Os gandeiros retirarán este venres todos os tractores da Muralla de Lugo

Despois de 35 días de protesta ininterrompida, os gandeiros de Agromuralla decidiron onte pola noite mediante votación retirar os tractores da ronda da Muralla de Lugo este venres, 15 de xaneiro, ás 16:30 horas

Os gandeiros retirarán este venres todos os tractores da Muralla de Lugo

A tractorada de Agromuralla comezou o 10 de decembro

Despois de 35 días de protesta ininterrompida, os gandeiros de Agromuralla decidiron onte pola noite mediante votación retirar os tractores da ronda da Muralla de Lugo este venres, 15 de xaneiro, ás 16:30 horas. Así o confirmaron esta mañá a Campo Galego fontes do colectivo de gandeiros.

Porase fin asi a unha tractorada que empezou o pasado 10 de decembro en demanda dunha suba inmediata dos prezos do leite en orixe, que na actualidade non lles cobren aos gandeiros os custos de produción, e ante o que consideran “engano” polos incumprimentos por parte de industria e distribución do acordo lácteo asinado en Madrid o pasado mes de setembro.

O que comezou sendo unha tractorada con apoio case unánime da cidadanía de Lugo, acabou derivando a nivel mediático nun problema de orde pública polas protestas da Confederación de Empresarios de Lugo e da Federación Provincial de Hostalaría ante os supostos atrancos dos tractores á mobilidade do tráfico e as conseguintes diminucións das vendas no comercio e na restauración, algo que negan dende o colectivo Agromuralla.

Finalmente, e ante as queixas da CEL, a Subdelegación do Goberno de Lugo adoptou esta semana unha resolución que obriga aos gandeiros a retirar os tractores aparcados en dobre fila na ronda da Muralla, deixando só unha ringleira. O concello de Lugo tamén anunciou que a partir das 00:00 horas deste venres empezará a multar aos tractores que non estean aparcados nunha única fila.

Este venres a mediodía Agromuralla comunicará publicamente as razóns da súa decisión e as novas accións previstas

Ante esta situación, Agromuralla só barallaba dúas opcións: ou recorrer a resolución da Subdelegación do Goberno ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) ou desconvocar a tractorada e estudar novas medidas de protesta para lograr o seu obxectivo, a suba do prezo do leite en orixe.

Finalmente, na votación a través do washap, que se prolongou dende onte á tarde ata a mañá de hoxe, os gandeiros optaron por retirar os tractores.

“A resolución da Subdelegación do goberno anulaba a tractorada”

Segundo asegurou hoxe Odón Castro, un portavoz de Agromuralla, “con tal disposición dos tractores, a tractorada deixa de ter sentido porque deixan de cumprir coa finalidade da mesma: facer presión. “Ademais, a resolución foi ditada do xeito mais perxudicial para nós, ao non ter viabilidade xurídica un recurso fronte á mesma”, engadiu.

“Todo o cal temos que agradecer a CEL, á asociación de hostaleiros de Lugo, á Federación de Comercio ou ao Concello, que en todo momento se puxeron na nosa contra, a pesar de que os gandeiros somos os seus clientes e lles damos ganancia”, concluíu o portavoz de Agromuralla.

Así as cousas, este venres ás 16:30h os tractores sairán da muralla. Antes, ás 13:00 h haberá unha concentración diante a Xunta de Galicia e lerase un comunicado ás 13:30h.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información