As organizacións agrarias estudan accións conxuntas polo prezo do leite e estendelas a toda España

Os focos iniciais das protestas están postos na multinacional francesa Lactalis, a industria que máis leite recolle en Galicia, e en Larsa (Capsa), mentras a Xunta lanza balóns fóra e pídelle ao Ministerio que actúe

Un momento do Consello Agrario celebrado o xoves pola tarde

Un momento do Consello Agrario celebrado o xoves pola tarde, onde se falou da situación actual do sector leiteiro

O conselleiro do Medio Rural, José González, pídelle ao goberno do Estado que actúe de acordo coas súas competencias para garantir uns prezos xustos para os agricultores e gandeiros que aseguren unha marxe de beneficio para os produtores. As organizacións agrarias, mentres, estudan converter a mobilización do día 11 nunha acción conxunta a tres bandas de Unións Agrarias, Sindicato Labrego e Asaga Galicia. Demandan un cambio de postura das industrias e medidas tanto da Xunta, á que parte das organizacións lle piden a convocatoria da Mesa do Leite, como do Ministerio.

Por parte da Consellería do Medio Rural, José González, que presidiu o xoves á tarde en Boqueixón unha nova xuntanza do Consello Agrario Galego, asegura que a Xunta non pode actuar fixando prezos mínimos para os produtos agrícolas ou gandeiros porque isto non está permitido pola normativa de competencia, ao consideralos unha restrición ao libre mercado.

Tendo en conta isto, o conselleiro reiterou por carta a semana pasada ao ministro, Luis Planas, a solicitude de que se teña en conta no texto final da Lei de medidas para mellorar o funcionamento da cadea alimentaria, actualmente en tramitación no Senado, o recoñecemento dos resultados económicos da Conta Láctea, a aplicación creada pola Xunta, ou outra aplicación oficial como forma de acreditación do custo efectivo de produción das granxas.

O artigo 12 ter da Lei da cadea alimentaria recolle claramente que se deberá evitar a venda a perdas

O artigo 12 ter da Lei da cadea alimentaria recolle claramente que se deberá evitar a venda a perdas, polo que o conselleiro entende que a demanda de incorporar Conta Láctea na propia norma debe ser tida en conta para mellorar a actual situación negociadora dos gandeiros á hora de asinar os contratos coa industria.

Así mesmo, o titular de Medio Rural fixo un novo chamamento aos axentes da cadea para que trasladen, canto antes, a suba dos prezos aplicada pola distribución nos lineais dos supermercados ata os gandeiros, co fin de que se faga efectivo o equilibrio entre todos eles.

A Xunta non pode actuar fixando prezos mínimos para os produtos agrícolas ou gandeiros porque isto non está permitido pola normativa de competencia (José González, conselleiro do Medio Rural)

Por último, o titular de Medio Rural anunciou que xa iniciou a tramitación do Observatorio lácteo e da marca Leite de pastoreo de Galicia, un selo que vén a reforzar a marca Galega 100%, e volveu citar a posta en marcha do Plan de pastos e da Lei de recuperación da terra agraria de Galicia, que permitirían dotar de máis base territorial para a produción de forraxes ás explotacións.

“Xunta e Ministerio poden facer máis do que están facendo”

O Consello Agrario contou con presenza dos sindicatos Unións Agrarias e Sindicato Labrego Galego, que centraron boa parte das súas demandas na actual situación do sector leiteiro, malia que este punto non figuraba na orde do día da reunión convocada pola Xunta. 

“A Xunta xustifica a súa inacción dicindo que na Lei da Cadea non ten nada que facer e que xa cumpriu elaborando a app Conta Láctea, pero sempre se pode facer máis do que se está facendo, tanto por parte da Xunta como do Ministerio”, recalca Javier Iglesias, de UUAA. 

Debe establecerse un sistema de mediación en Galicia que impida os abusos sobre a parte produtora e que garanta que os contratos non sexan de adhesión (Isabel Villalba, SLG)

Desde o SLG din que “a Consellaría do Medio Rural ten a obriga moral de tentar tódalas vías posibles para recuperar unhas condicións que garantan a viabilidade de toda as granxas galegas” e piden “a convocatoria urxente e con carácter permanente da Mesa do Leite, desenvolver referencias de custos de produción por parte da administración que fagan que sexa real a aplicación da prohibición de venda a perdas que se recolle na Lei da Cadea e establecer un sistema de mediación en Galicia que impida os abusos sobre a parte produtora e que garanta que os contratos non sexan de adhesión”, entre outras medidas.

O impago do leite non pode ser un mecanismo de financiamento de industrias en crise ou mal xestionadas

Ademais, o Sindicato Labrego quere que se prohiba que os operadores lácteos, sexa industria ou primeiro comprador, poidan operar se non teñen aval suficiente para o pago do leite, ou se se teñen detectado faltas de pagamento con anterioridade. “O impago do leite non pode ser un mecanismo de financiamento de industrias en crise ou mal xestionadas; as granxas non son entidades financeiras”, din. De cara a reducir os custos de produción, o SLG pide axudas da Administración a “programas de desintensificación”.

Modificación dos contratos asinados

O responsable do sector de leite de UUAA fala dun incremento de custos “brutal” neste momento e dunha situación de incertidume de cara aos vindeiros meses. “Non sabemos se vai ser unha situación a longo prazo ou coxuntural, pero cando menos de cara ao ano que vén os plásticos de uso agrario van duplicar o seu prezo e os fertilizantes nitroxenados, que precisan máis enerxía para seren producidos, tamén, mentres que as materias primas para a alimentación do gando desde setembro encarecéronse un 45%, o que supón que un penso para vacas de leite ten un incremento de custo neste momento que ronda os 30 euros por tonelada pero o grave é o que está por vir, e podería subir ata os 60 euros”, prognostica. Todo sumado implicaría un sobrecusto total de 2,5 céntimos en litro de leite, calcula UUAA. “Iso implica unha necesidade de modificar os contratos lácteos”, defenden. 

UUAA calcula un sobrecusto neste momento de 2,5 céntimos por litro de leite producido, o que implicaría a necesidade de actualizar os contratos que vencen na vindeira primavera

“Lactalis é moi reacia a modificar os seus contratos cos gandeiros e é a empresa que máis leite recolle e Capsa é a segunda”, denuncia Unións Agrarias. “Somos conscientes de que a maioría dos gandeiros ten asinado un contrato ata a primavera, pero hai unha Lei da Cadea que implica que calquera contrato que fixe un prezo de compra por baixo dos custos de produción debe ser modificado. Se a situación de custos varía, a situación contractual ten que variar tamén”, defende Javier Iglesias.

Nese senso, e en vista da resistencia de Larsa e Lactalis a cumprir con esta obriga legal; UUAA impulsará unha campaña para que os produtores tomen a iniciativa e, por primeira vez na historia, sexan os gandeiros quen emitan ás industrias a factura correspondente ao seu aumento de custos.

Unidade de acción nas protestas?

Trala marcha celebrada esta semana en Lugo convocada por Agromuralla, a vindeira acción de protesta terá lugar o vindeiro xoves diante da planta de Lactalis en Vilalba convocada por UUAA, que dará continuidade tamén ás mobilizacións o día 16 na factoría de Larsa en Outeiro de Rei. 

O SLG lanzou este venres a todo o sector lácteo unha proposta clara de unidade de acción nas mobilizacións e actos de protesta que se están a convocar “que eviten a ilusión de que unha mobilización puntual pode resolver este problema”.

Neste sentido, a secretaria xeral do Sindicato Labrego Galego, Isabel Villalba, trasladou xa o xoves á tarde, ao remate do Consello Agrario, a Unións Agrarias a proposta de que a mobilización do día 11 en Vilalba diante da empresa Lactalis, como empresa que ten a maior recollida de leite en Galicia e principal responsable dos baixos prezos actuais, sexa unitaria e poida ser respaldada pola totalidade do sector.

Desde o SLG piden mobilizacións conxuntas, unha proposta á que se suma ASAGA

Desde o sindicato convocante, UUAA, responden mostrándose abertos a estudar a proposta. “Estámolo valorando. Nos próximos días tomaremos unha decisión pero inicialmente non o descartamos”, asegura Javier Iglesias. 

Á proposta de unidade sumouse tamén este venres a Asociación Agraria de Galicia (Asaga), que se manifestará tamén o día 11 fronte a Lactalis en Vilalba e o 16 fronte a Larsa en Outeiro de Rei.

Haberá mobilizacións unitarias tamén en Castela e León, Andalucía e Cantabria durante este mes de novembro

A asociación avanza tamén que durante este mes de novembro terán lugar ademais accións conxuntas convocadas por COAG, UPA e ASAJA en Castela e León, Cantabria e Andalucía. Así, a maiores dos actos do 11 e 16 de novembro en Galicia, haberá concentracións o día 9 fronte a Lactalis en Zamora e o día 11 diante da factoría da mesma empresa en Granada. En Cantabria os gandeiros levarán a cabo unha tractorada a última semana de novembro.

O obxectivo deste calendario conxunto estatal de mobilizacións é “que as industrias e a gran distribución recoñezan o incremento de custos e deixen de presionar e afogar ao primeiro eslabón da cadea”, din.

A Xunta agarda 90 millóns de euros máis para Galicia nas axudas da nova PAC

O conselleiro do Medio Rural tamén detallou na reunión do Consello Agrario deste xoves os últimos avances na negociación da futura Política Agraria Común, poñendo en valor o incremento de fondos que lograría Galicia cos novos criterios de reparto. A Xunta agarda que a comunidade logre 90 millóns de euros máis dos que percibe hoxe, dos que 11,8 millóns de euros anuais corresponderíanse coas axudas asociadas ao vacún de leite en Galicia, aos que se sumarían uns 25 millóns máis en novas hectáreas con dereito de cobro. 

Porén, José González resaltou que é preciso seguir traballando para adecuar a PAC ás especificidades da España húmida. Así, avanzou que se mellorou substancialmente o deseño dos ecoesquemas, pero que é preciso buscar unha maior simplificación na súa execución, co fin de lograr un maior grao de cumprimento por parte dos solicitantes perceptores para facelos máis atractivos e aproveitables.

Hai 700.000 perceptores da PAC en España, moitos deles xubilados, algo que é unha anomalía dentro de Europa (Javier Iglesias, UUAA)

Desde UUAA non comparten a euforia mostrada polo titular de Medio Rural. “Non se cumpriron as espectativas nos grandes retos que tiñamos por diante nesta nova PAC, que eran os relativos aos teitos en canto á cantidade máxima a cobrar por perceptor (capping), na definición de agricultor xenuino e no alcance dos pagos redistributivos”, asegura Javier Iglesias.  

“Percibimos que hai demasiadas presións para converter esta nova PAC na PAC das comunidades autónomas e non na PAC dos agricultores e gandeiros. Ao conselleiro preocúpalle a cifra total que vai lograr e a nós preocúpanos a quen van dirixidos eses cartos”, engade.

Ao conselleiro preocúpalle a cifra total que vai lograr e a nós preocúpanos a quen van dirixidos eses cartos

“Quedan flecos importantes por pechar, como son os ecoesquemas e os umbrais para o seu cobro, así como as porcentaxes do pago redistributivo, e pensamos que hai incoherencias nos baremos das axudas acopladas en leite e carne. Podemos entender que se aumente o tamaño de granxa, pero pensamos que as explotacións de leite non duplicaron o seu tamaño desde o 2015 para ter que pasar de 75 vacas a 150, ao mesmo tempo que é unha incongruencia que se estableza o teito para a percepción de axudas da PAC nas 725 vacas adultas cando hai un Real Decreto que pretende establecer o límite máximo de animais por explotación en 725 UGM, que veñen sendo unhas 600 vacas en produción, polo que é unha incoherencia que a partir dese número de animais sigan tendo dereito a cobro de axuda”, argumenta. 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información