“O que fagamos co costro ao nacer a xata vai marcar toda a súa vida produtiva”

A investigadora do INIA Susana Astriz dá unha serie de consellos sobre como manexar a recría nas primeiras horas de vida e os efectos que a mellora deses protocolos nas granxas ten na súa produción de leite

SAT SEIXAS (Taboada) boxes recria2

Susana Astriz é investigadora científica do departamento de reprodución animal do Instituto Nacional de Investigación e Tecnoloxía Agraria e Alimentaria (INIA) e leva 20 anos investigando os beneficios do calostro sobre a recría.

Recentemente participou en Lugo na xornada técnica organizada por Africor Lugo e Vaca Pinta, na que lembrou a importancia que ten a recría, desde as fases máis iniciais, nas explotacións bovinas de leite. “O que fagamos nas primeiras semanas de vida coa tenreira vai marcar toda a produtividade vital da vaca, que ao final é o futuro da granxa. E nesas dúas primeiras semanas de vida da tenreira o máis importante é o que fagamos co calostro”, asegura.

Cando unha vaca pare existe unha gradación nos cambios de composición do leite. A secreción das glándulas mamarias das femias mamíferas nas primeiras 24 horas postparto é o que recibe o nome de calostro. A partir de aí sería xa leite de transición.

Que contén o calostro?

“O calostro é moito máis concentrado que o leite, ten o dobre de graxa e 4 veces máis proteínas”, explica. Ese contido débese a que as inmunoglobulinas que contén o calostro son unha proteína, lembra.

O calostro é un líquido moi complexo que ten 4 veces máis proteínas que o leite e células vivas maternas

Ademais, indica, “ten células vivas maternas que pasan do sangue materno vivas ao calostro e de aí á tenreira e que teñen un efecto positivo”. Tamén contén factores de crecemento, como as citoquinas, “que son unhas substancias moi activas bioloxicamente e que actúan sobre as células intestinais da tenreira”, e oligosacáridos, “uns azucres moi pequenos pero moi importantes como alimento das bacterias intestinais que xa teñen as tenreiras cando nacen”.

Funcións do calostro

A primeira das funcións do calostro é nutritiva. “O calostro garante a supervivencia da tenreira nas primeiras 24 horas mesmo se a vaca pare a 20 graos baixo cero. Se toma un bo calostro superará o shock por frío porque se pare nesas condicións a vaca preparará máis calostro e máis nutritivo”, explica Susana.

O parto debe producirse nun ambiente limpo, pero non estéril

A segunda das funcións é protectora. “O calostro é esencial para dotar á tenreira de protección fronte a retos víricos e bacterianos inmediatos. “A tenreira nace sen protección porque a placenta da vaca é moi grosa e non permite pasar aos anticorpos, como ocorre nos humanos. O sistema inmune nas primeiras 24 horas é moi féble e a tenreira nunca nace nun ambiente estéril: hai e-coli, enterobacterias e virus e a eses retos sen o calostro non é capaz de facerlles fronte”, asegura Susana.

“A función protectora non a podemos suplir a día de hoxe por outro tipo de produto, como podemos facer coa alimentación. Aínda non demos coa clave para pasar inmunoblobulinas ao tenreiro doutra forma que non sexa a través dun calostro natural”, recoñece.

O calostro ten unha función nutritiva e protectora moi importante, que non podemos suplir a día de hoxe con ningún outro tipo de produto

A partir dun determinado nivel de inmunoglobulinas (5,1g/dl en sangue) a tenreira estaría protexida. Por baixo deses niveis consideraríase que existe un Fallo de Transferencia Pasiva (FTP). “O mínimo é 5,1, que equivale a 8,1% Brix, pero o óptimo sería 5,5”, aclara.

Sen calostro a tenreira multiplica por 5 a mortalidade, fundamentalmente nos dous primeiros meses de vida, pero tamén terá máis risco no tramo post-destete. Tamén está demostrado, explica Susana, que terá maiores índices de enfermidade de adulta, ao multiplicar por 3,9 veces a súa morbilidade.

Estimulante do crecemento

Pero ademais da función nutritiva e protectora inmediata, o calostro é estimulante do crecemento da tenreira a curto, medio e longo prazo. “Hai efectos do que lle damos nas primeiras 24 horas que vemos no primeiro parto. Ata a segunda lactación dura o efecto do calostro”, afirma a investigadora do INIA.

O calostro non só é graxa, proteína e inmunoblobulina, hai moitas máis cousas que son moi importantes

A incorrecta administración de calostro atrasa o crecemento da recría e a idade ao primeiro parto. “Atrásase todo, porque unha tenreira con Fallo de Transferencia Pasiva crece peor, empreña peor e parirá máis tarde”, argumenta.

Ata a segunda lactación dura o efecto do calostro. Del depende que as células intestinais e inmunolóxicas sigan desenvolvéndose

Ao contrario, indica, as tenreiras con maior inxesta de calostro e de maior calidade, di, desenvolverán maior ganancia de peso, terán mellor eficiencia reprodutiva na primeira xestación, reducirase a probabilidade de eliminación na primeira lactación e terá maior produción de leite tanto na primeira como na segunda lactación, asegura a investigadora do INIA.  

Las terneras pasan los primeros días con la madre.

Recomendacións de aplicación

1. Coidado da vaca seca

“O coidado da recría comeza co coidado da vaca xestante, desde o mesmo momento da inseminación, para previr por exemplo un parto distófico. Hai que ter un coidado exquisito das vacas secas, minimizar os cambios e o estrés, para que estean tranquilas e o mellor coidadas posible. Todo o que sexa estrés vai reducir o crecemento, e nós debemos garantir un correcto desenvolvemento fetal para que as tenreiras nazan fortes”, indica.

Debemos garantir un adecuado desenvolvemento fetal e que as tenreiras nazan fortes e non acidóticas

Ademais, o estrés nas vacas próximas ao parto reduce a cantidade e calidade do calostro. “Unha vaca que sufra estrés antes do parto vai dar moita peor produción de calostro”, asegura Susana.

O estrés por calor durante o período seco tamén condiciona a calidade do calostro. Por iso, dos partos de final do verán, nos que todo o período de secado tivo lugar con altas temperaturas, obtense peor calostro, conta.

É necesario seguir determinadas pautas de vacinación durante o secado, levar unha alimentación específica de preparto con antioxidantes e sales aniónicas, evitar as distocias e controlar a trasmisión de enfermidades nai-tenreira como a neosporose, BVD e paratuberculose.

A paratuberculose transmítese a través do calostro e a pasteurización non garante a eliminación deste risco

“Hai transmisión a través do calostro de paratuberculosis. Se unha vaca sabedes que é positiva ese calostro non serviría, tampouco pasteurizado porque non garante eliminar todas as mycobacterias. Hai que ter isto en conta se queremos ir erradicando a enfermidade na explotación”, explica.

2. Hixiene na paridera

En canto á paridera, a investigadora do INIA pide hixiene, aínda que, di, “non fai falta ser neurótico da limpeza e querer ter un ambiente estéril nunha granxa, pero si limpo”.

Tralo parto, recomenda a desinfección do cordón umbilical cun chorro de povidona iodada líquida ao 7-10%. “Non valen sprays nin concentración maior, porque queima os tecidos”, alerta.

Tamén é bo, di, secar á tenreira, se non o fai a nai. “Axúdalles a termorregularse”, afirma. E habería que colocar ao animal en postura de decúbito external (sentado sobre o peito) se el non adopta esa postura.

Unha vez nada a tenreira e realizadas estas primeiras atencións, o manexo da recría continúa cos coidados do neonato nas primeiras 24 horas. “Temos que garantir que mantén un pH en sangue adecuado e non desenvolve acidose, e manter esa boa saúde aos primeiros 2 meses, que son os máis críticos desde o punto de vista sanitario”, argumenta Susana.

3. Manter á tenreira coa nai tralo parto

O parto ten que producirse nun ambiente tranquilo. “Non debemos estresar nin á nai nin á tenreira. É bo que a tenreira estea coa nai unhas horas tralo parto. A tenreira absorbe mellor as inmunoglobulinas, aínda que lle deamos nós o calostro, se está en presenza da nai e para a vaca tamén é bo, teremos menos mamites”, asegura. En canto ao aloxamento posterior, “a partir dos 5 días as tenreiras están moito mellor en parella que en boxes individuais”, afirma.

A tenreira absorbe mellor as inmunoglobulinas se está coa nai e para a vaca tamén é bo, teremos menos mamites

Sobre cando actuar nun parto, recomenda facelo só en caso de ser necesario e no momento xusto. “Non hai que adiantarse, non hai que atender os partos que non necesiten ser atendidos, nin deixar 24 horas unha vaca que non consegue parir”, exemplifica.

Tamén recomenda explorar á tenreira unha vez nada e coñecer as técnicas de reanimación para utilizar en caso de ser necesario. “Temos 4 minutos, máximo 5, para actuar no caso de que sexa necesario reanimar a unha tenreira para que unha anoxia nun animal que non é capaz de respirar non produza dano cerebral. Hai veces que por présa nin sequera miramos á tenreira”, di.

4. Muxir á vaca canto antes

“A nai durante os últimos 15 días da xestación vai acumulando nas súas glándulas mamarias defensas e anticorpos do sangue materno que van pasando ao calostro. O pico máximo de transferencia de anticorpos da nai ao calostro ocorre durante as 48 horas previas ao parto, pero acumúlanse xa desde semanas antes. É un mecanismo alucinante da natureza, Non somos capaces de inducilo artificialmente”, recoñece Susana.

Non existe unha relación directa entre cantidade e calidade de calostro se non se superan os 8,5 litros; a partir dese volume, a máis cantidade peor calidade

Pero se non se muxe á vaca canto antes, a propia vaca reabsorbe esas inmunoblobulinas cara ao seu propio sangue. “Se pasan 6 horas xa só temos o 83% das proteínas de protección que había, pero se esperamos 10 horas xa baixamos ao 70% e ás 48 horas só quedarían o 10% dos anticorpos que tiñamos no momento de parir”, exemplifica.

5. Muxido hixiénico do costro

É fundamental lograr un muxido hixiénico do calostro, insiste. “Cun calostro sucio estaremos a introducir patóxenos no organismo do animal. Se co calostro lle damos un e-coli, por exemplo, a esa tenreira estarémola a matar nós porque a bacteria chegará antes ao sangue que as defensas”, asegura.

O reconto bacteriano total no calostro debe estar por baixo de 100.000 UFC/ml, aínda que o óptimo sería que fose inferior a 10.000, con menos de 1.000 UFC/ml de coliformes e menos de 20.000 UFC/ml de bacterias aeróbicas.

É recomendable pasteurizar o calostro sen exceder os 60ºC durante 60 minutos

Por iso, di, é recomendable pasteurizar o calostro cun pasteurizador adecuado que garanta que non se exceda a temperatura de 60 graos para non matar as defensas contidas no calostro.

6. Dar canto antes o calostro á tenreira

É fundamental tamén subministrar canto antes o calostro á tenreira, porque só durante as primeiras 24 horas ese animal recentemente nado non dixire esas proteínas. “Nada máis nacer esas proteínas de protección que toma a tenreira no calostro pasan directamente ao seu sangue. Transcorridas as primeiras 6 horas absorberá xa só o 68% das inmunoglobulinas, pero se tardamos 24 horas a tenreira aproveitará unicamente o 10% das defensas incluídas no calostro”, explica.

É vital que muxamos o calostro a tempo e que llo deamos a tempo a tenreira. Unha vez pasan 24 horas a tenreira xa non absorbe a protección que contén o calostro, porque o dixire

Nas primeiras 6 horas sería suficiente que a tenreira inxerise 75 gramos de IgG, pero se tardasemos 12 horas en proporcionarlle o calostro sería necesario que tomase o dobre, xa que a porcentaxe de absorción redúcese á metade.

“É prioritario muxir á vaca parida e dar ese calostro á tenreira. É urxentísimo e prioritario, todo o demais que haxa que facer pode esperar, mesmo muxir ou preparar a ración para o resto do gando”, afirma Susana.

Hai que ter paciencia coa tenreira, vale a pena investir unha hora en darlle o calostro

Considera que “merece a pena investir unha hora en darlle o calostro a unha tenreira recentemente nada” e explica que “unha postura adecuada durante a inxesta favorece a absorción das proteínas de protección”.

7. Dúas tomas mellor ca unha

Para garantir unha adecuada transferencia de defensas á tenreira, é necesario que inxira como mínimo 225 gramos de inmunoglobulinas cun mínimo de 50 g/l de IgG no calostro, para lograr 10 gramos de inmunoglobulinas por litro de sangue do animal.

Pero a veterinaria do INIA aconsella incrementar ao dobre ou mesmo máis esa transferencia. “Está demostrado que o aumento das cantidades de calostro inxerido diminúe a morbilidade, polo que canto máis calostro demos mellor”, di.

Dúas tomas de calostro nas 24 horas de vida mellor ca unha: a ganancia de peso aumenta e o índice de preñez na primeira xestación baixa de 2,13 pajuelas a 1,84

Habería que dar como mínimo 4 litros nas primeiras 6 horas de vida, ben nunha soa toma ou en dúas. A maiores, recoméndase fornecer á tenreira 2 ou 3 litros máis antes de que se cumpran as primeiras 24 horas de vida. “A pauta ideal serían 2 litros nas primeiras 2 horas de vida, 2-3 litros máis nas seguintes 4 horas e outros 2-3 litros máis antes das 24 horas”, detalla a veterinaria do INIA.

8. Manter doses máis baixas durante dúas semanas

En ganderías de maior tamaño é habitual a administración do calostro vía sonda. “Se ides a sondar e ides dar 1 soa toma, mínimo 4 litros nas primeiras 6 horas, pero canto antes mellor. Só se sonda á tenreira unha vez, non se sonda para unha segunda toma de calostro e nunca se sonda o leite, é unha norma básica, porque iría ao rumen e fariades peor”, aclara.

Nunca se sonda o leite, é unha norma básica, porque iría ao rumen e fariades peor

Unha vez transcorridas as primeiras 24 horas, pódese seguir dando calostro á tenreira. “Aconsellamos manter a administración de calostro as dúas primeiras semanas, mínimo a primeira semana, mesturando un vaso de calostro no lactoreemprazante, por exemplo, ou no leite de transición que recibe. Iso mellora moito a incidencia de diarreas e problemas respiratorios”, asegura Susana, que aconsella evitar ter que dar antibióticos ás tenreiras, e sobre todo vía oral, para protexer a súa microbiota intestinal.

9. Ter calostro conxelado

É necesario medir a calidade do calostro que se proporciona á tenreira para ter a certeza de que estará protexida con el. “Consideramos un calostro non aceptable por baixo de 50 g/l de IgG, equivalentes a 22% grados Brix, pero sempre é mellor un mal calostro que nada”, matiza.

Estas medicións da calidade do calostro é mellor facelas cun medidor de graos brix que cun calostrímetro (densitómetro) por ser moito menos preciso ao depender da temperatura de medición.

Vacas con enfermidades leves, como coxeiras, dan peor calostro

Para garantir ter dispoñible sempre de calostro de boa calidade, unha boa opción é contar na granxa cun banco de calostro de vacas doantes seleccionadas. Os calostros de vacas primeirizas adoitan ser de peor calidade que os de vacas multíparas de 3 ou 4 partos, aínda que mellores que en segundo parto, polo que non deben descartarse os calostros das xovencas paridas sen antes medir a súa calidade.

Os calostros de verán con temperaturas altas tamén son peores. “Baixa moito a calidade, por iso é bo ter conxelado calostro doutras épocas do ano. Non vale tampouco calostro dunha vaca que adiantou o parto ou que tivemos que muxir antes do parto, nin de vacas con mamitis nun cuarterón, porque dan peor calostro, do mesmo xeito que os calostros empeoran en vacas gordas ou con secados inferiores a 45 días ou superiores a 90 días”, describe.

Non muxades ás vacas antes do parto; se o tedes que facer por temas de ubre, ese calostro non vale

O calostro conservado en neveira (a unha temperatura de 5ºC) mantense durante 5 ou 6 días e nun conxelador (a -22ºC) pode durar entre 6 e 12 meses. Para desconxelalo hai que facelo ao baño maría a menos de 40 graos. “Senón cargámonos o calostro”, advirte. O quecemento no momento da toma ten que ser uniforme.

10. Necesidade de actualizar protocolos nas granxas

Esta veterinaria leva 2 décadas formando a gandeiros en temas de recría e asegura que é necesario actualizar coñecementos sobre a aplicación do calostro (número de tomas, cantidade inxerida, momento óptimo de administración) e formar ao persoal da granxa sobre estas novas pautas.

É necesario garantir ás tenreiras unha adecuada cantidade-calidade de calostro e a súa administración no momento idóneo

“Cousas que se recomendaban hai 15 anos tivémolas que corrixir porque saen novas pautas e coñecementos en base a novos estudos e investigacións que se realizan en institucións como o INIA”, destaca.

 “O primeiro litro de leite que nos dá unha xovenca cústanos 3.000 euros”

As tenreiras e xovencas son “un valor económico directo que teñen as explotacións lácteas”, insiste Susana Astriz. “O primeiro litro de leite que nos dá unha xovenca de primeiro parto cústanos 3.000€, é o que vale hoxe no mercado unha xovenca que acaba de parir se a temos que comprar”, asegura.

Por iso a investigadora do INIA defende a necesidade de poñer un maior coidado na recría e na correcta administración de calostro ás tenreiras neonatas como forma de aumentar a súa produtividade e lonxevidade.

O que queremos obter nunha granxa son xovencas sas e xeneticamente mellores, non ocupar a praza cun animal igual ao que descartamos

Hai que ter en conta que a primeira lactación só serve para amortizar o investido no proceso de recría e que as máximas producións danse sempre a partir da terceira lactación”, argumenta.

“Coidar a recría é investir no futuro da explotación”

“Se un gandeiro pensa nos 3.000€ que custa hoxe unha vaca cando está encalostrando entenderá que é algo prioritario, porque unha vez feito iso, se a tenreira chega sa aos 4 ou 5 meses de vida, despois non dará practicamente problemas”, asegura.

Un bo encalostrado é o primeiro paso esencial para lograr nunha granxa animais de recría rendibles. “Temos que lograr que estean paridos antes dos 24 meses e sexan lonxevos, procurando deste xeito que o descarte na nosa explotación sexa voluntario. O obxectivo coa recría non é só garantir a taxa de remplazo da explotación, senón lograr que a vaca que ocupe a praza dentro de dous anos sexa máis eficiente que a que teño agora”, razoa.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información