As mobilizacións dos produtores lácteos galegos contra as grandes cadeas da distribución esténdense a outras partes de Galicia. A Plataforma en Defensa do Sector Lácteo Galego levará este luns a protesta a Lalín, Sarria, Monforte e Vilalba, bloqueando áreas comerciais de DIA, Eroski e Lidl.
En concreto, dende as 11:30 horas da mañá haberá protestas ante o Maxi Dia de Vilalba, ante o Eroski Center de Sarria, o Lidl de Monforte, e ante o Eroski de Lalín.
As mobilizacións consistirán en accións de información aos consumidores e consumidoras nos centros comerciais e na “concorrencia de tractores que manterán a súa presenza mentres non haxa resposta ás demandas dos gandeiros”.
A protesta súmase ao bloqueo indefinido cos seus tractores que manteñen na Coruña dende o pasado xoves ao Carrefour de Alfonso Molina e ao Alcampo de Palavea.
Os gandeiros protestan deste xeito contra estas cadeas de distribución ás que acusan de practicar una política comercial co leite e cos derivados lácteos que arruínan as explotacións lácteas galegas.
En concreto, dende a Plataforma sinalan que Alcampo, Carrefour, Lidl e Eroski non asinaron o acordo lácteo o pasado 23 de setembro e aplicaron unha suba de ata 6 céntimos no prezo de venda do leite que, sen embargo, non lla trasladaron aos gandeiros, que perciben unha media de 27 céntimos por litro, por debaixo dos custos de produción.
En canto a DIA, que si asinou o acordo lácteo, dende a Plataforma aseguran que o está a incumprir e que está a vender en España leite francesa a baixo prezo, en detrimento do leite galego.
Agromuralla realizará este mediodía un reparto no Eroski e este luns unha manifestación
En canto a Agromuralla, o outro colectivo de gandeiros que está a protagonizar na cidade de Lugo as mobilizacións contra a distribución, para esta tarde ten programado a partir das 15:00 horas un reparto gratuíto de leite pasteurizado no Eroski do Centro Comercial As Termas. Os gandeiros tamén informarán aos clientes e demandarán dos responsables da cadea comercial unha resposta ante a súa política empresarial co sector lácteo que impide que suban os prezos en orixe.
O principal acto de Agromuralla terá lugar mañá luns: unha manifestación a pé a partir das 12 horas do mediodía. A protesta sairá da Ronda da Muralla, nas proximidades da porta de San Fernando, e percorrerá diversos edificios administrativos da cidade.