O conflicto polas axudas de ecolóxico 2022 enquístase, sen perspectivas de solución

Medio Rural defende que case triplica a partida para os apoios no periodo 2023 – 2027 e que aumenta a prima por hectárea nunha media do 25%, o que entende que compensa o que arredor de 300 produtores deixaron de percibir no pasado ano

O conflicto polas axudas de ecolóxico 2022 enquístase, sen perspectivas de solución

Reunión este venres entre o conselleiro e a plataforma de produtores de agricultura ecolóxica.

A insuficiente partida destinada para as axudas de ecolóxico no 2022 é un conflicto que semella entrar en vía morta. Malia que máis de 300 produtores quedaron sen apoios o pasado ano pola falta de fondos, Medio Rural non dá o brazo a torcer e considera ese tema un caso pechado. A Xunta enfócase no período 2023-2027, cuns apoios á agricultura ecolóxica que entende que compensan sobradamente a falta de fondos do 2022.

Este venres o asunto debatiuse por partida dobre, na comisión de Agricultura do Parlamento, na que compareceu o director xeral de Gandería, José Balseiros, e nunha reunión que mantivo o conselleiro José González coa plataforma de agricultura ecolóxica, que representa ós produtores afectados. Da reunión, os produtores saíron con “máis do mesmo”, sen ningunha novidade e coa idea de seguir na súa demanda de que se habiliten fondos con carácter inmediato para os produtores que quedaron sen axudas de ecolóxico no 2022.

A Xunta, pola súa banda, defende que a situación vivida o pasado ano era case irremediable. “Aínda no caso de que no mes de xuño nos désemos de conta de que o volume de solicitudes superaba aos fondos dispoñibles, non estariamos a tempo de facer unha modificación do Plan de Desenvolvemento Rural (PDR) para desviar máis fondos para a agricultura ecolóxica, xa que unha modificación do PDR leva 9 meses e as axudas tiñan que estar resoltas a 31 de decembro”, asegurou na comisión de Agricultura José Balseiros.

Medio Rural defende que para o período 2023-2027 case triplicará os fondos anuais destinados á agricultura ecolóxica, co que se espera que ninguén quede sen axudas. En calquera caso, por se iso chegase a suceder, Balseiros adianta que a nova convocatoria de agricultura ecolóxica cambiará os criterios de puntuación.

“É unha esixencia europea, pasaremos de criterios socioeconómicos a criteriois ambientais” -destacou Balseiros-. “Tamén lle consultamos á Comisión Europea se é posible prorratear as axudas entre os solicitantes, caso de que os fondos fosen insuficientes, e contestou de xeito positivo, polo que é probable que a nova convocatoria inclúa esa posibilidade”, explicou.

A Consellería subliña ademais que as primas por hectárea para agricultura ecolóxica aumentan un 25%, co que entende que no período 2023-2027, aqueles produtores que quedaran sen axuda no 2022, verán compensado ese contratempo coas maiores primas. Desde a plataforma de produtores de agricultura ecolóxica, pola súa banda, consideran que ese aumento de primas o que fai “é cubrir un aumento dos custos de produción, non ten nada que ver coa falta de fondos do 2022”, sosteñen.

Así as cousas, o conflicto semella enquistado, sen perspectivas polo de agora de que a Consellería e os produtores cheguen a un punto de acordo.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información