 2020 algunha adega chegou a baixar 10 céntimos no quilo de uva.

Outra das vantaxes que poden ter estes contratos é que en caso de controversia, a comisión de seguimento de contratos proporciona asesoramento ás partes implicadas para atopar unha solución favorable para ambos. Ademais, estes contratos son oficiais, voluntarios, gratuítos e confidenciais, ó tempo que cumpren coa normativa vixente e poden axustarse ós parámetros que as partes estipulen á hora de fixar os prezos.

“É unha ferramenta xeral que non se adapta á realidade do sector galego o que tamén condiciona a súa efectividade e implantación”; Bernardo Estévez, Sindicato Labrego

Trátase dun modelo xeral, polo que que se axusta a todo tipo de uva con ou sin denominación de orixe ou indicación de orixe protexida. O feito de ser contratos xerais, sen que se adapten á realidade do sector en Galicia é unha das eivas que apuntan dende o Sindicato Labrego Galego. “É unha ferramenta moi xeral, pensada tanto para a produción de Castela como para os viticultores do Ribeiro, pese ás grandes diferencias que pode haber e que deberían de contemplar para realmente ser de utilidade para o sector galego”, valora Bernardo Estévez, do Sindicato Labrego.

OIVE Contratos 300 (7)

Infografía realizada pola Interprofesional do Viño de España sobre os novos contrato tipo homologados e as posibilidades que ofrecen.

Propiciar a implantación destes contratos

Pese a estar operativos xa para esta campaña, en Galicia os novos contratos tipo homologados apenas están a ser utilizados polas adegas segundo coinciden en sinalar tanto dende Unións Agrarias como no Sindicato Labrego. A poucos días para o inicio da vendima, en Denominacións de Orixe como Monterrei, algunhas das adegas destacadas, que levan unha longa traxectoria asinando contratos homologados cos viticultores, aféanlle á Interprofesional do Viño que non proporcionase unha maior difusión destes novos contratos xa que descoñecían o modelo e as posibilidades que lle ofrece.

Aínda que polo do momento este tipo de contratos non estean implantados, grupos adegueiros como Vinigalicia, asentada en pleno corazón da Ribeira Sacra, apuntan que levan anos botando man de contratos homologados por distintas institucións pola comodidade que lle proporcionan estes modelos. “A maior parte dos nosos viticultores son produtores cos que levamos máis de 20 anos traballando, pasando a ter unha relación de amizade. Hai unha confianza e aínda que o contrato se asine no inicio da vendima xa se foi mirar a uva e se tratan os prezos con anterioridade”, explica Paula Carballada, directora técnica.

Unións Agrarias pide vincular as axudas públicas do sector do viño á sinatura destes contratos tipo homologados e cunha duración de varias campañas

Para fomentar a implantación destes contratos homologados tipo da Interprofesional, dende Unións reclámanlle á Xunta unha presión más intensa ás adegas. Propoñen vincular as axudas públicas autonómicas coa sinatura destes contratos por varias campañas. “Se a Administración pública vincula as axudas que anunciou no plan de apoio ó sector coa sinatura deste tipo de contratos é unha medida de presión para que se cheguen a implantar e favorecer así a tódolos elos da cadea”, reclaman dende Unións.

Sen estas medidas por parte da Administración, dende a organización agraria ven difícil que este tipo de contratos cheguen a utilizarse. “Os viticultores teñen moi difícil por si sós obrigar ás adegas a incorporar estes contratos con esta duración, por iso é fundamental o papel da Consellería de Medio Rural para fomentar a implantación”, sentencia Basalo.

Dende Unións destacan a experiencia de contar con contratos homologados asinados por varios anos neste sector. “En Galicia hai 20 anos había xa contratos homologados que mesmo chegaron a asinarse por tres, catro ou cinco campañas. Sabemos que esa ferramenta funciona. Daquela, estes contratos proporcionaron estabilidade, o que propiciou que se fixeran importantes inversións, xa que o viticultor sabía que ía poder vender a súa uva e a canto lla pagarían”, recorda Basalo.

Rexistro público

Ademais de reclamar a implantación destes contratos homologados vixentes durante varias campañas, Unións tamén volver retomar a petición de que os contratos da compra e venda de uva sexan públicos, como un garante de que se asinan, ante as prácticas irregulares que constatan e levan anos denunciando. “A día de hoxe os contratos que se fan, por obriga da Lei da Cadea, non hai que depositalo en ningún sitio, co que o viticultor perde a capacidade de negociar e ás veces mesmo quedan sen asinar se non hai unha inspección”, denuncia Basalo.

Dar visibilidade ós contratos tamén pode contribuír a lograr prezos máis igualitarios. “Facer públicos os contratos podería ser unha vía para que o mesmo produto teña un prezo semellante sen as diferencias que se están apreciando agora entre adegas”, concretan dende Unións.

Mellora nos prazos de pago

No que se parecen coincidir no sector é na mellora que supuxo a implantación da Lei da Cadea para garantir os prazos de pagos ós viticultores. A Axencia de Información e Control Alimentarios (Aica) tamén constata unha mellora tanto na contratación como nos pagos entre os distintos elos da cadea do sector do viño. Con todo, ante o inicio da vendima, a Aica anima aos operadores que detecten incumprimentos da Lei da Cadea a que poñan as correspondentes denuncias.

A Aica, que vela polas relacións comerciais e os intereses dos distintos operadores que interveñen na cadea alimentaria, e controla o cumprimento da lei da cadea, realizou desde 2015 case un milleiro de controis no sector vitivinícola. En concreto, 656 inspeccións a viticultores e ás vendas que realizan aos adegueiros, e outras 275 en adegas para analizar tanto as compras aos seus provedores como as vendas aos seus clientes.

“Unha das consecuencias destes controis é o continuo proceso de mellora na contratación, aínda que persisten aínda na cadea vitivinícola certas deficiencias na fixación do prezo dos contratos, especialmente nos momentos iniciais das campañas”, indican dende Aica.

É obrigatorio formalizar un contrato por escrito antes da entrega da uva de vinificación e que o viticultor coñeza previamente o prezo

Ante o inminente inicio da vendima, a Aica fai un chamamento ao sector e lembra que, de acordo á Lei da Cadea Alimentaria, é obrigatorio a formalización dun contrato por escrito antes da entrega da uva de vinificación e que o viticultor coñeza previamente o prezo, que debe ser abonado no prazo máximo dun mes desde a data de entrega.

Non formalizar contratos e pagar fóra de prazo supoñen unha infracción grave da Lei da Cadea Alimentaria. Ademais, desde a introdución o ano pasado das medidas de reforma desta norma, os prezos de venda no primeiro elo non poden estar por baixo dos custos de produción.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información