O CIAM patenta un sistema para a multiplicación de sementes en microinvernadoiros illados

Este método, que controla as condicións ambientais e de polinización, obtén maior eficacia e xera menores custos que os sistemas tradicionais ao aire libre e permitiu xa potenciar un cento de especies de interese para o agro galego

A estrutura creada ten forma de invernadorio con distintos compartimentos pero en vez de plástico emprega unha malla que deixa pasar o vento e a chuvia

A estrutura creada ten forma de invernadorio con compartimentos pero en vez de plástico emprega malla

O Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM), dependente da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), da Consellería do Medio Rural, vén de patentar un sistema innovador para a multiplicación de semente en ambientes controlados. Este modelo, único en España, ofrece unha maior efectividade no proceso con diferentes vantaxes. De feito, permitiu ata o de agora a multiplicación de máis de 100 poboacións naturais de especies pratenses (destinadas a alimento do gando) e de cereais de inverno.

Con esta iniciativa trátase de facilitar a rexeneración das coleccións de sementes para a súa conservación nos bancos de xermoplasma. Esta riqueza xenética resulta fundamental para preservar a biodiversidade e constitúe unha copia de seguridade do noso patrimonio agrícola e das especies emparentadas, que serve para o desenvolvemento da agricultura autóctona e que permite fornecer ao sector do material necesario para a súa actividade.

Este sistema do CIAM, con tecnoloxía desenvolvida no propio centro, facilita levar a cabo o proceso de multiplicación con maior eficacia e menores custos que os sistemas tradicionais. Así, estes métodos clásicos realízanse ao aire libre e requiren de grandes superficies de cultivo e man de obra. Por outra banda, o proceso vese influído por factores ambientais que poden afectar á colleita de semente.

Os métodos clásicos que se realizan ao aire libre requiren de grandes superficies de cultivo e man de obra e as colleitas vense influenciadas en ocasións por factores ambientais e contaminación cruzada entre especies

Estudos feitos no centro de Mabegondo concluíron que non se garantía a renovación efectiva debido a factores como a contaminación por pole externo, fallos na barreira de illamento ou causas ambientais. Polo tanto, iniciouse unha investigación para idear metodoloxías máis eficientes de multiplicación de sementes mediante a instalación de sistemas que producen microambientes controlados e illados fisicamente do exterior.

Características do novo sistema en ambiente controlado

O novo sistema patentado pola Agacal está dividido en 10 compartimentos, con teito en arco para impedir a acumulación de auga. O chan revestiuse con malla permeable á auga. Unha dobre porta cruzada permite individualmente o acceso a cada compartimento, e cada acceso consta de batente ou reembalse por todo o perímetro.

A capacidade total da estrutura é de 2.200 macetas en diversos compartimentos estancos pero permeables ao aire e á choiva

As portas abren cara a fóra para crear unha corrente de aire inversa no momento da apertura e así dificultar a entrada de pole externo para evitar contaminacións. As paredes e o teito están revestidos cunha malla especial que impide o paso do pole pero que deixa pasar o aire e a auga. Ademais, está reforzada para previr roturas ou danos polo vento. Cada compartimento ten capacidade para 220 macetas con rego por goteo programado electronicamente. Así, a capacidade total da estrutura é de 2.200 macetas.

Polinización

A polinización realízase con ventiladores para as especies que se polinizan co vento

A polinización realízase con ventiladores programados para as especies anemófilas que se valen do vento

Para a distribución do pole, no caso de especies anemófilas (polinización por medio do vento), instálanse ventiladores internos para permitir o movemento de aire e facilitar a dispersión cun sistema temporizado para maximizar a ventilación nas horas axeitadas para cada especie e que proporcionan un caudal de aire mínimo de 400 m³/h.

No caso de especies entomófilas (polinización realizada por insectos), no momento da floración instálanse colmeas de abellóns (Bombus sp.), con 50 individuos que posteriormente se liberan. O conxunto da instalación ten 4,5 metros de altura para permitir o libre desprazamento e o voo dos abellóns. Tamén permite fusionar compartimentos mediante a eliminación da malla interna que os separa.

Nas especies anemófilas empréganse ventiladores programados que crean correntes de aire e para as entomófilas introdúcense colmeas de abellóns

Polo tanto, a polinización realízase no interior de compartimentos tanto para especies anemófilas coma para entomófilas. No primeiro caso, mediante sistemas de ventilación asistida e, no segundo, mediante a introdución de colmeas de abellóns no seu interior durante a época de floración para garantir a produción de semente.

Outras vantaxes

En definitiva, entre as vantaxes deste novo sistema desde o CIAM salientan unha maior autonomía e control nos procesos de multiplicación, a diminución da superficie total requerida para multiplicar varias poboacións da mesma especie, a redución de man de obra e uso de maquinaria, ao ser un sistema desatendido e automatizado, ou unha mellor protección fronte a pragas e enfermidades ou factores ambientais adversos.

Ademais, tamén permite unha maior eficiencia de polinización, grazas á circulación rotativa do pole orixinada polos sistemas de ventilación e a diminución do estrés térmico respecto a invernadoiros convencionais, ao ser un sistema totalmente permeable ao aire e choiva. A maiores, favorece o aforro do uso de fertilizantes e combustibles, cun claro beneficio para o medio ambiente, o aforro de auga, xa que ao ser un sistema permeable en días de choiva a auga penetra a través da malla e o sistema corta o rego e a prevención de dispersión de sementes ao medio natural, ao ser un sistema illado.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información