O Cluster Alimentario de Galicia lanza a terceira edición do seu programa para impulsar ideas e produtos innovadores

Os 16 proxectos que sexan seleccionados pola aceleradora Business Factory Food (BFFood) recibirán o respaldo de empresas como Clun, Galacteum, Larsa, Quescrem, Martín Códax, Viña Costeira, Torre de Núñez ou Kiwi Atlántico

Foto de archivo de la segunda edición de la Business Factory Food, la aceleradora del sector alimentario gallego

Foto de arquivo da segunda edición da Business Factory Food, a aceleradora do sector alimentario galego

Business Factory Food (BFFood), a aceleradora do sector alimentario de Galicia impulsada pola Xunta de Galicia e dinamizada polo Clúster Alimentario de Galicia (Clusaga), puxo en marcha a súa terceira edición para identificar e promover ata un total de 16 proxectos innovadores de emprendemento, tanto nacionais como internacionais, que dean resposta aos retos da industria alimentaria.

As startups, entidades e empresas que teñan unha idea innovadora poden presentar as súas candidaturas, tanto ao programa de aceleración como de consolidación, a través da web bffood.gal ata o próximo 11 de xaneiro de 2021 ás 14 horas.

As empresas, entidades e startups poderán presentar as súas candidaturas ata o 11 de xaneiro de 2021 ás 14 horas, a través da web de BFFood

BFFood impulsou ao longo das súas dúas edicións anteriores a un total de 20 proxectos das 121 candidaturas recibidas, tanto desde España como desde fóra do continente europeo. Nesta nova edición escollerá ata dez iniciativas para o seu programa de aceleración, de 9 meses de duración, e ata seis para o de consolidación, de 12 meses de duración.

Retos propostos

Business Factory Food busca impulsar e consolidar aqueles proxectos innovadores que dean resposta aos principais retos expostos polas empresas do sector da alimentación, que son: dixitalización e automatización; trazabilidade, calidade e seguridade alimentaria; loxística; sustentabilidade e packaging; desenvolvemento de novos produtos; e innovación de procesos e comercialización. Tamén, se expón un reto aberto para calquera proxecto aplicable á industria que supoña a introdución dalgún tipo de innovación ou mellora.

Ademais, con motivo da situación xerada pola COVID-19, BFFood incorporou un reto especial co que busca proxectos dirixidos a fortalecer a resiliencia da industria alimentaria fronte a situacións de emerxencia derivadas de pandemias.

Mentoring e apoio económico

Os proxectos seleccionados na terceira edición de BFFood dispoñerán do apoio económico da Xunta de Galicia. En concreto, accederán a un financiamento por parte de Gain de 25.000€ a fondo perdido no programa de aceleración, para o desenvolvemento do produto ou servizo, e dun préstamo participativo, que podería conlevar unha opción de capitalización, de ata un máximo de 50.000€, a través de XesGalicia. No caso dos proxectos de consolidación, poderán acceder a un préstamo participativo que podería conlevar unha opción de capitalización de ata un máximo de 250.000€ por parte de XesGalicia.

Os proxectos seleccionados accederán a financiamento a fondo perdido e préstamos participativos

Cada proxecto seleccionado contará cun mentor específico pertencente a unha das empresas tractoras de BFFood que se ocupará de conducir a súa evolución e guialos no seu desenvolvemento, facilitando a aliñación da proposta de valor coa resolución do reto. Nesta terceira edición, son Adegas Martín Códax, Cafés Candeas, Calvo, Cravo Food Factory, Congalsa, Cooperativas Lácteas Unidas (CLUN), Gadis, Galacteum, Kiwi Atlántico, Larsa, Nova Pescanova, Quescrem, Torre de Núñez e Viña Costeira as empresas que se encargarán deste proceso de mentoring.

BFFood, que forma parte da plataforma StartIN Galicia apoiada pola administración pública autonómica, conta, ademais, co apoio das tres universidades galegas, a Asociación Galega de Cooperativas Agrarias (AGACA), ANFACO CECOPESCA, o Instituto Tecnolóxico de Galicia (ITG) e a Fundación Empresa-Universidade Galega (FEUGA) no comité técnico.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información