Aberto o prazo das axudas ás adegas para a adquisición de uva

Publicidade

O director da Axencia Galega de Calidade Alimentaria, José Luis Cabarcos, acompañado polo director financeiro do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), Alberto Vivero, mantivo este mércores un encontro nas sedes do Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeiro e da DO. Monterrei con bodegueiros destas denominacións para presentarlles o préstamo que ofrece o Igape para a adquisición de uva nas denominacións de orixe e indicacións xeográficas de Galicia pola vendima deste 2023.

Con estas achegas preténdese paliar o encarecemento dos custos de financiamento da adquisición da colleita polas adegas, pero tamén buscan facilitar o seu acceso ao crédito fomentando a participación en sociedades de garantía recíproca que avalen o 100% das operacións e, por último, permitir o cumprimento dos prazos de pago aos viticultores previstos na normativa.

O prazo de solicitude destas axudas do Igape está aberto dende onte, 25 de outubro, sendo subvencionables os préstamos formalizados con esta finalidade dende o pasado 1 de setembro, e finalizará o 15 de decembro. Posteriormente, os beneficiarios terán ata o 31 dese mesmo mes para formalizar as operacións de préstamo. Antes do 30 de xuño de 2024, e unha vez feitos os pagos da colleita, as adegas deberán solicitar o cobro da axuda ao Igape.

As adegas que soliciten a axuda deberán incluír todas as operacións de préstamo concedidas para esta finalidade e nas condicións das bases. O cálculo da axuda será a suma dos préstamos, ou de ser menor, a suma dos pagos de uva -DO e IXP- co IVE engadido.

A mellor vendima da última década

A vendima deste ano 2023 foi a máis abondosa da última década, na que se recolleron 77,3 millóns de quilos, quedando preto da mellor da historia (2011). O director da Axencia Galega de Calidade Alimentaria continuará hoxe con estas presentacións sobre as axudas do Igape, trasladándose ata os consellos reguladores das denominacións de orixe Ribeira Sacra e Valdeorras para informar aos bodegueiros.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información