O sistema agrario en terrazas en Galicia remóntase á Alta Idade Media

A tese da investigadora do CSIC Paula Ballesteros Arias constata o uso do sistema de terrazas desde os primeiros séculos da Alta Idade Media en base a traballos arqueolóxicos realizados na Cidade da Cultura, a Serra do Suído e no Parque das Illas Atlánticas

O sistema agrario en terrazas en Galicia remóntase á Alta Idade Media

Traballos arqueolóxicos realizados no monte Gaiás, en Santiago de Compostela que permitiron datar os sistemas de terrazas. // Foto CSIC.

A orixe do sistema agrario en terrazas en Galicia data dos primeiros séculos da Alta Idade Media, segundo revelou a tese desenvolvida por Paula Ballesteros Arias, investigadora  do Instituto de Ciencias do Patrimonio (Incipit), situado en Santiago de Compostela e dependente do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC). Esta investigación, cuxos resultados presentou de forma online recentemente na Universidade do País Vasco, evidencian e datan o inicio da transformación da paisaxe rural galega até producir as características do sistema tradicional, que aínda hoxe permanece en uso en moitas zonas do territorio galego.

O principal obxectivo da tese era coñecer a xenealoxía da paisaxe agraria en Galicia, a súa organización e significación social, xunto cos procesos de cambio constatados ao longo do tempo até a actualidade. Para levar a cabo este traballo, a investigadora centrouse en analizar estudos arqueolóxicos e traballo de campo etnográfico executados en distintos puntos de Galicia.

Ballesteros analizou traballos de campo realizados en contexto de arqueoloxía de xestión (Rede de Gasificación de Galicia 1995-1999); un complexo arquitectónico cultural (A Cidade da Cultura, Santiago de Compostela 2001); parques eólicos (serra de Ou Suído, Pontevedra-Ourense 2003-2005); e proxectos de investigación do Plan Nacional no Parque Nacional das Illas Atlánticas (Illa de Ons, Pontevedra, 2010- 2013) e do Plan Galego Relacionado co Camiño de Santiago (Olveiroa, A Coruña 2009-2012).

Unha vez constado este sistema construtivo na época Altomedieval e considerándoo como unha construción cultural cun importante significado histórico e social de indubidable envergadura, a tese analiza como actualmente esta paisaxe agraria se abandona e mesmo se oculta baixo a demanda de novas prácticas asociadas ao turismo.

Varios tipos de paisaxe

O estudo realízase nos diferentes elementos da paisaxe agraria, desde as terrazas até as pegadas da tecnoloxía agraria. Na investigación, Ballesteros analiza desde o punto de vista formal e cronolóxico a paisaxe co obxectivo de ofrecer unha visión diacrónica sobre como se constrúe e se forma desde a Alta Idade Media.

Nos seus traballos, a investigadora constata varios tipos de paisaxes: agrario medieval, comunitario medieval, medieval en uso e naturalizado.

No caso da Cidade da Cultura (Monte Gaiás, Santiago de Compostela) emprazada nun espazo agrario en uso, a investigadora utilizou o método arqueolóxico e a análise radiocarbónicos sobre as terrazas de cultivo. O seu traballo sitúa no limiar da Alta Idade Media a construción destas paisaxes agrarias en terrazas.

Na Serra do Suído (Pontevedra e Ourense) Ballesteros segue o método arqueolóxico e etnográfico, e documenta unha paisaxe gandeira moi significativo actualmente en desuso.

Nun lugar de Olveiroa (Dumbría, A Coruña), atravesado polo Camiño de Santiago, os procesos relacionados coa valorización do patrimonio serviron para reactivar a memoria colectiva e o vínculo de pertenza ao lugar.

Na Illa de Ons (Bueu, Pontevedra), acométese un estudo diacrónico de ocupación desde o Neolítico até a actualidade. Ballesteros constata a paisaxe agraria tradicional, nun territorio que está orientado á conservación da natureza.

A autora realizou a investigación no marco de contratos de investigación no Instituto de Ciencias do Patrimonio baixo a dirección de Felipe Criado Boado e Cristina Sánchez Carretero, profesor de investigación e científica titular, respectivamente, do citado Instituto do CISC. O seu traballo de tese obtuvo a máxima calificación.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información