Como vai afectar o Pacto Europeo Verde nas ganderías galegas?

Gumersindo Feijoo, experto no desenvolvemento de estudos sobre a sostibilidade, apunta algunhas das claves das estratexias que se desenvolverán nos próximos meses dentro das políticas europeas para reducir emisións, que afectarán á produción agrogandeira

Como vai afectar o Pacto Europeo Verde nas ganderías galegas?

Gumersindo Feijoo durante a súa participación na xornada sobre sostibilidade organizada por Agaca.

Abordar a sostibilidade e o control das emisións son cuestións que cada vez están máis presentes no día a día das ganderías galegas pero sobre as que se leva anos traballando. “A sostibilidade non é un tema que saia agora senón que se leva abordando dende hai xa 20 anos e as accións que se desenvolven son froito dese traballo”, apunta o catedrático de Enxeñaría Química Gumersindo Feijoo, que dirixe o grupo de investigación de Biotecnoloxía Ambiental (Biogroup) e que actualmente é o vicerreitor de Planificación e Proxección Estratéxica da Universidade de Santiago de Compostela.

Unha das principais accións que se desenvolverán nos próximos meses é o chamado Pacto Europeo Verde, un plan estratéxico aprobado hai 6 meses e que procede do Acordo de París. Entre outros obxectivos, o plan persegue as metas fixadas nese cumio, tales como acadar a neutralidade climática ou o coñecido como ‘Balance Cero’, fixado para o ano 2050; no que se pretende que o balance de emisións sexa neutro ó quedar compensada a produción de gases con prácticas máis sostibles e eficaces ou con actividades que actúen como sumidoiros das emisións contaminantes.

Nesta primavera comezarán a implantarse accións dentro da estratexia ‘Do agro á mesa’ para reducir emisións

Nesa liña, ó longo da primavera deste ano, dende a Unión Europea preténdese impulsar a primeira estratexia enmarcada dentro do Pacto Europeo Verde, coñecida como “Do agro á mesa”. Pese ó nome, estas iniciativas non só están destinadas a actividades agrogandeiras senón que contemplan a pesca. As propostas afectarán a toda a cadea de valor, dende os produtores, así como as industrias, distribución ou ós consumidores.

Alimentos saudables e sostibles

No marco desta estratexia ‘Do agro á mesa’, o obxectivo principal é conseguir producir alimentos que combinen tanto os aspectos de saúde como de sostibilidade. O profesor Gumersindo Feijoo referiuse a eles como “Alimentos S2: saudables e sostibles” durante a xornada sobre sostibilidade, pegada de carbono e hídrica na produción de leite, celebrada recentemente pola Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias (Agaca).

Para acadar unha produción de alimentos saudables e sostibles contémplase desenvolver accións concretas coas que protexer o medio ambiente, así como para preservar a biodiversidade animal e vexetal da contorna. Unha das liñas de traballo é incrementar a produción ecolóxica, para o que Europa prevé habilitar máis subvencións que permitan unha transición cara ese modelo.

Unha das liñas de traballo é incrementar a produción ecolóxica

Neste ámbito, unha das principais críticas ás que se enfronta a promoción dunha produción máis sostible é que estes criterios de esixencia só se apliquen dentro da Unión Europea, polo que quedan á marxe os produtos chegados de distintos puntos do mundo, que poden exercer unha importante competencia ós produtos europeos en canto a prezos. “Será a Organización para a Cooperación e o Desenvolvemento Económicos (OCDE) a que teña que garantir e esixir o cumprimento dos estándares europeos ós produtos que queiran entrar no mercado europeo procedente doutros países”, indica Feijoo.

Para evitar a competencia desleal tamén se propoñen melloras para combater a fraude na etiquetaxe dos produtos, de xeito que o consumidor dispoña dunha identificación clara da orixe e as garantías que ofrece cada produto.

Outro dos aspectos nos que se incide no Pacto Europeo Verde é a redución da cantidade de pesticidas e herbicidas empregados na produción agrogandeira. “Procurarase controlar a orixe destes produtos e reducir as doses nos cultivos”, concreta Feijoo. Ademais, contémplase afondar no custe enerxético que ten a produción destes produtos fitosanitarios e as emisións que provocan. “Trátase de incorporar accións de mellora e boas prácticas que permitan reducir paulatinamente as doses empregadas”, comenta.

“Procurarase controlar a orixe de pesticidas e herbicidas e reducir as doses nos cultivos”

Xunto cunha produción máis sostible, o Pacto Verde busca promocionar a Economía Circular e trasladar ó ámbito agrario esta concepción que avoga por un círculo pechado onde os residuos pasan a converterse, na medida do posible, en recursos. “Temos que empezar a preguntarnos de que maneira as nosas granxas contribúen á Economía Circular ou ós Obxectivos de Desenvolvemento Sostible porque son dous conceptos que serán básicos para Europa e que marcarán o acceso a liñas de axuda”, explica Feijoo.

Na procura da eficiencia

Tanto a sostibilidade como a eficiencia son obxectivos que as granxas de vacún de leite galegas xa levan anos promovendo, tal e como ratifican algunhas investigacións desenvolvidas nos últimos tempos ou os datos que manexan no estudo que Agaca está realizando en ganderías da zona centro de Galicia dende o 2018.

“O sector leiteiro galego xa busca ser eficiente. Con respecto a outros países, somos un 30% máis eficientes”, apunta o investigador. Un dos estudos nos que se basea Feijoo foi o realizado xa no 2011 con Agaca para avaliar as emisións de carbono e a pegada hídrica das ganderías galegas e que revelou unha alta eficiencia das máis de 70 granxas avaliadas.

“O sector leiteiro galego xa busca ser eficiente. Somos un 30% máis eficientes ca outros países”

As ganderías están botando man, ademais, doutras ferramentas para avaliar e acadar unha maior eficiencia á par de ser máis sostibles, como son as avaliacións de impacto ambiental ou os sistemas de análise do ciclo de vida, que procuran analizar todo o proceso de produción. Así, as normas ISO, especificamente as normativas dentro da serie 14000 que atenden a estas cuestións, están tendo un importante labor neste cometido.

En concreto, a ISO14067 e a ISO14046 atenden ás emisións de carbono e á pegada hídrica, respectivamente. “Estas normativas están a ser cada vez máis demandadas no mercado europeo”, recoñece Feijoo, por iso recomenda ás ganderías cumprir cos estándares que esixen estas normativas, aínda que inicialmente non se cheguen a formalizar por parte das granxas ata que o mercado e os consumidores o demanden.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información