A normativa europea que emana do Pacto Verde, un acordo acadado entre todos os estados membros da UE para loitar contra o cambio climático, como é o caderno dixital, a condicionalidade, os ecoesquemas, o real decreto de nutrición sostible de solos ou as novas esixencias en benestar animal van ser de obrigado cumprimento, por moito que o Ministerio de Agricultura e a Comisión Europea se viran agora obrigados a aprazar a súa entrada en vigor obrigatoria, ante as protestas dos produtores.
Así, o avanzou este luns o xefe de área do Fondo Galego de Garantía Agraria (FOGGA), José Luis Acción Porto, na primeira xornada do II Foro Empresarial Lácteo “Retos das ganderías de leite no horizonte 2030” que esta semana se celebra no concello coruñés de Coristanco.
José Luis Acción presentou unha ponencia sobre a adaptación dos produtores lácteos á normativa vixente. Como punto de partida, defendeu que “Galicia é unha rexión privilexiada para a produción de leite, e así o ven tamén as industrias lácteas, pois reunimos unhas óptimas condicións climáticas para a produción de forraxes, un nivel xenético e tecnolóxico nas granxas que é punteiro e un capital humano cunha elevada capacitación. Pero tamén porque en Galicia só estamos empregando un 50% da superficia agraria útil (SAU) que temos dispoñible, polo que temos moita marxe para seguir incrementando a produción de leite e de forma sustentable nos vindeiros anos”.
Sen embargo, recoñeceu que a falta de ordenación do territorio levou a que os produtores galegos saisen perxudicados nas axudas da PAC. “Para as ganderías de vacún de leite as axudas da PAC veñen representando entre 0,02 e 0,03 euros por litros, ou o que é o mesmo sobre o 11% dos ingresos, que nos momentos de baixos prezos do leite permítelles manter as rendibilidade das explotacións”. “Non obstante, -advertiu- na nova PAC, as explotacións máis intensivas, con máis carga gandeira en relación a superficie que poden declarar na PAC -o ideal é 2 UGM por hectárea- , van ser máis perxudicadas nas axudas. A iso temos que engadir que polo proceso de converxencia, os dereitos de vacún de leite vanse ver recortados para irse equiparando con outros sectores con menor valor dos dereitos”.
Neste sentido, destacou que a gran materia pendente é incrementar a base territorial declarada na PAC das gandarías de vacún de leite galegas intensivas, que representan a maior parte da produción da comunidade.
Caso práctico: Unha gandería de vacún de leite que decidiu apostar por producir a baixo custo
A continuación, os participantes na xornada -uns 60, entre gandeiros, técnicos e estudantes- analizaron o caso práctico dunha gandería galega de vacún de leite que decidiu apostar pola producion a baixo custo para ser máis sustentable no tempo.
En concreto, pasou de 8000 a 5.900 litros de producción por vaca e ampliou a súa base territorial declarada ata as 105 hectáreas de forma que a carga gandeira reduciuna a 2,16 UGM, unha decisión que nun contexto de bos prezos do leite non foi entendida por boa parte dos participantes.
“Neste caso o propietario decidiu producir menos leite pero cun baixo custo de produción co cal a marxe por litro de leite é maior e está menos exposto a entrar en perdas en caso de que baixe o prezo do leite”, argumentou o responsable do FOGGA.
Seguindo esta liña, a continuación, Aurelien Léray, un gandeiro francés de 35 anos, presentou a súa explotación de vacún de leite en ecolóxico. A súa granxa, situada na Bretaña francesa, e que mercou a un gandeiro que non tiña relevo -unha forma de transmisión moi común en Francia- por 220000 euros, conta con 56 hectáreas e 60 vacas cruzadas. “As vacas están fóra todo o ano e o pasto supón o 80% do que comen. Ese manexo é a clave para que a granxa sexa rendible, porque o o máis importante é a marxe que me queda do leite que produzo”, defendeu.
No seu caso, a media é de 4500 litros por vaca e ano que vende á cooperativa Biolait. O prezo medio neste momento está moi baixo, nos 0,45 euros o litro, prácticamente igual que en convencional, debido á crise do leite ecolóxico en Francia motivada por unha producción que se incrementou por riba do que medrou o consumo.
Por último, Jesús Combarro Pereira, responsable do sector agrogandeiro en Abanca, pechou a primeira xornada do Foro Empresarial Lácteo cunha ponencia sobre o reto da sustentabilidade e o seu impacto no financiamento.
Combarro explicou que, paradoxalmente, a Comisión Europa non considera á agricultura e á gandería como sectores sustentables, o que fai que non se podan acoller aos beneficios do chamado “financiamento verde”.
“Si que podemos incluír o financiamento de enerxías renovables nas granxas, para reducir a pegada hídrica ou para agricultura e gandería ecolóxica. En todo caso, dende Abanca, facemos un esforzo para que o agricultor ou gandeiro poda beneficiarse todo o posible do financiamento verde”, destacou.
O II Foro Empresarial Lácteo continuará este mércores cunha xornada dedicada á análise dos mercados internacionais dos produtos lácteos e a súa repercusión nos produtores e o venres será a quenda de abordar a relación entre industrias e produtores.