O Grupo Rede é un equipo de investigación da Universidade de Vigo que traballa desde o 2004 nunha cuestión de plena actualidade, como é a transición ecolóxica. No marco desta liña de traballo, o Grupo Rede forma parte do grupo operativo Acrema, centrado na mellora e adaptación da actividade resineira no noroeste peninsular. Falamos con eles sobre os beneficios directos e indirectos que pode proporcionar o resinado de piñeiros, para coñecer o seu impacto e valor real.
– Na vosa investigación sobre a actividade resineira, calculastes as súas externalidades positivas. Explicádenos en que consiste exactamente ese concepto.
– O concepto de externalidade provén do ámbito da economía e, de acordo coa definición da OCDE, trata de recoller “situacións nas que o efecto da produción ou o consumo de bens e servizos impón custos (externalidades negativas) ou beneficios (externalidades positivas) a outros, e que non se reflicten nos prezos cobrados polos bens e servizos que se brindan”.
No caso que nos ocupa, o aproveitamento resinero xera unha serie de beneficios á comunidade que van máis aló dos beneficios económicos propios da actividade. Para o desenvolvemento da actividade resineira, son necesarios piñeirais ben xestionados, coas súas correspondentes podas e rareos, así como a realización periódica de rozas para o control de sotobosque.
Semella evidente que este tipo de tarefas poden favorecer a prevención tanto dos incendios como da intensidade dos mesmos. Ademais, a presenza continua de resineiros nos bosques favorece a alerta temperá se se declara algún lume e pode exercer como elemento disuasorio para os autores de lumes intencionados. Este tipo de beneficios adicionais constitúen o que se denominan actividades de “non uso”, xa que non están incluídas na cuantificación do beneficio (actividades de “uso”) da explotación resineira.
Cómpre subliñar tamén que non existe un mercado que nos permita establecer unha cuantificación económica destas externalidades. Neste contexto, o noso traballo consiste en asignar un valor económico a esas externalidades positivas derivadas do aproveitamento resineiro. Con estes datos, podemos sumar as actividades de uso e non uso, establecendo o valor real da actividade resineira para a sociedade.
“O cálculo das externalidades positivas pode proporcionar información relevante para a toma de decisións, tanto vinculadas á xestión e planificación forestal, como para a elaboración de políticas forestais a longo prazo”.
-Por que é importante realizar este tipo de estudos?
– De acordo coa literatura, e como comentamos anteriormente, o valor total da explotación da resina pódese descompoñer en dous subtipos de valores, o valor de uso (que serían os ingresos directos xerados polo aproveitamento resineiro) e o valor de non uso, que englobaría ás externalidades positivas xeradas. Estudos anteriores suxiren que ese valor de non uso representa ao redor das tres cuartas partes do valor económico total.
Este feito subliña a importancia de cuantificar economicamente este tipo de externalidades. A súa identificación e posterior valoración poden proporcionar información relevante para a toma de decisións tanto vinculadas á xestión e planificación forestal, como para a elaboración de políticas forestais a longo prazo, contribuíndo a establecer prioridades de actuación e ao desenvolvemento de incentivos financeiros ou mecanismos de apoio adecuados.
“Seguimos unha metodoloxía participativa que persegue incluír tanto aos actores con elevados coñecementos técnicos como a representantes da sociedade con escasos coñecementos sobre a materia”.
-Cando comezastes o traballo sobre a resina? Como é a metodoloxía para levar a cabo este estudo?
– A nosa participación neste proxecto arrincou en setembro do ano pasado e, a través dunha revisión da literatura, identificáronse diferentes métodos utilizados para a cuantificación das externalidades positivas, tales como método de custos de viaxe, prezos hedónicos, experimentos de elección ou método de valoración continxente.
Tras analizar as diferentes alternativas e consultar con persoas expertas na cuantificación de externalidades, inclinámonos por un experimento de elección discreta como base da nosa metodoloxía. Este sistema xurdiu na década de 1970 no campo da investigación de mercados co obxecto de analizar as preferencias dos consumidores en relación ás diferentes características de produtos.
Recentemente, e motivado por un contexto no que as cuestións ambientais cobran cada vez máis importancia, empregáronse con asiduidade para a medición cuestións relacionadas coa economía ambiental e ecolóxica.
Trátase dunha metodoloxía de tipo participativo que persegue incluír tanto aos actores con elevados coñecementos técnicos (empresarios resineiros, académicos, membros da Administración,…) como a representantes da sociedade con escasos coñecementos sobre a materia.
A primeira fase é de identificación e selección das externalidades máis significativas, de acordo coas opinións dos expertos. A continuación, procédese á elaboración dun cuestionario no que se inclúen diversos escenarios de elección, xerados a través de combinacións de atributos (externalidades) e niveis destes atributos (p.e. baixo, medio, alto), xunto cun atributo monetario que reflicte o custo de cada unha das opcións.
O cuestionario deseñado preséntase a unha mostra representativa da poboación obxecto de estudo. A través dunha análise econométrica, as respostas obtidas permítennos cuantificar economicamente as externalidades, de acordo coa utilidade manifestada polos enquisados.
-No caso do aproveitamento resineiro, en que ámbitos supón un impacto positivo a actividade?
– Na fase de identificación de externalidades positivas directamente asociadas ao aproveitamento resineiro, identificáronse diversos ámbitos nos que esta actividade ten impactos positivos sen cuantificar. Tras un proceso de revisión de literatura e de consulta con expertos para adaptar estas externalidades ao contexto do estudo, finalmente identificáronse as 15 externalidades positivas que se mostran a continuación e que agrupamos en tres bloques: ambiental, social e económico.
Dada a imposibilidade de cuantificar economicamente todas as externalidades positivas durante a duración do proxecto, valoráronse as catro máis relevantes e que aparecen destacadas na táboa seguinte en laranxa. Para establecer esa relevancia, consultouse cun grupo de discusión (Focus Group) formado por 33 persoas pertencentes ás tres comunidades autónomas obxecto de estudo (Asturias, Castela e León e Galicia) e a distintos ámbitos (académico/investigador, administración pública, extracción de resina, propietarios de masas forestais, asociacións relacionadas, sector industrial e poboación xeral).
– Acabades de obter os primeiros resultados. Cales foron os datos máis destacados?
– O cuestionario para determinar a disposición para pagar por unha serie de programas de mellora foi enviado a un total de 1.200 persoas, 400 de cada comunidade autónoma, representativas da poboación xeral. Agora atopámonos na fase de análise dos resultados obtidos a partir do cuestionario, pero podemos adiantar que a externalidade positiva asociada ao aumento da vixilancia e prevención de incendios forestais foi a que obtivo, tomando valores medios, unha maior disposición a pagar por parte dos enquisados das 3 comunidades.
A disposición adicional a pagar das persoas que compoñían a mostra por esta externalidade é, en conxunto, un 46,86% maior que pola seguinte externalidade máis valorada, a creación de emprego.
Cunha disposición adicional a pagar lixeiramente por baixo da creación de emprego, sitúase a fixación de poboación no rural e a substitución de resinas derivadas de hidrocarburos polas de orixe natural.
Se tomamos os valores agregados, observamos que os enquisados están dispostos a pagar 50,76€ de media ao ano vía incremento de impostos, no conxunto das 3 comunidades, polos beneficios que reporta un mellor aproveitamento e xestión da actividade resineira.
“En Galicia estímase como superficie susceptible de ser resinada para piñeiro pinaster 13.272,42 hectáreas e para piñeiro radiata 5.614,2 hectáreas”
– Ten futuro o aproveitamento resineiro en Galicia, en base ao voso estudo?
– Segundo estudos recentes levados a cabo polos nosos compañeiros do Grupo PROePLA dentro do proxecto ACREMA, a superficie total de piñeiro pinaster en Galicia ascende a 63.470,01 hectáreas e a de piñeiro radiata a 23.962,55 hectáreas. Dentro das mesmas, estímase como superficie susceptible de ser resinada para piñeiro pinaster 13.272,42 hectáreas e para piñeiro radiata 5.614,2 hectáreas.
Tendo en consideración que un resineiro profesional pode traballar entre 5.000 e 6.000 piñeiros por campaña de resinación e que as densidades para resinado en ningún caso deben superar os 750 piñeiros / hectárea, o potencial que presenta a Comunidade Autónoma Galega para a extracción da resina é moi elevada, tanto en termos de número de postos de traballo creados como en produción económica xerada.
Con todo, para poder afirmar se o aproveitamento resineiro ten futuro en Galicia, é necesario dar resposta a moitos dos obxectivos expostos dentro do Grupo Operativo ACREMA e que, desde un inicio, supuxeron reticencias para o avance do mesmo nesta Comunidade Autónoma.
Estamos a falar, por exemplo, de desenvolver as metodoloxías de extracción de resina que se adapten ás peculiaridades desta zona de traballo, a análise dunha posible repercusión do aproveitamento resineiro sobre a susceptibilidade dos piñeirais a pragas e enfermidades ou ter maior información sobre os efectos do resinado sobre a calidade estrutural da madeira, cuestións nas que xa se está avanzando.
Desde un punto de vista produtivo, os primeiros datos obtidos apuntan a que é unha actividade rendible para quen a queira exercer, con todo, é necesario seguir traballando para optimizar os métodos mecanizados e con iso mellorar rendementos, obter unha resina de maior pureza e mellorar a calidade de vida do traballador.
A nosa parte do traballo achegará valor desde o punto de vista de identificar e cuantificar todos os beneficios que esta actividade reporta á sociedade, valorar os servizos ecosistémicos e propoñer medidas de compensación que, dalgunha forma, revertan no resineiro.
Cada unha destas partes no seu conxunto lograrán sentar as bases para desenvolver un sector resineiro sólido e adaptado ás particularidades da nosa Comunidade Autónoma, pero de momento, aínda queda traballo por diante.
– O aproveitamento da resina é un traballo xa con certa tradición en determinados lugares. Por que pode ser unha oportunidade para o monte galego agora? Superáronse os impedimentos que limitaron que fose unha actividade máis asentada en Galicia?
– Como xa comentamos no apartado anterior, Galicia dispón do máis importante, que son superficies con masas de piñeiro produtoras de resina. Máis aló diso, toca seguir traballando na parte social, introducir unha nova actividade nunha zona sen tradición e dentro dun sector forestal maioritariamente enfocado a un aproveitamento madeireiro.
A resina supón un “plus” para as nosas masas de piñeiro, tanto na mellora da xestión da masa como no beneficio conxunto que a masa de piñeiro pode xerar e, todo iso, xerando postos de traballo ligados ao rural e favorecendo a prevención de incendios forestais e a vixilancia forestal.
Aínda quedan respostas por dar a algúns dos impedimentos que limitaron esta actividade no seu inicio, pero de cara a marzo do 2023, poderemos dispoñer de todas as conclusións.
Sobre o grupo Rede
“REDE (http://rede.uvigo.es/) é un equipo de investigación multidisciplinar da Universidade de Vigo constituído no 2004 e que no 2006 converteuse no primeiro equipo do ámbito xurídico-social en gañar unha das axudas a Grupos de Referencia do Sistema de Investigación galego. O noso traballo, tanto de investigación como de transferencia de coñecemento, trata de abordar a chamada transición ecolóxica, un dos grandes retos que afronta a humanidade na actualidade, desde diferentes perspectivas; tanto desde un punto de vista de política pública, como desde unha perspectiva de management empresarial.
Esta investigación foi financiada sistematicamente a través de convocatorias competitivas a nivel europeo, estatal e rexional, dando lugar o resultado deste esforzo a numerosos artigos nalgunhas das principais revistas de economía, cambio climático ou estratexia. Estes traballos facilitaron a nosa colaboración en numerosos proxectos de transferencia de coñecemento, tanto con institucións públicas (IPCC, Comisión Europea, Ministerio de Ciencia e Innovación, Xunta de Galicia, etc.) como privadas (Iberdrola, Pescanova, Repsol, etc.).
No sector forestal, o Grupo Rede atópase traballando tamén actualmente no proxecto H2020 Resonate “Resilient forest value chains – enhancing resilience through natural and socio-economic responses”, no que realiza unha análise da cadea de valor da madeira en Galicia e Norte de Portugal”.
Proxecto financiado polo Ministerio de Agricultura, Pesca y Alimentación, no marco do Programa Nacional de Desarrollo Rural 2014-2020, cun importe de 561.719,17 euros, financiado con fondos FEADER nun 80% e AGE nun 20%.
Es bueno que se siga velando por los fruto y beneficios de productos que nuestros campos nos ve eficiencia cuanto lla nuestros visabuelos nos enseñaron, claro 👍 está prefiero la recina autóctona que la sintética, ahora está los laboratorios