O grupo francés Lactalis, líder mundial no sector lácteo, comprou en 2022 aos gandeiros españois un 10% menos de leite pero incrementou a súa facturación nun 25%, grazas ao incremento dos prezos medios de venda á distribución. Con todo, os seus beneficios reducíronse debido fundamentalmente ao incremento do prezo do leite en orixe e do custo da enerxía, superior á suba que aplicaron aos supermercados.
Así se recolle no Informe de Responsabilidade Social Corporativa do ano 2022 que acaba de publicar a compañía. En concreto, o pasado ano o Grupo Lactalis recolleu 893 millóns de litros de leite en 461 municipios españois e colaborou con 1.703 gandarías que producen leite de vaca, ovella e cabra, o que supón unha redución do 10% con respecto aos 1000 millóns de litros recolleitos en 2021.
No caso de Galicia recolleu o pasado ano 457 millóns de litros de leite en Galicia, correspondentes a máis de 1.172 gandarías colaboradoras, 45 millóns de litros menos que en 2021.
En termos económicos, o Grupo Lactalis alcanzou unha cifra de negocio de 1.513 millóns de euros durante 2022 e 959.069 toneladas de volume de vendas, dun portfolio de leites, queixos, iogures, natas e manteigas que inclúe máis de 1.000 referencias distintas. A facturación foi un 25% superior con respecto aos 1212 millóns de euros de 2021, grazas ao incremento dos prezos de venda á distribución.
Porén, desde a compañía francesa, puntualizan que “o aumento nas vendas e na cifra de negocios, con todo, contrasta coa redución do beneficio da compañía no exercicio pasado polo forte incremento nos custos de produción que interveñen na elaboración de alimentos lácteos (leite en orixe, enerxía, transporte, materiais….)”.
Grupo Lactalis inviste máis de 3,2 millóns de euros nas súas plantas galegas en 2022
Por outra banda, e co propósito de que os seus procesos de produción sexan máis eficientes e sustentables, Grupo Lactalis destaca que no ano 2022 destinou 3,2 millóns de euros para modernizar as súas plantas de Nadela e Villalba, onde se envasan marcas destacadas como Puleva ou Président e traballan máis de 300 persoas.
En total, no cinco comunidades autónomas nas que está presente o grupo en España (Galicia, Andalucía, Castela-A Mancha, Castela e León e Cataluña) investiuse un total de 24,6 millóns de euros en 2022, a maior cantidade dos últimos 5 anos. Desde 2015, Grupo Lactalis investiu en España 181 millóns de euros.