O Ministerio impulsa a creación dun centro nacional de referencia en benestar animal

O prazo para a presentación de candidaturas das entidades interesadas comeza este sábado 15 de maio e finaliza o próximo 14 de xuño. A designación enmárcase no cumprimento da normativa europea

Alroma SC (Sober) benestar animal

O Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación iniciou o procedemento de participación de entidades interesadas para a designación dun centro nacional de referencia en benestar animal, mediante unha resolución publicada este venres no Boletín Oficial do Estado (BOE). O prazo para a presentación de candidaturas das entidades interesadas comeza este sábado 15 de maio e finaliza o próximo 14 de xuño.

A designación deste centro nacional enmárcase no conxunto de medidas que o Ministerio de Agricultura está a adoptar para mellorar a implementación da normativa comunitaria sobre controis oficiais no relativo a benestar animal. Todo iso de acordo ás orientacións que se derivan da Estratexia europea Da granxa ao garfo, que impulsa a mellora do benestar dos animais, así como a transparencia e a información aos consumidores.

Países como Francia ou Italia xa estableceron centros similares

Outros Estados membros da UE, como Francia e Italia, xa nomearon centros de referencia nacionais para o benestar animal. Na actualidade, España non dispón aínda dun centro de referencia nacional neste ámbito, aínda que existen centros de referencia no ámbito da zootécnica, así como laboratorios de referencia para a sanidade animal. No caso de Galicia, o Laboratorio de Sanidade Animal, dependente da Xunta, atópase na cidade de Lugo.

Cumprimento da normativa europea

Co obxectivo de garantir un enfoque harmonizado respecto aos controis e outras actividades oficiais, a Unión Europea adoptou o Regulamento 2017/625, no que se sinala que as autoridades competentes deben ter acceso a datos técnicos actualizados, fiables e coherentes, aos resultados das investigacións, ás novas técnicas e aos coñecementos especializados necesarios para a correcta aplicación da lexislación comunitaria, no marco da cadea agroalimentaria, incluído o benestar animal.

Neste momento hai creados a nivel comunitario un centro de referencia para porcino e outro para avicultura e está prevista a creación dun terceiro dedicado a ruminantes e cabalos

A este respecto, a Comisión Europea xa nomeou dous centros no ámbito da Unión Europea: un para porcino, creado en 2018; e outro para aves de curral e outros pequenos animais de granxa, en 2019. Está prevista a designación dun terceiro centro, dedicado a animais ruminantes e équidos.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información