O Ministerio ampliará a axuda directa aos gandeiros que vendan o leite por debaixo de 27 céntimos

O Goberno quere catro grandes organizacións de produtores de leite en España e pide aos gandeiros que se organicen para así "resistir situacións adversas dos mercados".

O Ministerio ampliará a axuda directa aos gandeiros que vendan o leite por debaixo de 27 céntimos

García Tejerina e Carlos Cabanas

O Ministerio de Agricultura ampliará a outras 2.200 explotacións lácteas o dereito a percibir a axuda de mínimis por falta de rendibilidade. Segundo informa hoxe o diario El País, a nova subvención será de 110 euros por vaca e irá destinada aos produtores que se vexan obrigados a vender por debaixo de 0,27 euros o litro de leite e ata 0,25 euros. Súmanse ás axudas que Agricultura anunciou en agosto, de 300 euros por vaca para as vendas por debaixo de 0,25 euros o litro. Así, en total o plan de apoio para paliar a falta de rendibilidade chegará a uns 5.000 gandeiros lácteos, dos que o Ministerio calcula que o 80% son de Galicia

O MAGRAMA cumpre así unha das principais peticións de ASAJA, que foi formulada o pasado 27 de agosto nunha reunión celebrada en Santiago de Compostela entre o presidente da organización agraria, Pedro Barato, e o secretario xeral de Agricultura e Alimentación, Carlos Cabanas.

O custo total das axudas previstas pola Administración podería ascender a uns 15 millóns de euros. O sistema de axudas de mínimis permite o pagamento por explotación dunha cantidade máxima de 15.000 euros durante un período fiscal de tres anos. No caso do sector do leite, o goberno fixouse un teito de 10.000 euros por granxa.

O Ministerio quere catro grandes organizacións de produtores de leite

Por outra parte, a ministra de Agricultura, Isabel García Tejerina, asegurou onte pola tarde na inauguración da Feira Agrícola deSalamanca, que, se o sector se quere agrupar, “catro organizacións de produtores en España poderían estar a comercializar todo o leite que se produce”.

Tejerina foi apupada á entrada da feira e durante o discurso polos gandeiros que se concentraron no recinto feiral. E é que para a organización agraria Urcacly “para esta crise, é imposible xa que nos unamos”, polo que, “nos próximos tres meses, se non se buscan outras axudas, caerá o sector en picado”.

Malia todo, Gacía Tejerina confía en chegar a un acordo co sector do vacún de leite, a industria e a distribución durante a reunión que celebrará o próximo día 10, e pediu aos gandeiros que se organicen para así “resistir situacións adversas dos mercados”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información