Viña

O renacer da viticultura nas ribeiras do Navia: Experiencias de 3 novos produtores

O recoñecemento da IXP Terras do Navia está a impulsar a profesionalización do sector e a animar a novos produtores a facer plantacións de branca lexítima e outras castes autóctonas nos concellos de Negueira, Navia e A Fonsagrada. Falamos con tres deles para que nos conten os seus plans de futuro

Loading ad.
Ad could not be loaded.
Camilo Friol 08/05/2024 3:38 p.m.

O viño está a renacer con forza na conca do río Navia. O respaldo logrado fai un ano por esta zona tradicional de produción co recoñecemento da Indicación Xeográfica Protexida está a servir para relanzar plantacións e proxectos de novas adegas que farán medrar nos vindeiros anos a oferta actual, permitindo aos viños da zona acadar novos mercados.

Neste momento nos tres concellos que abrangue a IXP (Negueira, Navia e A Fonsagrada) hai entre 20 e 22 hectáreas de viñedos en produción pero só tres adegas que embotellan e venden coa súa marca e a etiqueta da IXP: Adega Panchín e Adega Sidrón en Negueira e Adega da Señora en Navia.

O apoio de enólogos e o paso pola barrica está a sentar ben aos viños do Navia

Loading ad.
Ad could not be loaded.

Entre as tres elaboran uns 20.000 litros de viño ao ano e posúen a metade do total de hectáreas en produción, unhas 3 hectáreas cada unha delas. O resto das vides pertence a medio cento de colleiteiros que elaboran viño para a casa ou que venden a granel os excedentes.

Unha aposta pola singularidade

O territorio que percorre o cauce do río Navia está cheo de pequenos viñedos, algúns deles abandonados durante décadas e que nos últimos anos están a ser recuperados. Pero a falta de dereitos de plantación é un hándicap co que se atopan os novos produtores, ao igual que o pequeno tamaño das fincas tamén dificulta a ampliación dos viñedos.

Loading ad.
Ad could not be loaded.

As variedades e cepas centenarias sobreviviron nunha zona con características únicas, que tamén teñen os seus viños

A introdución de variedades foráneas trala filoxera conviviu na zona con castes autóctonas como a branca lexítima ou o tinto serodio, que son o verdadeiro emblema da IXP e que sobreviviron nunha zona xeográfica con características únicas, que tamén teñen os seus viños.

Os viños do ano propios desta zona están a gañar prestixio a medida que as adegas decidiron contar co apoio de enólogos para a elaboración e o paso por barrica está a abrir novas oportunidades para chegar fóra do mercado local, no que se mantiveran os viños do Navia durante boa parte do século XX.

Loading ad.
Ad could not be loaded.

Desde que se conseguiu a IXP isto colleu outro ritmo; agora aparecemos como unha zona vitivinícola máis de Galicia e temos un selo de calidade diferenciada que nos respalda

“Desde que se conseguiu a IXP isto colleu outro ritmo. Estás amparado por un selo de calidade diferenciado e iso  axúdache a posicionarte e a promocionarte. Agora aparecemos como unha zona vitivinícola máis de Galicia. Notamos que os viños son máis coñecidos fóra desta zona, chegamos vendendo xa a Madrid e Barcelona e hai algún distribuidor de fóra de Galicia interesado, pero a produción que temos de momento é pequena para dar ese salto a gran escala”, recoñecen os adegueiros máis veteranos.

En producións pequenas como son as que temos aquí que abran novas adegas non supón competencia, ao contrario, porque onde non chega un sempre pode chegar o outro

“En producións pequenas como son as que temos aquí que abran novas adegas non supón competencia, ao contrario, serve para apoiarnos uns aos outros, para dar a coñecer os viños da zona entre todos e para abrir mercado, porque onde non chega un sempre pode chegar o outro”, din.

Mentres, para os novos o viño supón unha oportunidade de futuro para poder quedar a vivir no lugar onde naceron ou para voltar ao lugar do que tiveron que marchar os seus pais. Falamos con tres destes novos viticultores dos concellos de Negueira de Muñiz e Navia de Suarna para que nos conten os seus proxectos.  

[box style="0"]

“Notamos máis interese polos viños da zona; antes serviamos máis Rioja ou Ribera del Duero”

[caption id="attachment_229942" align="aligncenter" width="660"] José, xunto ás vides das que ten previsto comezar a embotellar viño o vindeiro ano[/caption]

José Manuel López Méndez é na actualidade o presidente da Asociación Pola Defensa das Variedades Autóctonas e Viñedo da Conca do Río Navia, que engloba a 29 produtores dos concellos de Negueira, Navia e A Fonsagrada e que organiza a feira do viño que cada ano se celebra no mes de abril.

“A nova xeración collimos o testigo fai dous anos dos que empezaron, de Manuel Cancio e Paco Sanromán, pero eles seguen a ser a referencia para nós, axúdannos e dannos consello”, recoñece Jose, que ten 31 anos e ten pensado quedar en Negueira e labrar o seu futuro en relación ao viño.

Vin que o viño podía ser unha oportunidade para quedarme aquí e traballar nisto

“Na casa xa había algún viñedo. Era o meu pai quen os atendía pero eu desde pequeno sempre vivín iso e vin que o viño podía ser unha oportunidade para quedarme aquí e traballar nese sector”, asegura.

Jose é da Casa Vizcaín, o mesmo nome que ten pensado poñerlle á adega. Hoxe xa teñen habitacións e restaurante, onde nota o tirón que están a ter os viños da zona. “Notamos máis interese a raíz de conseguir a IXP. Cada vez a xente che pide máis viño de Negueira, antes no bar serviamos máis Rioja ou Ribera del Duero”, recoñece.

Na casa xa había algún viñedo e levamos tres anos plantando. A nosa intención é ter a adega xa para o ano que vén e empezar a embotellar

Desde fai tres anos empezaron a plantar e neste momento xa contan con dúas hectáreas e media. “As de vello son mencía e as que estamos plantando agora son branco lexítimo e tinto serodio”, explica.

“Facemos viño para a casa, non embotellamos aínda. A nosa intención é facer unha adega, tería que estar para o ano que vén sen falta, porque nas vides que plantamos fai tres anos xa imos ter produción”, remarcan desde a futura Adega Vizcaín.

[/box]

[box style="0"]

“O meu pai era de aquí, pero facía anos que non vivía ninguén na casa; perdéranse os viñedos e as fincas estaban a monte”

[caption id="attachment_229948" align="aligncenter" width="660"] Laura comezou a plantar no 2017 e hoxe ten hectárea e media de branco lexítimo e tinto serodio[/caption]

Laura Lledín ten 38 anos e tamén ten intención de vivir de producir e comercializar viño. Ela é a secretaria da asociación de viticultores da zona e está convencida do potencial que ten o sector para fixar poboación nun territorio necesitado de xente nova.

Ela volveu para Negueira no ano 2007 e desde entón comezou a interesarse polo viño. “O meu pai era de aquí pero xa había anos que non vivía ninguén na casa. Perdéranse os viñedos e as fincas estaban todas a monte”, conta.

Xunto coa súa parella, Marcos, no ano 2017 plantaron a súa  primeira viña e logo outra máis grande, até sumar hectárea e media, que se engade a outra hectárea que teñen alugada. “No que plantamos nós puxemos todo branco lexítimo e nunha das viñas algo de tinto serodio e na que alugamos este ano son cepas vellas de mencía, coa idea de facer tamén tinto”, explica.

Teño intención de incorporarme este ano ou o ano que vén, facer viño e comercializar

Axudados por Roberto Regal, o enólogo que asesora a boa parte das adegas de Negueira e mesmo ás da parte asturiana de Ibias e Pesoz, fixeron xa unha pequena proba de viño branco. “Teño a intención de incorporarme este ano ou o ano que vén e facer unha adega, que non temos, para empezar a facer viño e comercializar. Como a nosa é a Casa de Cancelada, chamarémoslle Adega Cancelada”, avanza.

Os adegueiros estámonos implicando en fomentar o turismo, pero falta esa mesma implicación das institucións públicas

Hoxe por hoxe o viño é o motor económico e turístico de Negueira, pero Laura reclama maior colaboración da Administración. “Botamos en falta un pouco a implicación das institucións públicas. Os adegueiros estámonos implicando en fomentar o turismo, pero falta esa mesma implicación das institucións públicas, con promoción, sinalización de rutas e monumentos de interese, posta en marcha de infraestruturas e outras actividades que puideran complementar ao viño”, pide.

O viño ten nesta zona un valor cultural, etnográfico e paisaxístico

A tradición do viño nesta zona oriental de Galicia, ao igual que nas veciñas ladeiras do outro lado do río, hoxe asturianas, mantivo toda unha cultura propia, como a de beber polo cacho, un recipiente de madeira con forma de cunca grande que se usaba para trafegar o viño e que pasaba de man en man á hora de probalo.

[/box]

[box style="0"]

“O minifundio é devastador; loitar co Catrastro e o Rexistro da Propiedade consúmete”

[caption id="attachment_229927" align="aligncenter" width="660"] Pablo e Mónica, na parcela onde este ano comezarán a plantar en bancais as súas primeiras cepas[/caption]

A adega Vizcaín e adega Cancelada vaise sumar unha máis en Coea, no veciño concello de Navia, pero Pablo Silva e Mónica Suárez, os seus impulsores, non lle teñen pensado aínda o nome.

Á fronte da adega vai estar Mónica, que se está formando para iso. A súa familia era de Coea, unha aldea con 25 casas pertencente á parroquia de Castañedo, que fai límite entre os municipios de Navia de Suarna, A Fonsagrada e Ibias.

A produción da aldea hoxe, onde se asenta tamén o proxecto de Héctor e Jose Álvarez (Adega da Señora) está moi lonxe dos 90.000 quilos de uva que se recollían fai un século, cando o etnógrafo alemán Walter Ebeling percorreu a zona durante 5 anos documentando a vida na montaña.

É moi ilusionante ver que o rural volve coller pulo nesta zona grazas ao viño

Animados por Héctor e Jose, Pablo (de 48 anos) e Mónica (de 45) comezaron este ano a plantación de 1.200 cepas de branco lexítimo e 600 de merenzao, coa intención de chegar o ano que vén á hectárea e media.“É un proceso lento pero ilusionante”, di Pablo. A zona que escolleron para empezar é unha das fincas con máis pendente do pobo, pero elixírona polo arraigo á zona. “Era a viña da casa na que naceu a miña sogra”, explica.

Debido á pendente do terreo optamos por facer bancais cun talude amplo para non ter que paredar

Pero tras décadas de abandono, “era todo un piñeiral e un eucaliptal”, conta. Tras cortar e desbrozar, comezaron a preparación do terreo. “Debido á pendente elevadísima, optamos por facer bancais cun talude amplo para non ter que paredar”, detalla Pablo.

Pero a climatoloxía deste inverno e comezo da primavera condicionou os traballos. “Tocounos un mal ano para empezar e todo se retrasou polo tempo que veu, xa que as chuvias complicáronnos estabilizar os bancais, canalizar as fontes e plantar”, engade.

O custo dos trámites para empezar é elevado

Ás dificultades propias da orografía do terreo, engádense as dos trámites burocráticos. “Os 4.500 metros cadrados que preparamos este ano eran 5 pezas diferentes, pero para conseguir a documentación foi unha labor de chinos. O minifundio é devastador e pelexar co Catastro e co Rexistro da Propiedade consúmete”, recoñece.  

Centrados este ano en acometer a plantación das vides, logo virá a fase de construír a adega. “Unha adega de nova construción require de máis investimento que rehabilitar unha xa existente e estamos tamén buscando financiamento para iso, porque tendo en conta as características do terreo, vai supoñer un investimento importante, aínda que non sexan moitos metros”, aclara Pablo.

[/box]

Etiquetado
Loading ad.
Ad could not be loaded.
Ir a la portada