Os becerros, tanto de cebo como a recría, experimentaron esta semana unha suba na Central Agropecuaria de Galicia Abanca. Mentres, no vacún maior a tendencia foi á baixa, coa excepción das vacas de desvelle e os animais comercializados baixo o selo Vaca e Boi de Galicia.
Nas mesas de porcino e logo de varias semanas á baixa, o prezo do porco cebado estabilízase. Mentres, os leitóns experimentan unha nova suba. O mercado do ovo mantense estable esta semana.
Prezos do vacún
Facemos agora un repaso detallado polas distintas seccións do gando vacún para coñecer a evolución dos prezos. É preciso ter en conta que se trata de prezos medios e que o valor dos exemplares estará condicionado tamén por outros factores.
Nos animais de recría raza frisoa, os machos máis novos, de menos de 20 días, incrementaron o seu valor en 6 euros e sitúanse nos 84 euros. Nos exemplares frisóns de entre 20 e 50 días, o valor medio está nos 119 euros (+2). Os becerros pintos de máis de 50 días mantéñense sen cambios e teñen un prezo medio de 155 euros.
Nos becerros de recría de cruces industriais tamén houbo mínimas subas nalgunhas seccións, aínda que noutras os prezos foron máis baixos que a semana pasada. Os tenreiros máis novos sumaron 9 euros con respecto da última poxa e acadaron un valor medio de 358 euros. As femias desa categoría tiveron un incremento de 4 euros e sitúanse nos 240 euros. Nos machos de entre 20 e 50 días, o valor medio está nos 395 euros, ó sumar 6 euros. Pola súa banda, as femias descontaron 39 euros e quedan nos 255 euros. Nos exemplares de máis de 50 días, os machos rexistraron unha baixada de 6 euros e pasan a cotizarse de media a 524 euros, mentres que as femias descontaron 30 euros e sitúanse nun valor medio de 374 euros.
Aínda con algunha excepción, en boa parte das seccións dos becerros de cebo houbo subas. Os machos frisóns acadan un prezo medio de 981 euros, logo de cotizarse a semana pasada a 378 euros. Os machos de cruces industriais incrementaron en 20 euros o seu valor en comparación coa feira anterior e acadan os 1.027 euros. As femias cotizáronse a 1.125 euros, é dicir 100 euros máis que a semana pasada. Os machos de Rubia Galega tiveron un prezo medio de 1.131 euros, ó rexistrar unha baixada de 57 euros. As femias desta raza están nos 1.203 euros, ó sumar 114 euros. Pola súa banda, os animais comercializados baixo o selo de Ternera Galega Suprema tiveron un prezo medio de 1.119 euros (-53 euros).
No vacún maior a tendencia foi á baixa, con dúas excepcións. Así, os animais da categoría extra tiveron un prezo medio de 2.011 euros, o que amosa unha redución de 17 euros. As vacas de primeira experimentaron unha baixada de 44 euros e quedan nos 1.095 euros. Os exemplares de segunda cotizáronse a un prezo medio de 732, o que supuxo descontar 15 euros con respecto da semana pasada. Nas vacas de desfeito, o valor de referencia estivo nos 479 euros (+9 euros). Nos animais comercializados baixo o selo Vaca e Boi de Galicia o seu valor medio incrementouse nesta sesión en 88 euros e tiveron un prezo de referencia de 2.372 euros.
Subas nos leitóns
O porco cebado estabilízase esta semana, logo de acumular varias sesións con baixadas. Mentres, os leitóns continúan á alza. Así, os animais das categorías selecta e normal teñen un valor de 1,675 e 1,65 euros o quilo, respectivamente. Os porcos de Canal II están a 2,143 euros e os animais de descarte cotízanse entre 0,79 e 0,85 euros o quilo.
Os leitóns experimentaron un incremento de 3 euros para ambas categorías. Os exemplares chegados dunha única granxa están agora nos 83 euros (cun prezo de 4,15 euros o quilo) e os animais procedentes de varias ganderías cotízanse a 78 euros e cun prezo por quilo de 3,9 euros.
O mercado do ovo mantense sen cambios esta semana. Os ovos cun tamaño XL teñen un prezo de 2,98 euros a ducia, os da L están a 2,40 euros, mentres que os da M cotízanse a 2 euros e os da S sitúanse en 1,70 euros a ducia. Os animais semipesados de entre 2,1 e 2,2 quilos atópanse entre os 0,21 e 0,29 euros o quilo.
O prezo do coello continúa nos 2,65 euros o quilo, segundo a Mesa de Prezos Nacional do Coello (Loncun).