Os gandeiros da Carqueixa, na mirada de Óliver Laxe

O director de ‘O que arde’, película filmada nos Ancares con participación dos veciños, implícase na realización de vídeos para difundir o manexo e xeito de vivir das persoas que integran a cooperativa

Os gandeiros da Carqueixa, na mirada de Óliver Laxe

O presidente da cooperativa, José Antonio Díaz, e o cineasta Óliver Laxe.

O cineasta Oliver Laxe e o presidente da cooperativa A Carqueixa, Jose Antonio Díaz, veñen de presentar na Casa Quindós, nos Ancares, a campaña audiovisual Gandería Heroica. É un proxecto composto de vídeos curtos a través dos cales Laxe dá a coñecer as artes, manexos e xeito de vivir das persoas que integran a cooperativa.

Os vídeos difundiranse nas redes de O Sabor dos Ancares, a iniciativa de comercialización directa de tenreira galega suprema da Carqueixa. O obxectivo é divulgar como traballan as persoas da cooperativa na cría dos seus animais. Trátase dun bagaxe de habilidades que conforman o que Laxe e Díaz califican de “Gandería Heroica”.

Nas propias palabras do cineasta, esa “gandería heroica, estes veciños que quedaron aquí, foi o que mantivo acesa a chama da candea dos Ancares”. Laxe explica que “estamos a falar de moitas décadas na que o mundo lles dixo que o facían non era lóxico nin rendible nin racional”. Neste sentido conclúe que “con todo en contra, coidaron dos Ancares con esas invisibles vacas libres que salpican a paisaxe, esas que fan a trashumancia ata os Ancares bercianos, con todo o que iso implica a nivel cultural, paisaxístico e medioambiental”.

Na rolda de prensa, celebrada na Casa Quindós, o inmoble que está a preparar o artista para ser un motor cultural e de desenvolvemento rural, Laxe subliñou que “esta campaña pon o foco sobre o traballo milenario que seguen facendo aquí os pastores, o pastoreo extensivo”.

Ao fío disto engadiu que cando se compra carne d’O Sabor dos Ancares, estase protexendo “un modo de vida e uns valores” que “seguirán existindo” e subliñou a importancia de iniciativas coma esta para manter os Ancares como un espazo rico en biodiversidade.

Pola súa banda o presidente da cooperativa, José Antonio Díaz, quixo reseñar a importancia de “dar a coñecer a nosa carne para poder manter a nosa vida no rural”.

A comercialización directa ao consumidor
Actualmente, a cooperativa A Carqueixa, está centrada na súa iniciativa de venda directa ao consumidor, O Sabor dos Ancares. A través da web www.osabordosancares.com comercializan a súa tenreira galega suprema en lotes e ao corte, que chega directa á casa dos consumidores unha vez fan o seu pedido na tenda online. O proxecto conta con menos de dous anos de vida e supón xa o 30% das vendas da cooperativa.

O Sabor dos Ancares, a carne de Inditex
Este proxecto é outra das mostras da implicación de Laxe co lugar do que é orixinario. Recentemente o director foi crucial para que a multinacional galega Inditex visitase os Ancares e coñecese a ‘Gandería Heroica’. Tras isto, chegaron a un acordo coa cooperativa e as persoas que traballan en Inditex levan xa un mes degustando esta carne, que se sirve en todos os comedores da empresa. Deste xeito, a cooperativa sinala que Inditex pretende seguir a súa política de traballar con produtos de proximidade e favorecer o traballo de pequenos produtores.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información