As organizacións profesionais agrarias ASAJA, COAG e UPA, así como AVIANZA, (Asociación Interprofesional Española de Carne Avícola) levaron a cabo negociacións desde o pasado verán, coa única finalidade de pór en marcha un Contrato Tipo de integración que asegure o cumprimento efectivo da lei da cadea alimentaria, en especial por parte da distribución O obxectivo é consolidar un acordo no primeiro trimestre do 2024.
Desde o sector lembran que “a produción agrogandeira atópase nun contexto socio-económico crítico desde hai case 3 anos, que necesita un diálogo continuo por parte de todos os axentes, incluídas as empresas da distribución”.
“Atopámonos -engaden- ante un sector que, a pesar da redución xeneralizada da produción e o consumo de carnes, mantén unha tendencia positiva, que debe verse reflectida na renda de toda a cadea de valor deste alimento, desde a produción, as empresas integradoras e todas as industrias de servizos asociadas (…..), cunha repartición equilibrada do valor económico entre todos os axentes, e neste aspecto, as empresas da distribución teñen e deben asumir un papel fundamental”.
Neste sentido, en abril de 2023 constituíuse de forma oficial o Comité Executivo de Integración, que ten como obxectivo a revisión e actualización das Bases do Contrato Tipo de Integración, que establece as principais garantías e o marco de actuación para a regulación da actividade entre as empresas produtoras (integradoras) e os seus integrados (granxas avícolas), actualizando e mellorando as condicións da produción, e estandarizándoas a nivel nacional.
Este Comité Executivo de Integración é un instrumento operativo para o debate construtivo e a negociación proactiva da relación entre as empresas integradoras e os granxeiros dedicados á produción de carne avícola en España.
En España prodúcense cada ano máis de 1.6 millóns de toneladas de carne avícola -o segundo produtor a nivel da Unión Europea-, correspondente a 793 millóns de aves, segundo datos do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación en 2022.