Ofrécese formación para persoas que se queiran incorporar á viticultura nas Terras do Navia

Publicidade
Ofrécese formación para persoas que se queiran incorporar á viticultura nas Terras do Navia

Mónica Freire e Roberto Rivas, no centro, xunto a adegueiros de Adega Panchín e Adega Sidrón e potenciais produtores

O departamento de Medio Rural da Vicepresidencia da Deputación de Lugo impulsará a recuperación da vitivinicultura na conca do Navia. A través dun convenio coa Asociación Galega de Viticultura (AGV), a área dirixida por Mónica Freire financiará un programa de formación e asesoramento dirixido a persoas viticultoras ou interesadas en incorporarse á produción de viño no territorio da futura IXP Terras do Navia – Negueira de Muñiz e parte dos concellos de Navia de Suarna e A Fonsagrada-.

A responsable provincial visitou este martes Negueira de Muñiz para dar conta do proxecto co que, explicou, “queremos crear as condicións para materializar o potencial vitivinícola que ten esta zona e reverter o abandono de cultivos que se produciu nas últimas décadas”.

Mónica Freire sinalou que “a formación e o asesoramento ás persoas produtoras e elaboradoras son chave para aproveitar as cualidades das castes autóctonas e a singularidade do territorio, máis no escenario que se abrirá coa aprobación dun selo de calidade como é a IXP”. A deputada nacionalista engadiu que “o desenvolvemento deste programa é tamén unha aposta por crear proxectos novos que axuden a fixar e traer poboación á zona”.

O presidente da Asociación Galega de Viticultura, Roberto Rivas, explicou que, ademais das dúas bodegas que xa elaboran viños (Panchín e Sidrón), hai xente nova interesada en coller o testigo da viticultura, en manter as viñas familiares ou plantar viñas novas, e que precisan asesoramento nese proceso”.

Programa de formación, asesoramento e divulgación

O programa, que conta cunha achega de 21.000 euros da área de Medio Rural, inclúe diferentes actividades, ligadas á formación, ao asesoramento e á divulgación dos viños e do territorio.

No eido da formación, desenvolveranse obradoiros e relatorios sobre as características, posibilidades de cultivo e potencial produtivos das castes autóctonas, planificación de parcelas e sistemas de plantacións, fertilización e manexo do solo, poda e sistemas de formación, defensa vexetal e control de doenzas e pragas ou cultivo da vide en ecolóxico.

A Asociación Galega de Viticultura creará un soporte técnico e de asesoramento, con persoal cualificado que preste servizo ás persoas viticultoras, tanto no campo administrativo como produtivo, mediante visitas concertadas en datas e lugares.

No relativo á divulgación dos viños e do territorio da IXP Terras do Navia, realizaranse coloquios, catas comentadas e vídeos divulgativos, así como un encontro adegueiro das IXP galegas.

As actividades desenvolveranse ao longo de 2021 nos concellos de Negueira de Muñiz, A Fonsagrada e Navia de Suarna.

A IXP, pendente da aprobación de Europa

O impulso dunha IXP vinculada a bacía do Navia é unha vella demanda dos produtores que a Asociación para a Defensa das Variedades Autóctonas e dos Viñedos da Ribeira do Río Navia formalizou ante a Consellería do Medio Rural en 2019.

O pasado mes de xuño, a Xunta deu luz verde á súa tramitación, pendente agora da resolución de Comisón Europea e da inscrición no rexistro comunitario de denominacións de orixe e indicacións xeográficas protexidas. De confirmarse a súa aprobación, Terras do Navia sería a única IXP da provincia de Lugo e a quinta de Galiza.

Dacordo coa solicitude tramitada, a área xeográfica amparada polo selo de calidade abranguería o concello de Negueira de Múñiz, na súa totalidade, e parte dos concellos de A Fonsagrada (parroquias de Cereixido, Lamas de Moreira, Monteseiro, San Martiño de Suarna, Vilabol de Suarna e Vilar de Cuíña) e Navia de Suarna (parroquias de A Pobra de Navia, Barcia, Castañedo, Muñís, Mosteiro e A Ribeira.

Segundo os datos da AGV, este territorio conta na actualidade cun 29 hectáreas de viñedo inscritas no Rexistro Vitícola Galego, fronte ás 63 has coas que contaba a mediados dos anos 50.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información