Os gandeiros acordan manter a tractorada de xeito indefinido

Elaboran unha táboa reivindicativa que lle trasladarán ás Administracións. Estudan se asistir ou non ás mobilizacións convocadas en Compostela a partir do luns

Os gandeiros acordan manter a tractorada de xeito indefinido

En primeiro termo, algúns dos gandeiros que actúan como representantes dos produtores dos seus respectivos concellos.

A tractorada de Lugo proseguiu por terceira noite consecutiva na muralla e todo apunta a que non será a última. Os gandeiros acordaron onte manter a protesta de xeito indefinido ata que non se atendan as súas demandas, que lle trasladarán ás Administracións. Prezo mínimo para o leite, garantía de recollida e a eliminación dos contratos abusivos son tres dos puntos irrenunciables para os produtores.

Co paso dos días, a organización e a estratexia dos gandeiros concentrados en Lugo vai collendo forma. No terceiro día da tractorada, os produtores acordaron nomear un representante por concello, de tal xeito que en reunións con arredor dunha vintena de persoas se lle dea forma ás decisións principais, con posterior consulta á asemblea. Foi o que se fixo onte coa táboa reivindicativa, pactada á tarde e lida á noite, pasadas as 23 horas, na asemblea. As principais propostas dos manifestantes son as seguintes:

– Constitución de novo da Mesa do Leite de Galicia, con presenza directa dos gandeiros. Creación da figura dun mediador para os contratos.

– Eliminación dos contratos variables 80-20 ou 70-20-10, polos que se paga a maior parte do leite a un prezo A e o resto a un prezo B referenciado ó valor dos produtos lácteos industriais (manteiga, leite en po, etc.). Eliminación dos contratos abusivos por baixo dos custos de produción.

– Marcar un prezo mínimo que cubra os custos de produción: 34 céntimos máis Iva máis calidades.

– Garantía total de recollida e de cobro do leite.

– Solución ós problemas que sosteñen os gandeiros que se dan coas analíticas do Ligal. Pídese unha mostra lacrada con copia para o gandeiro e para o Ligal. Eliminación das penalizacións desorbitadas.

Na reunión dos representantes por concellos, tamén houbo acordo sobre a necesidade de constituir unha organización propia que defenda os intereses dos produtores. Queda por concretar que forma xurídica se lle dará.

Asemblea este sábado á noite.

Asemblea este sábado á noite.

Entre as cousas pendentes por resolver, que se debatirán hoxe, figura a asistencia ou non ás mobilizacións convocadas a partir do luns en Compostela. O voceiro da tractorada, Roberto López, trasladoulle tamén á asemblea a proposta do Concello de Lugo de retirar os tractores a partir do luns para a zona do estadio Anxo Carro, unha proposta que en principio foi rexeitada, aínda que non se descarta un novo debate hoxe ó respecto. A asemblea de hoxe está prevista para as 5 da tarde, despois da xuntanza que manterán os representantes dos concellos a partir das 3 da tarde.

Petición de apoio á cidadanía

Os gandeiros solicitan tamén o apoio da cidadanía e piden que os veciños de Lugo se sumen as súas protestas.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información