A Organización Galega de Comunidades de Montes prepara propostas para a xestión dos montes veciñais

O colectivo, que celebrou a pasada fin de semana o seu congreso, anuncia que lle trasladará á Xunta alternativas para reactivar os montes que estean en estado de abandono

Publicidade
A Organización Galega de Comunidades de Montes prepara propostas para a xestión dos montes veciñais

A Xunta calcula que hai un milleiro de montes veciñais inactivos. / Arquivo.

O congreso que vén de celebrar a Organización Galega de Comunidades de Montes abordou o que o colectivo considera novos intentos privatizadores do monte veciñal. A Organización critica a normativa aprobada pola Xunta o pasado decembro, que permite que os montes que se declaren en estado de grave abandono sexan entregados en concesión por periodos de 50 anos.

Desde o colectivo consideran que na posible declaración de montes en estado de abandono, hai que distinguir os montes que levan anos sen xunta rectora daqueles que, tendo xunta rectora, atravesen por dificultades de xestión por motivos financieiros ou outros. Por elo, o presidente da Organización, Xosé Alfredo Pereira, anuncia que en breve lle trasladarán á Xunta unha alternativa para o manexo dos montes con dificultades de xestión, que segundo os cálculos da Administración rondan o milleiro.

A respecto dunhas recentes declaracións do director xeral de Ordenación e Produción Forestal, Tomás Fernández Couto, nas que Couto sinalaba que as concesións dos montes veciñais en estado de abandono poderían ser solicitadas por cooperativas ou por outros montes veciñais, non só por empresas privadas, Pereira considéraas unha “pequena victoria” pola presión que están a exercer, “xa que na normativa non se indica nada diso”, valora.

Así as cousas, os montes veciñais afrontan un futuro incerto nun contexto rural marcado pola despoboación do interior galego e as dificultades de relevo xeneracional. A estas circunstancias, hai que sumar a vontade xa manifestada pola Administración autonómica de retirarse progresivamente dos montes veciñais que manteñen un convenio coa Xunta.

Eucalipto
No congreso da Organización Galega de Comunidades de Montes, aprobáronse tamén as propostas do colectivo sobre as plantacións de eucalipto. “O eucalipto ten que ter o seu sitio no monte galego, pero na situación actual é precisa unha moratoria que prohíba novas plantacións”, demanda Xosé Alfredo Pereira.- “Hai que eliminar os eucaliptos de zonas agrarias, ribeiras e zonas de Rede Natura e a continuación establecer unha ordenación das novas plantacións, que deberán estar ben xestionadas e adicar unha parte da superficie á produción de madeira de calidade, non só á produción de pasta de papel”, propón.

Renovación da xunta rectora

A xunta rectora da Organización Galega de Comunidades de Montes renovouse a pasada fin de semana no congreso que celebrou a entidade en Rianxo. Dos 17 membros da xunta rectora, permanecen só 3 -entre eles, o seu presidente-, e entran 14 integrantes novos, entre os que hai persoas mozas e mulleres. “Pasamos de unha muller a catro e renovamos por completo a xunta rectora”, destacou Pereira.

Reunións da Xunta en Dozón e na Gudiña polas parroquias de alta actividade incendiaria

A conselleira co alcalde de Dozón, Adolfo Campos, e Antonio Crespo á dereita.

A conselleira co alcalde de Dozón, Adolfo Campos, e Antonio Crespo á dereita.

A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, acudiu onte ó concello de Dozón á primeira reunión de estudo e control da alta actividade incendiaria nas parroquias rexistradas no Pladiga (Plan de Defensa contra Incendios) como PAAI (parroquia de alta actividade incendiaria).

A conselleira destacou que estas reunións de traballo, que serán un total de 15, pretenden poñer sobre a mesa as posibles causas dos incendios forestais nas 77 PAAI rexistradas este ano no Pladiga, co fin de poder actuar antes, durante e despois dos lumes. “Temos que analizar se hai problemas para poder atallalos con diálogo e disuasión”, de aí que un dos obxectivos destas xuntanzas sexa mellorar os mecanismos e a coordinación en materia de prevención, extinción e investigación de lumes e reforzar a cooperación cos corpos policiais nestas tarefas.

Na xuntanza de traballo estiveron presentes representantes dos concellos de Dozón, Lalín e Silleda. Tamén participaron técnicos de Medio Rural, representantes da Garda Civil e da Policía Autonómica da zona e diferentes axentes sociais públicos e privados con presenza no territorio, tales como comunidades de montes.

En total haberá 15 reunións nas catro provincias, concentrando en cada un deles a varios municipios afectados . Onte celebrouse tamén unha segunda reunión organizada na Gudiña (Ourense), á que tamén acudían representantes do concello da Mezquita. Neste caso, as PAAI analizadas foron en total 12, das cales 6 pertencen ao primeiro municipio e catro ao segundo. O encontro contou coa presenza da delegada da Xunta en Ourense, Marisol Díaz.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información