O Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC), que dispón da figura de Unidade Asociada para colaborar con outras institucións en áreas comúns ás dos seus institutos, concedeu, por Resolución da súa Presidencia, esta condición, a través da Misión Biolóxica de Galicia, a “FARMABRASSICAS: metabolitos de plantas e saúde humana” da Universidade de Santiago de Compostela (USC). O investigador responsable da Unidade Asociada é Manuel Freire-Garabal Núñez, catedrático da USC, e o investigador responsable do CSIC coa Unidade Asociada é Pablo Velasco Pazos, científico titular na MBG.
A Unidade Asociada xorde no marco da colaboración científica previa, desde fai algo máis dunha década, entre o grupo Xenética, Mellora e Bioquímica de Brásicas da MBG-CSIC e o LABORATORIO SNL-LENNART LEVI da USC, cando iniciaron no marco de diferentes proxectos de investigación unha liña de traballo centrada no estudo do efecto dos compostos glucosinolatos presentes nos cultivos de básicas en diferentes liñas celulares de cancro de mama e próstata.
O grupo da USC ten como actividade principal o descubrimento de compostos de orixe natural e sintética con actividade antitumoral, mentres que o grupo da MBG ten unha das súas liñas de investigación centrada no estudo dos compostos bioactivos presentes en cultivos de brásicas como os grelos, o repolo ou as verzas.
“Nas últimas décadas prestouse unha gran atención á prevención do cancro por medio de produtos naturais e, en concreto, ás propiedades quimioprotectoras dos compostos glucosinolatos presentes na familia de plantas crucíferas (Brassicaceae). Os glucosinolatos e os seus produtos de degradación, os isotiocianatos (ITCs), son compostos únicos e exclusivos destas plantas que actúan fronte a diferentes enfermidades a través da protección contra a inflamación e #estrés oxidativo nas células, retardando ou previndo certos cancros e outras enfermidades cardiovasculares ou neurodegenerativas. Por iso, non é de estrañar o gran interese que xerou na comunidade científica o estudo da relación entre o contido en ITCs e a diminución da incidencia de determinados tipos de cancro en humanos”, explica Pablo Velasco.
“Neste contexto, e impulsados agora polo recoñecemento da Unidade Asociada, imos seguir avanzando no cribado de compostos con efectos antitumorais presentes en brásicas e os seus metabolitos secundarios, así como no estudo de mecanismos de acción e desenvolvemento de aplicacións terapéuticas”, avanza Manuel Freire-Garabal.
“A Unidade Asociada non só permitirá obter resultados no ámbito da mellora dos cultivos e da produción agraria sostible, senón que tamén contribuirá a estreitar as relacións entre a USC e o CSIC en xeral e entre a Facultade de Medicina e Odontoloxía e a MBG en particular, o que podería favorecer a xeración doutras novas sinerxias”, destacan. Entre outras actuacións, prevese a publicación en conxunto de artigos científicos sobre os resultados alcanzados nas investigacións para desenvolver pola Unidade Asociada ou a celebración de accións de formación e divulgación, entre outras.
O CSIC e as Unidades Asociadas
O Estatuto do CSIC establece como unha das súas funcións “a colaboración con outras institucións no fomento e a transferencia da ciencia e a tecnoloxía, así como a colaboración coas universidades nas actividades de investigación científica e desenvolvemento tecnolóxico”. Neste contexto, enmárcase a figura de “Unidade Asociada ao CSIC”.
As unidades susceptibles de ter esta figura son os departamentos, laboratorios, grupos de investigación ou outras estruturas de I+D+i, pertencentes a universidades, organismos de investigación, centros tecnolóxicos e calquera outras institucións ou entidades de carácter público ou privado, sen ánimo de lucro, que estean a desenvolver actividades científicas ou tecnolóxicas en áreas comúns, afíns ou complementarias ás dun ou máis institutos do CSIC e manteñan con este/s relación estable de cooperación científica. As Unidades Asociadas están reguladas por Resolución do 28 de xuño de 2017, do Consello Reitor da Axencia Estatal CSIC.