Archives

Cita o sábado 20 na Feira do Viño de Negueira

Unha edición anterior da Festa do Viño de Negueira de Muñiz Negueira de Muñiz acolle o vindeiro sábado 20 de abril a edición número 14 da súa Feira do Viño, que reúne a produtores de toda a conca do río Navia, amparada desde fai un ano pola Indicación Xeográfica Protexida Terras do Navia. A consecución deste recoñecimento supuxo o impulso definitivo para esta zona tradicional de produción de viño que chegara a correr risco de desaparecer froito do abandono dos viñedos, pero que está a coller un novo pulo nos últimos anos. O renacer da viticultura nesta área que abarca os concellos de Negueira, Navia e A Fonsagrada, está vinculado ao mantemento de variedades autóctonas propias, como a branca lexítima. A ubicación, no extremo leste de Galicia, e as condicións microclimáticas en ladeira, confiren unhas características únicas aos viños desta zona.  
O viño estase a converter nos últimos anos no motor económico de Negueira e no seu principal recurso turístico
Nos últimos anos están a xurdir novos proxectos que impulsan a economía do lugar, co viño como protagonista, e que están a servir para fixar poboación e reverter un proceso de emigración e abandono sufrido durante moitas décadas. A raíz da construción do embalse de Grandas de Salime para produción hidroeléctrica, que anegou zonas de viñedo e obrigou aos veciños a marchar do lugar, a tradición da produción de viño fórase perdendo até que hai 20 anos Manuel Cancio primeiro (Adega Panchín) e despois Paco Sanromán (Adega Sidrón) apostaron por recuperar e profesionalizar a produción de viño. Medio cento de produtores de viño na zona amparada pola IXP A Asociación Pola Defensa das Variedades Autóctonas e Viñedo da Conca do Río Navia conta neste momento con 29 socios dos concellos de Negueira de Muñiz, Navia de Suarna e A Fonsagrada, aínda que hai máis xente que fai viño na casa, tanto para autoconsumo como para venda a granel.
En toda a zona amparada pola IXP hai uns 50 produtores pero só tres adegas comercializan viño embotellado coa etiqueta do selo de calidade
Na actualidade só tres adegas venden viño embotellado amparado polo selo de calidade da Indicación Xeográfica Protexida: Panchín e Sidrón, situadas no municipio de Negueira, e Adega da Señora, ubicada en Coea (Navia de Suarna). O viño, motor económico e turístico As dúas primeiras organizan ademais visitas aos seus viñedos e Sidrón conta tamén con restaurante, polo que o viño estase a converter tamén no principal atractivo turístico da zona e no seu motor económico. O concello de Negueira, o que menos habitantes ten de toda Galicia (non chega aos 200), recibe no día da Feira a centos de visitantes, o que supón unha importante inxección económica para os establecementos de hostalaría locais e contribúe á dinamización da zona.  

Programa do 2024

A edición número XIV da Feira do Viño de Negueira, organizada pola Asociación de viticultores en colaboración co Concello, conta cun programa que inclúe mercado, degustación de balde do viño da zona e animación musical. O venres 19, día previo á Feira, terá lugar ás 7 da tarde no salón da Casa dos Cazadores de Negueira unha cata que estará dirixida por Juanjo Figueroa, presidente da Asociación Galega de Sumilleres (AGASU). Participarán, ademáis das 3 adegas da IXP Terras do Navia que embotellan (Panchín, Sidrón e Adega da Señora), unha adega pertencente á Denominación de Orixe de Cangas de Narcea (La Verdea) e outra de Ibias, na vertente asturiana do río Navia (Viña Cuedo), así como Adega Entre os Ríos, da IXP Viños do Barbanza e Iria. Todas elas comparten a variedade branca lexítima, propia tamén da IXP Terras do Navia, pero a cata non se limitará tan só a esta caste autóctona, senón que as adegas locais presentarán tamén viños elaborados con variedades tintas e con verdello branco.
A cata do venres conta con aforo limitado e as prazas para participar, para o que é necesaria inscrición previa, están xa esgotadas
Esta cata servirá, coma todos os anos, para comprobar a calidade dos viños da zona, pero debido á falta de aforo, é necesaria inscrición pervia a neste momento as prazas están xa todas cubertas. Ao día seguinte, o sábado 20 arrincará a Feira do Viño ás 12 do mediodía coa apertura do mercado de produtos da zona. Á unha terá lugar o pregón a cargo de Fran, o ex-xogador do Deportivo da Coruña e a continuación será a degustación gratuita de viño a cargo das adegas da zona. O grupo de música tradicional Nubeiro, o Dúo Samba e a Orquestra Compostela serán os encargados de amenizar a xornada, na que tamén haberá xogos infantís pensados para os máis pequenos.

‘Vivir o viño, vivir do viño’, unha campaña para promocionar a IXP Terras do Navia

A AGV-FRUGA celebrará nos vindeiros meses unha serie de eventos promocionais da IXP Terras do Navia en distintas vilas da Provincia de Lugo. Esta acción figura dentro do Convenio coa área de Medio Rural da Deputación de Lugo. A continuación preséntase o cartel cos lugares e as datas dos eventos.

Primeiro ano de funcionamento da IXP Terras do Navia

A Federación Rural Galega (FRUGA) está a desenvolver na zona das Terras do Navia actividades para poñer en valor un territorio "moi interesante -aínda que descoñecido-" para a viticultura galega. Este ano, dentro dun convenio coa área de Medio Rural da Deputación de Lugo, a AGV-FRUGA realizou varias actividades para apoiar "un terreo esquecido mais valioso para a explotación vitivinícola". A finais de setembro, os xardíns do Pazo de San Marcos foron testemuñas da posta de largo da nova IXP, nunha cata que foi conducida polo sumiller Martiño Santos e o enólogo Roberto Regal. Os viños das Terras do Navia celebraron, deste xeito, que por fin en febreiro de 2023 lles foi recoñecida a condición de Indicación Xeográfica Protexida, e que lles axudará na comercialización dos seus viños. A caste coñecida nas Terras do Navia como “branca país”, pero noutras zonas como “branca lexítima”, “raposo” ou “albarín blanco”, é a maioritaria na IXP. Por esta razón, o 28 de outubro celebrouse en Negueira de Muñiz unha xornada de exaltación desta caste. Unha vintena de referencias desta caste déronse cita nun acto que conduciu o sumiller Alejandro Paadín, e no que se puideron apreciar as diferenzas na elaboración desta caste segundo o territorio. Nesta xornada participaron diversas adegas daqueles lugares onde se producen viños desta variedade, como a IXP Betanzos, a IXP Barbanza-Iria, a DOP Vino de Cangas e a DO León. Para pechar o ano, o 2 de decembro celebrouse en Negueira de Muñiz un Encontro Adegueiro, no que participaron diversas adegas de todas as zonas vitivinícolas galegas. Este acto, no que houbo unha conferencia do sumiller Miguel Anxo Besada, un túnel do viño con variedades e elaboracións especiais, e unha mesa redonda final, onde varias persoas que foron importantes para a creación da IXP debateron sobre o futuro dos viños galegos. Nesta acto tamén se presentou un vídeo promocional da IXP Terras do Navia, realizado por J. Aragunde, na que se puxeron en valor os viños do territorio da IXP, e que ten que servir como primeiro altofalante dunha zona que comeza a estar de moda.

Primeira cata de viños da IXP Terras do Navia

O Pazo de San Marcos acolleu a primeira cata dos viños elaborados baixo o selo de calidade IXP Terras do Navia, acadado o pasado xullo e impulsado pola FRUGA coa colaboración de Medio Rural da Deputación. Foi unha degustación enfocada a profesionais á que acudiron o vicepresidente da Deputación de Lugo Efrén Castro,o deputado de Medio Rural Daniel García e a deputada de Cultura Iria Castro, no que se presentaron oito viños de distintas elaboracións coas variedades máis representativas da zona como a branca lexítima (branca do país) ou a tinto serodo, entre outras. Trátase de viños de Adega Panchín, de Negueira de Muñiz, pioneira na elaboración de viños na zona (Panchín e Nesta Ourela), Adega Sidrón, tamén de Negueira de Muñiz (DPieiga) e Bodega da Señora, de Navia de Suarna, que ven de incorporarse á IXP (Solarega). Daniel García parabenizou á Asociación Galega de Viticultura, a Federación Rural Galega e os adegueiros pola traballo realizado durante os últimos catro anos para lograr o selo de calidade que “pode ser unha gran ferramenta para impulsar a comercialización destes viños, animar a novas produtoras e produtores, e, en definitiva, para recuperar a produción de viño na zona e reverter o abandono de viñedos que se deu nas ultimas decadas”. O deputado lembrou “a colaboración mantida ao longo dos dous  últimos anos coa Asociación Galega de Viticultura, que permitiu desenvolver diferentes accións de formación, asesoramento e divulgación dos viños de Terras de Navia” e mostrou “a  vontade seguir traballando conxuntamente nesa dirección, para aproveitar o potencial vitivinícola desta zona que será chave para o mantemento do territorio e da poboación nos concellos de Negueira, A Fonsagrada e Navia de Suarna”, apuntou. O responsábel da Federación Rural Galega en Lugo, Elías Somoza, explicou que “o obxectivo é converter a IXP Terras do Navia nunha referencia na produción e no consumo de viños deste país, na quinta IXP que se pon en marcha na Galiza nos últimos tempos, e a primeira na provincia de Lugo” e remarcou que “se queremos un rural vivo é necesario dar un nivel de vida digno ás persoas que se adican ao sector agrogandeiro”. A cata, comentada por Martiño Santos e Roberto Regal, contou coa asistencia de profesionais de hostelería lucense.

Os viños das Terras do Navia xa contan con Indicación Xeográfica Protexida

O Diario Oficial da Unión Europea (DOUE) publica hoxe o regulamento de execución da Comisión que confirma a inscrición definitiva no Rexistro comunitario da indicación xeográfica protexida (IXP) Terras do Navia, e que entrará en vigor en 20 días.

A IXP Terras do Navia -que foi solicitada pola Asociación para a Defensa das Variedades Autóctonas e do Viñedo da Ribeira do Río Navia- amparará os viños tintos e brancos producidos en seis parroquias do concello lucense da Fonsagrada -Cereixido, Lamas de Moreira, Monteseiro, San Martiño de Suarna, Vilabol de Suarna e Vilar da Cuiña-, noutras seis de Navia de Suarna -A Pobra de Navia, Barcia, Castañedo, Muñís, Mosteiro e A Ribeira- e na totalidade do municipio de Negueira de Muñiz.

O rexistro desta indicación xeográfica protexida baséase tanto nas características específicas do produto, claramente vinculadas ao medio natural de produción, como á reputación que ten acadado, basicamente no mercado galego e asturiano. Trátase de viños que reflicten os efectos das condicións termopluviométricas e agronómicas para unha vitivinicultura de calidade, ao que debe sumarse o factor humano que se concreta na implantación das viñas en zonas de boa exposición, con solos quentes, permeables e con baixo nivel de materia orgánica, así como na elección de variedades adaptadas ao medio.

<amp-ad width="300" max-height="300" layout="responsive" type="adspeed" data-zone="80090" data-client="18217"> <div placeholder>Loading ad.</div> <div fallback>Ad could not be loaded.</div> </amp-ad>

Nesa liña os viños da IXP Terras do Navia elaboraranse exclusivamente con uvas das variedades brancas Branco lexítimo, Albariño, Caíño Branco, Godello, Loureira, Treixadura e Torrontés. No que respecta ás variedades tintas, están permitidas as Albarín Tinto, Mencía, Merenzao, Brancellao, Caíño Tinto e Loureiro Tinto.

Requisitos para os viños amparados

Os viñedos deberán estar inscritos no rexistro vitícola e a recollida da uva realizarase en caixas de vendima ou outros recipientes autorizados pola Axencia Galega da Calidade Alimentaria. O rendemento máximo na elaboración do viño será de 68 litros por cada 100 quilogramos de uva e as producións máximas por hectárea serán de 10.000 kg de uva e 6.800 litros de viño para as variedades brancas, e de 8.000 kg de uva e 5.440 litros de viño para as variedades tintas.

Canto ás propiedades dos viños, distínguense por ser frescos e suaves en boca, limpos, brillantes, con aromas francos nos que se aprecian as características propias da materia prima da que proceden, con gradacións alcohólicas moderadas, con aromas florais e de froitas e, finalmente, con boa e equilibrada acedume. Os viños brancos presentan tons amarelos dourados, de bo potencial aromático e con toques cítricos ao final. Mentres, os tintos posúen unha capa media con tons vermellos de picota e reberetes violáceos, de estrutura media e paso suave, con aromas de froitas vermellas e silvestres e cun toque final lixeiramente tánico.

<amp-ad width="300" max-height="300" layout="responsive" type="adspeed" data-zone="80091" data-client="18217"> <div placeholder>Loading ad.</div> <div fallback>Ad could not be loaded.</div> </amp-ad>

En relación coa zona de produción, presenta un clima que se pode clasificar como oceánico en transición cara ao clima mediterráneo, con temperaturas medias anuais baixas. Os meses máis cálidos son xullo e agosto, cunha temperatura media de 21 graos, mentres o máis frío é xaneiro, cun valor medio de 7,5 graos. Dentro desa zona, case a totalidade da superficie dedicada ao cultivo do viñedo atópase entre os 200 e os 500 metros de altitude, encaixada entre montañas que superan os 1.000 metros en terreos de orientacións protexidas polos relevos da dorsal dos Ancares, a serra de Uría e a serra do Acebo ao norte, que exercen un importante efecto barreira sobre a penetración de ventos oceánicos, o que representa as condicións axeitadas para unha área de grande produtividade agrícola.

Enlace á publicación no DOUE

 

<amp-ad width="300" max-height="300" layout="responsive" type="adspeed" data-zone="85896" data-client="18217"> <div placeholder>Loading ad.</div> <div fallback>Ad could not be loaded.</div> </amp-ad>

Ponse en marcha de forma transitoria a Indicación Xeográfica Protexida para os viños das Terras do Navia

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a orde da Consellería do Medio Rural pola que se concede a protección nacional transitoria á indicación xeográfica protexida (IXP) Terras do Navia. Utilízase así un mecanismo que está previsto na normativa comunitaria e que permite a utilización e a protección desta IXP no territorio español mentres a Comisión Europea non adopte a decisión definitiva da súa inscrición no rexistro europeo. Deste xeito, trátase dunha solución transitoria que estará vixente ata que a Comisión Europea tome unha decisión definitiva sobre a súa inscrición e protección en toda a Unión. Esta orde continúa o proceso iniciado o 28 de maio de 2021, cando a Consellería do Medio Rural aprobou o recoñecemento desta indicación xeográfica protexida, sendo publicada o 11 de xuño do mesmo ano. Tras isto, transmitiuse por parte do Ministerio de Agricultura, Pesca y Alimentación a solicitude para inscribila ante a Comisión Europea, que a recibiu o 23 de xullo, habilitando este trámite a posibilidade da concesión da protección transitoria. Co recoñecemento desta IXP preténdese protexer e potenciar os viños do territorio delimitado que comprende o concello lucense de Negueira de Muñiz e diversas parroquias dos concellos de Navia de Suarna e A Fonsagrada. Os viños deben cumprir diversos requisitos relativos tanto ás variedades de uva utilizadas como ás técnicas de produción vitícola e ás prácticas enolóxicas empregadas. Establécense ademais requisitos relacionados coas características físico-químicas e organolépticas dos viños, a súa etiquetaxe e comercialización. A Axencia Galega da Calidade Alimentaria encargarase de asegurar o cumprimento das condicións esixidas mediante os diferentes tipos de controis, tanto sistemáticos como aleatorios. Están suxeitos a estas probas tanto o propio produto como aqueles operadores que se encargan da súa elaboración e/ou comercialización. A protección nacional transitoria estará operativa ata que a Comisión Europea resolva este expediente e tome a decisión de conceder ou denegar a indicación xeográfica protexida ao viño Terras do Navia.  

Intercambio de experiencias entre viticultores da conca do Navia e da comarca do Barbanza

Un momento da visita de viticultores e adegueiros das Terras do Navia ao Barbanza, dentro do programa formativo da área de Medio Rural da Deputación de Lugo As persoas participantes no programa formativo para a recuperación da produción de viño no territorio da futura IXP Terras do Navia, financiado pola área de Medio Rural da Deputación de Lugo, realizaron o pasado 27 de novembro unha visita didáctica e de intercambio ao territorio da Indicación Xeográfica Protexida Barbanza-Iria. Durante as actividades formativas e de intercambio, desenvolvidas ao longo de todo o día, os viticultores de Negueira de Muñiz, Navia de Suarna e A Fonsagrada tiveron ocasión de coñecer de primeira man proxectos enraizados na tradición vitivinícola do territorio da IXP Barbanza-Iria, postos en marcha por persoas que comparten unha arela común: o respecto pola tradición histórica da vitivinicultura no seu territorio e o afán pola súa recuperación e desenvolvemento futuro como fórmula de mantemento dun rural vivo.
O programa formativo inclúe xornadas técnicas sobre poda, defensa vexetal e control de pragas e doenzas
Esta xornada de intercambio con proxectos doutros territorios intégrase no plan de actividades do Programa Formativo e de Desenvolvemento promovido pola área de Medio Rural coa colaboración da Asociación Galega de Viticultura (AGV) e no que xa se teñen celebrado xornadas sobre a oportunidade que supón a creación da IXP Terras do Navia, ou de perfil técnico para abordar temas como a poda, a defensa vexetal e o control de doenzas e pragas.

Tres exemplos de viticultura respectuosa coa tradición

Os participantes na xornada de intercambio de experiencias visitaron en primeiro lugar as instalacións e viñedos da adega Torres Augusti na parroquia de Cordeiro, no concello de Valga (Pontevedra). Durante esta visita o propietario da mesma, Manuel Bandín, relatou as orixes da súa aposta pola elaboración de viños da zona, a instalación de viñedos e os viños brancos elaborados nesta adega. Continuouse a viaxe de intercambio facendo parada en Cabo de Cruz, no concello de Boiro (A Coruña), para visitar a adega C.A. Saborido, onde Antonio Saborido compartiu os seus esforzos polo mantemento e recuperación de viñedos antigos, algúns con cepas prefiloxéricas, con castes autóctonas como o Caiño Tinto, ou Raposo (Branca Lexítima), cultivadas en emparrado baixo e algunhas plantadas en terreos areosos á rente do mar, e as distintas elaboracións de viños tintos, brancos, rosado, etc. A viaxe completouse na Pobra do Caramiñal (A Coruña) coa visita á adega Entre Os Ríos onde Francisco Crusat, fundador e impulsor do proxecto, e o seu fillo José Crusat partillaron as súas experiencias dende a recuperación de viñedos con castes autóctonas, a creación da adega e as distintas liñas de elaboracións que están a facer, así como a investigación noutras elaboracións que buscan desenvolver toda a potencialidade das súas uvas e bo facer: escumantes, en talla de barro, etc.

Curso de introducción á viticultura na IXP Terras do Navia

A Consellería do Medio Rural, a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), ten previsto desenvolver un curso sobre introdución á vitivinicultura na Indicación Xeográfica Protexida (IXP) Terras do Navia. A acción formativa celebraríase a partir deste sábado 4 de setembro no local social de Negueira en horario de 10:30 a 14:00 e de 16:00 a 19:30 horas.

A acción formativa vai dirixida a calquera persoa vinculada profesionalmente cos sectores produtivos relacionados coa agricultura, gandaría, industria agroalimentaria e cadea forestal-madeira, así como mozos e mozas do medio rural galego e persoas con expectativas de incorporación ao sector.

Ao longo das 46 horas de duración, o programa abordará diversos conceptos como as boas prácticas tanto no viñedo como na adega, a produción integrada e ecolóxica como modelo de referencia de cara unha produción diferencial, a distribución e comercialización ou a creación de iniciativas empresariais vitivinícolas. Ademais, o curso ten previsto realizar unha visita de estudo e intercambio a adegas dunha IXP de viños e á CFEA de Guísamo.

Deste xeito, o obxectivo principal deste curso é, a través da formación das persoas interesadas na vitivinicultura que manteñen unha relación con este territorio, asentar unhas bases que posibiliten a multiplicación da superficie cultivada con variedades de calidade por medio da recuperación de viñedos e da implantación de novas superficies de cultivo.

<amp-ad width="300" max-height="300" layout="responsive" type="adspeed" data-zone="80090" data-client="18217"> <div placeholder>Loading ad.</div> <div fallback>Ad could not be loaded.</div> </amp-ad>

Todos os interesados poderán anotarse nos cursos cubrindo a correspondente solicitude dispoñible na páxina web da Consellería do Medio Rural. Esta deberá remitirse ao correo electrónico pablo.lugaro.seco@xunta.gal. Tamén poden chamar ao número 981 546 662 para máis información.

Ofrécese formación para persoas que se queiran incorporar á viticultura nas Terras do Navia

O departamento de Medio Rural da Vicepresidencia da Deputación de Lugo impulsará a recuperación da vitivinicultura na conca do Navia. A través dun convenio coa Asociación Galega de Viticultura (AGV), a área dirixida por Mónica Freire financiará un programa de formación e asesoramento dirixido a persoas viticultoras ou interesadas en incorporarse á produción de viño no territorio da futura IXP Terras do Navia – Negueira de Muñiz e parte dos concellos de Navia de Suarna e A Fonsagrada-. A responsable provincial visitou este martes Negueira de Muñiz para dar conta do proxecto co que, explicou, “queremos crear as condicións para materializar o potencial vitivinícola que ten esta zona e reverter o abandono de cultivos que se produciu nas últimas décadas”. Mónica Freire sinalou que “a formación e o asesoramento ás persoas produtoras e elaboradoras son chave para aproveitar as cualidades das castes autóctonas e a singularidade do territorio, máis no escenario que se abrirá coa aprobación dun selo de calidade como é a IXP”. A deputada nacionalista engadiu que “o desenvolvemento deste programa é tamén unha aposta por crear proxectos novos que axuden a fixar e traer poboación á zona”. O presidente da Asociación Galega de Viticultura, Roberto Rivas, explicou que, ademais das dúas bodegas que xa elaboran viños (Panchín e Sidrón), hai xente nova interesada en coller o testigo da viticultura, en manter as viñas familiares ou plantar viñas novas, e que precisan asesoramento nese proceso”.

Programa de formación, asesoramento e divulgación

O programa, que conta cunha achega de 21.000 euros da área de Medio Rural, inclúe diferentes actividades, ligadas á formación, ao asesoramento e á divulgación dos viños e do territorio. No eido da formación, desenvolveranse obradoiros e relatorios sobre as características, posibilidades de cultivo e potencial produtivos das castes autóctonas, planificación de parcelas e sistemas de plantacións, fertilización e manexo do solo, poda e sistemas de formación, defensa vexetal e control de doenzas e pragas ou cultivo da vide en ecolóxico. A Asociación Galega de Viticultura creará un soporte técnico e de asesoramento, con persoal cualificado que preste servizo ás persoas viticultoras, tanto no campo administrativo como produtivo, mediante visitas concertadas en datas e lugares. No relativo á divulgación dos viños e do territorio da IXP Terras do Navia, realizaranse coloquios, catas comentadas e vídeos divulgativos, así como un encontro adegueiro das IXP galegas. As actividades desenvolveranse ao longo de 2021 nos concellos de Negueira de Muñiz, A Fonsagrada e Navia de Suarna.

A IXP, pendente da aprobación de Europa

O impulso dunha IXP vinculada a bacía do Navia é unha vella demanda dos produtores que a Asociación para a Defensa das Variedades Autóctonas e dos Viñedos da Ribeira do Río Navia formalizou ante a Consellería do Medio Rural en 2019. O pasado mes de xuño, a Xunta deu luz verde á súa tramitación, pendente agora da resolución de Comisón Europea e da inscrición no rexistro comunitario de denominacións de orixe e indicacións xeográficas protexidas. De confirmarse a súa aprobación, Terras do Navia sería a única IXP da provincia de Lugo e a quinta de Galiza. Dacordo coa solicitude tramitada, a área xeográfica amparada polo selo de calidade abranguería o concello de Negueira de Múñiz, na súa totalidade, e parte dos concellos de A Fonsagrada (parroquias de Cereixido, Lamas de Moreira, Monteseiro, San Martiño de Suarna, Vilabol de Suarna e Vilar de Cuíña) e Navia de Suarna (parroquias de A Pobra de Navia, Barcia, Castañedo, Muñís, Mosteiro e A Ribeira. Segundo os datos da AGV, este territorio conta na actualidade cun 29 hectáreas de viñedo inscritas no Rexistro Vitícola Galego, fronte ás 63 has coas que contaba a mediados dos anos 50.

Os viños da ribeira do Navia avanzan un chanzo máis no seu recoñecemento oficial

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica este venres a orde da Consellería do Medio Rural pola que se adopta a decisión favorable en relación coa solicitude de rexistro da Indicación Xeográfica Protexida (IXP) Terras do Navia. Deste xeito, apróbase a remisión da resolución, xunto coa documentación pertinente, ao Ministerio de Agricultura, Pesca y Alimentación, para proceder á inscrición desta nova IXP no Rexistro comunitario das denominacións de orixe protexidas e das indicacións xeográficas protexidas. Ao tempo, dáse publicidade tanto o seu prego de condicións como ao documento único, tamén dispoñibles para a súa descarga na páxina web da Consellería do Medio Rural. Trátase de viños brancos e tintos frescos e suaves, con aromas florais e de froitas, caracterizados polas súas graduacións alcohólicas moderadas e pola súa boa e equilibrada acedume. Esta indicación xeográfica protexida amparará concretamente os viños producidos en 12 parroquias da Fonsagrada e de Navia de Suarna, así como na totalidade da localidade de Negueira de Muñiz.
A IXP foi solicitada pola Asociación para a Defensa das Variedades Autóctonas e do Viñedo da Ribeira do Río Navia e amparará os viños producidos en 12 parroquias da Fonsagrada e Navia de Suarna e na totalidade do concello de Negueira de Muñiz
Solicitada pola Asociación para a Defensa das Variedades Autóctonas e do Viñedo da Ribeira do Río Navia, a IXP Terras do Navia amparará os viños tintos e brancos producidos en seis parroquias do concello lucense da Fonsagrada (Cereixido, Lamas de Moreira, Monteseiro, San Martiño de Suarna, Vilabol de Suarna e Vilar da Cuiña), noutras seis de Navia de Suarna (A Pobra de Navia, Barcia, Castañedo, Muñís, Mosteiro e A Ribeira) e na totalidade do municipio de Negueira de Muñiz. Ademais dos requisitos de produción e comercialización, a orde que publica este venres o DOG establece que a Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), dependente da Consellería do Medio Rural, será a encargada da comprobación do cumprimento do prego de condicións da IXP Terras do Navia. Variedades de uva permitidas A variedade branca lexítima destaca na elaboración de viños brancos nesta zona O rexistro desta indicación xeográfica protexida baséase tanto nas características específicas do produto, claramente vinculadas ao medio natural de produción, como á reputación que ten acadado, basicamente no mercado galego e asturiano. Trátase de viños que reflicten os efectos das condicións termopluviométricas e agronómicas para unha vitivinicultura de calidade, ao que debe sumarse o factor humano que se concreta na implantación das viñas en zonas de boa exposición, con solos quentes, permeables e con baixo nivel de materia orgánica, así como na elección de variedades adaptadas ao medio. Nesa liña, os viños da IXP Terras do Navia elaboraranse exclusivamente con uvas das variedades brancas Branco lexítimo, Albariño, Caíño Branco, Godello, Loureira, Treixadura e Torrontés. No que respecta ás variedades tintas, están permitidas as Albarín Tinto, Mencía, Merenzao, Brancellao, Caíño Tinto e Loureiro Tinto.
O val do Navia é o lugar de orixe da Branca lexítima, unha variedade autóctona extendida tamén por outras zonas vitivinícolas de Galicia 
Os viñedos deben estar inscritos no rexistro vitícola e a recollida da uva realizarase en caixas de vendima ou outros recipientes autorizados pola autoridade competente. O rendemento máximo na elaboración do viño será de 68 litros por cada 100 quilogramos de uva e as producións máximas por hectárea serán de 10.000 kg de uva e 6.800 litros de viño para as variedades brancas, e de 8.000 kg de uva e 5.440 litros de viño para as variedades tintas. Canto ás propiedades dos viños, distínguense por ser frescos e suaves en boca, limpos, brillantes, con aromas francos nos que se aprecian as características propias da materia prima da que proceden, con graduacións alcohólicas moderadas, con aromas florais e de froitas e, finalmente, con boa e equilibrada acedume. Os viños brancos presentan tons amarelos dourados, de bo potencial aromático e con toques cítricos ao final. Mentres, os tintos posúen unha capa media con tons vermellos de picota e reberetes violáceos, de estrutura media e paso suave, con aromas de froitas vermellas e silvestres e cun toque final lixeiramente tánico.

Unha zona de produción diferenciada para uns viños brancos e tintos únicos

A IXP abrangue o municipio de Negueira de Muñiz e 12 parroquias de Navia de Suarna e A Fonsagrada En relación coa zona de produción, a ribeira do río Navia presenta un clima que se pode clasificar como oceánico en transición cara ao clima mediterráneo, con temperaturas medias anuais baixas. Os meses máis cálidos son xullo e agosto, cunha temperatura media de 21 graos, mentres o máis frío é xaneiro, cun valor medio de 7,5 graos. Dentro desa zona, case a totalidade da superficie dedicada ao cultivo do viñedo atópase entre os 200 e os 500 metros de altitude, encaixada entre montañas que superan os 1.000 metros en terreos de orientacións protexidas polos relevos da dorsal dos Ancares, a serra de Uría e a serra do Acebo ao norte, que exercen un importante efecto barreira sobre a penetración de ventos oceánicos, o que representa as condicións axeitadas para unha área de grande produtividade agrícola.
A superficie dedicada ao cultivo do viñedo atópase entre os 200 e os 500 metros de altitude, encaixada entre montañas e protexida dos ventos do norte
A produción ancestral de viño nesta zona fora perdendo presenza a partir de 1950 debido á emigración e o abandono agrario pero mantívose grazas á elaboración nas casas de viño para autoconsumo e venda a granel de excedentes. Xa neste século, o interese e esforzo por recuperar a produción e as castes autóctonas da zona permitiu a creación en Negueira de Muñiz de dúas iniciativas, Adega Panchín e Adega Sidrón, que deron o paso a embotellar e comercializar viño equiquetado. Ao calor da nova IXP estanse a impulsar tamén novos proxectos en concellos como o de Navia de Suarna
Enlace á orde no DOG: https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2021/20210611/AnuncioG0426-030621-0004_gl.html

“De pequeno xa che inculcan que hai que marchar, nós queremos demostrar que se pode vivir de producir viño e mel nesta zona”

Héctor e José, xunto ao seu pai, José María, nunha das viñas que teñen en Coea, en Navia de Suarna Héctor Álvarez define o seu mel como "o legado máis doce" dos seus antepasados. Esa é a súa filosofía de traballo, centrada en recuperar dúas tradicións que se foron perdendo co paso dos anos nesta zona norte dos Ancares: a produción de mel e a produción de viño. Está a facelo no microclima particular que configura o cauce do río Navia en todo o seu percorrido, un territorio cheo de contrastes que impregnan estes dous produtos e que os fai únicos. Ribeira do Navia é a marca do mel que producen as súas colmeas pero el e o seu irmán José queren tamén profesionalizar a produción de viño que se mantivo a nivel particular no seu fogar familiar, a Casa da Señora. "O noso pai sempre fixo viño, tanto para a casa como para vender a granel a particulares, sobre todo a veciños dos pobos da zona", conta José. 
O noso pai sempre fixo viño para a casa e para comercializar a granel a particulares
Foi el quen primeiro se animou co viño e sumou á causa ao seu irmán Héctor. A intención destes dous mozos é facer renacer de novo unha tradición que estivo a piques de desaparecer na súa aldea, Coea, pertencente á parroquia de Castañedo. "Esta zona era toda zona de viño, había cereal pola parte de arriba e viño máis abaixo, non había outra cousa, pero coa chegada da filosera foise abandonando", conta José, decidido a recuperar a tradición vitivinícola do lugar.  Dúas hectáreas de viñedo "Comezamos hai dous anos e imos despacio porque supón traballo e investimento", explican. Non partiron de cero, porque o seu pai, José María, xa tiña unha plantación importante, aínda que non sempre das variedades máis idóneas. "Hai castes que imos cambiar, como o tinto alicante, que se introduciu na zona a raíz da filosera pero que non madura nin che dá grados. Hai variedades autóctonas moito mellores, como a mencía ou o merenzao", considera José. Pensando en facer esta transición entre castes, que non é máis que volver atrás nas variedades introducidas en décadas pasadas, José e Héctor queren recuperar cepas antigas. "Empezamos collendo unha viña vella a un veciño que non a atendía. É unha finca con cepas centenarias pero que estaban totalmente abandonadas. De feito, plantáranlle eucaliptos pero sen arrincar as viñas, que foi o que as salvou", destacan.
Empezamos hai dous anos collendo unha viña vella a un veciño. É unha finca con cepas centenarias na que plantaran eucaliptos pero sen arrincar as viñas. Foi o que nos salvou
Tras eliminar os eucaliptos podaron e recuperaron as cepas e decidiron plantar máis. Hoxe teñen xa varias parcelas plantadas con castes propias da zona, que suman máis de dúas hectáreas de viñedo. A súa aposta vai enfocada sobre todo ao branco, que xa é o que máis produce a súa familia. "Aínda que depende do ano, dos 3.000 litros de viño que se producen, uns 1.800 son de branco e o resto de tinto", explican.  O custo de recuperar viñedos é importante, porque máis aló de podar vides antigas ou plantar novas cepas hai que empezar por rozar e por colocar peches e postes nas fincas. Cando as novas plantacións que están a incorporar comecen a producir virá a seguinte fase do seu proxecto, a de elaborar o viño e comercializalo embotellado cunha marca propia. Recuperar unha tradición arraigada que estivo a piques de perderse Foto da década de 1930, coas ladeiras de Coea ateigadas de viñedos / Arquivo Ebeling Coea é o núcleo de poboación situado máis ao norte do Concello de Navia, facendo fronteira co río Suarna e A Fonsagrada polo norte e co río Navia e con Ibias polo leste. Pola depresión que fai o río, as ladeiras da aldea de Coea, a só 350 metros de altitude sobre o nivel do mar, son un lugar propicio para a maduración da uva. Tanto é así que as primeiras noticias sobre a produción de viño na zona datan dos aforamentos do conde de Altamira nos primeiros anos do século XVI e da tradición posterior dos viños da parroquia dá fé unha botella que aínda se conserva, etiquetada en Coea no 1926 por José López, da Casa Témez, ou as fotos da década de 1930 tomadas por Walter Ebeling, o etnógrafo alemán que durante 5 anos percorreu e documentou a vida desta zona da montaña.
A cultura do viño nesta zona oriental de Galicia mantén elementos propios, coma o de beber polo 'cacho'
A tradición do viño nesta zona oriental de Galicia, ao igual que nas veciñas ladeiras do outro lado do río, hoxe asturianas, serviu tamén para manter toda unha cultura propia, como a de beber o viño polo cacho, un recipiente de madeira con forma de cunca grande que se usaba para trafegar o viño e que vai pasando de man en man á hora tamén de probalo. Un viño natural que "con oito días xa é vello" Unha das cepas centenarias recuperada por Héctor e José Antigamente as 25 casas de Coea tiñan a súa adega e facían o seu propio viño, unha tradición que se foi perdendo a medida que avanzaba a emigración, o avellentamento e o abandono do rural. As viñas, que outrora ateigaban as ladeiras costentas da parroquia que dan ao río foron, en moitos casos, engulidas polo monte e a maleza. Consérvanse a día de hoxe sobre todo nos galleiros, tiras de cepas vellas plantadas nos lindeiros das fincas.
A branca lexítima é unha caste autóctona de sabor suave, moi aromática e con 12 graos de acidez
Coas súas uvas segue a facerse nalgunhas casas da parroquia un viño novo que se consome logo de 2 meses de fermentación. Un caldo natural e afroitado que "con oito días xa é vello", como recorda un dito propio da zona. Estes viños do ano, brancos e tintos, están baseados en castes propias, como a branca lexítima ou o tinto serodio, ás que se foron engadindo outras variedades introducidas na zona como godello, albariño, treixadura, torrontés, loureira, mencía, merenzao, brancellao ou caíño. Un motor económico para toda a zona Cando en 1995 Manuel Cancio decidiu crear en Negueira de Muñiz a adega Panchín puxo a primeira pedra para a dignificación e recuperación da tradición vitivinícola na zona. Foi a primeira que comezou a embotellar e comercializar viño producido na conca do río Navia. A súa chama prendeu tempo despois en Paco Sanromán e na súa irmá Rosa, da adega Sidrón, tamén de Negueira. Son aínda a día de hoxe as dúas únicas adegas que se adican de xeito profesional á produción de viño, pero o seu exemplo serviu para animar a outros veciños río arriba, de lugares onde tamén había tradición de viño, como é o caso de Coea. Veciñas e veciños de Coea vendimando nos anos 30, cando se recollían 90.000 quilos de uva / Arquivo Ebeling Fermín, Manuel ou José María son dos que hai uns anos, animados polo exemplo de Cancio en Negueira, comezaron a interesarse por recuperar castes propias como a branca lexítima, orixinaria desta zona da ribeira do Navia pero que xa se dá hoxe tamén noutras áreas vitivinícolas de Galicia. A decisión de Héctor e José de continuar supón garantir unha remuda xeracional necesaria pero nada abundante en moitas zonas da montaña.
A aprobación da IXP sería un recoñecemento oficial importante que axudaría á profesionalización do sector do viño nos concellos de Negueira, A Fonsagrada e Navia
Héctor, coma moitos mozos da súa idade, marchou buscarse a vida e acabou montando unha carpintaría de madeira na Fonsagrada. Pero a súa idea di, "é poder volver a Coea e chegar a vivir daquilo". "De pequeno xa che inculcan que hai que marchar porque da terra non se pode vivir e eu quero darlle a volta e demostrar que non é certo, que si que se pode", defende. A aprobación dunha Indicación Xeográfica Protexida para o viño desta zona (IXP Terras do Navia), que se atopa actualmente en tramitación logo de que o pasado 22 de decembro se publicase no DOG o seu prego de condicións técnicas, suporía un recoñecemento oficial importante que sen dúbida podería axudar á profesionalización do sector do viño nos concellos de Negueira, A Fonsagrada e Navia, os tres amparados polo selo de calidade europeo.

Ribeira do Navia, produción de mel desde hai 6 anos

Héctor comezou dividindo algunhas das colmeas que tiña o seu tío e foi aumentando coa demanda As distintas parroquias da conca do río Navia asociadas tradicionalmente á viticultura comparten entre si unha climatoloxía diferenciada da zona de montaña na que se atopan. E é que o río Navia forma aquí un canón protexido cun microclima propio, propicio para a maduración da uva, pero tamén para outras producións, como a froita ou o mel. Xunto ao viño, o mel era outro dos produtos habituais en Coea que Héctor quere potenciar. Aínda que el está máis centrado na produción de mel e o seu irmán José na recuperación dos viñedos, toda a familia colabora nas distintas tarefas anuais, como sempre se fixo tamén tradicionalmente nas aldeas galegas. "Cando é de esmelgar xuntámonos toda a familia, tanto os da casa coma os meus tíos", conta. 
O río Navia forma aquí un canón protexido cun microclima propio, propicio para a maduración da uva ou a produción de mel
Ao igual que no caso dos viñedos, a Héctor o das abellas tamén lle vén por tradición familiar. "Na apicultura comecei hai seis anos. Meus tíos tiñan abellas e fun pouco a pouco dividindo e medrando", conta. Hoxe ten xa un cento de colmeas repartidas en varios colmeares situados nesta zona fonteiriza entre A Fonsagrada, Navia e Asturias. Clima de contrastes con floracións curtas As floracións nesta zona norte dos Ancares están sometidas a cambios estacionais bruscos de temperatura, o que concentra a produción de mel en moi poucas semanas. "Aquí non dá tempo a diferenciar as floracións, por iso todo o noso mel é multifloral, pero castiñeiro e uz é o que máis ten", explica. "Aquí pasamos de -5ºC no inverno a 40ºC no verán, son contrastes térmicos moi importantes que fan que haxa moita diferenciación entre as distintas estacións", explica Héctor. Cando a comezos de outubro as abellas se achegaban ás vides era unha sinal inequívoca de que as uvas estaban xa maduras para comezar a vendimar.
Aquí non dá tempo a diferenciar as floracións, por iso todo o noso mel é multifloral, pero castiñeiro e uz é o que máis ten
Ese contraste térmico que se dá na zona permite tamén manter a raia algunhas pragas. "A min nesta zona a velutina aféctame pouco de momento, tan só notei un ano unha presenza algo relevante, pero agora levo 3 ou 4 sen ver niños, supoño que será polos invernos fríos que temos", razoa. A varroa é, pois, o principal problema ao que se enfrontan as abellas de Héctor desde o punto de vista sanitario. "De locke nos seis anos que levo non tiven ningún caso. Procuro facer ben os tratamentos contra a varroa e se controlas a varroa non tes problemas de locke americano", di.  Colmeas en plena natureza e libres de contaminación As características orográficas de Coea e dos montes que a rodean permítelle a Héctor ter colmeas a só 200 metros de altitude, a carón do río, e tamén a 800 metros sobre o nivel do mar. "É un xeito de asegurar a produción, porque ás veces nalgunha das ubicacións quedas sen floración e sempre tes máis posibilidades que no outro lado haxa", indica. Son, iso si, todos os emprazamentos lugares en plena natureza libres de calquera tipo de contaminación. 
Héctor conta con ubicacións estratéxicas situadas tanto a 200 como a 800 metros de altitude
Ao igual que co viño, en Ribeira do Navia elaboran o seu mel seguindo a tradición que os seus antepasados comezaron e perfeccionaron. Continúan cos mesmos coidados e ubicacións estratéxicas das colmeas nas ladeiras do canón natural que forma o río Navia nesta zona do seu curso alto, o que lle confire ao mel unhas características diferenciais. As súas abellas traballan unha ampla variedade de néctares e pole, conseguindo así un mel concentrado e de extraordinarias propiedades alimenticias e mediciñais. "É un mel de bosque moi doce e moi escuro, o que o proba repite", asegura Héctor, que destaca que "cada vez ten máis demanda e por iso tamén estamos aumentando". As colmeas de madeira ás que traslada os núcleos que fai cada primavera fainas el mesmo aproveitando a súa profesión como carpinteiro, un exemplo máis de aproveitamento de recursos, a verdadeira clave das producións que sempre se deron nesta zona da montaña.