O adianto da vendima limita o uso de fitosanitarios químicos no viñedo

Publicidade
O adianto da vendima limita o uso de fitosanitarios químicos no viñedo

Danos por botrite en acios de Treixadura. // Foto. Estación Fitopatolóxica de Areeiro.

As altas temperaturas e días solleiros deste verán fixeron que moitos viticultores estean preparándose para o inicio da vendima, por iso a maioría das grandes adegas teñen xa limitado o uso de fitosanitarios químicos e convencionais nos viñedos. Ademais, as vagas de calor e o avanzado estado fenolóxico no que se atopan as uvas reducen os riscos de danos por patóxenos como o mildio.

Con todo, naqueles viñedos menos vigorosos e que se viran afectados pola incidencia de mildio, dende a Estación Fitopatolóxica de Areeiro recomendan prestar atención a estes síntomas xa que, aínda que non provoque danos directos no acio, podería chegar a afectarlle á saúde da planta se se producen defoliacións a causa de manchas nas follas. Por este motivo, no último boletín fitosanitario emitido por Areeiro este venres, recomendan tratar estas viñas afectadas con solucións cúpricas, que practicamente na súa totalidade teñen un prazo de seguridade de 15 días. Ademais, destacan os efectos beneficiosos do cobre tanto sobre a pel da uva coma para o endurecemento da madeira.

Nas súas revisións nos viñedos, o persoal de Areeiro detectou esta semana un incremento dos danos por oídio, en especial nas plantas de zonas con influencia mariña. Mesmo chegaron a detectar acios rebusco afectados nalgunhas parcelas xa tratadas, aínda que foron danos de pouca intensidade. Dado que o patóxeno xa non pode afectar á uva, polo xeral xa non será preciso realizar ningún tratamento fitosanitario. Mentres, se se detectan síntomas de oídio recomendan evitar excesos de vexetación e realizar labores de eliminación de brotes netos.

Aínda que polo momento a incidencia de botrite está a ser tamén mínima, a previsión de tempo húmido para os próximos días fai incrementar os riscos. No caso de que a uva estea en bo estado, non é probable que se produzan danos de importancia nos acios, malia que haxa condicións favorables para a súa aparición. Con todo, dende Areeiro inciden en que puntualmente pode ser aconsellable tratar para evitar danos. En caso de ter que tratar, o Rexistro de Produtos Fitosanitarios do Ministerio inclúe funxicidas antibotríticos cun prazo de seguridade de 14 días e produtos naturais cun prazo de seguridade dun día ou mesmo sen ter que agardar para colleitala.

Tampouco se detectou incidencia da couza do acio, que favorece a aparición de danos por botrite nas feridas que provoca nas uvas. Pese a que capturaron varios machos nas trampas das que dispón a Estación Fitopatolóxica nos viñedos, este reducido número de capturas fai prever que a presenza do insecto tampouco faga ter máis incidencia da botrite, tendo en conta ademais que se prevé un adianto da vendima.

Nas visitas ós viñedos realizadas nas últimas semanas, o persoal de Areeiro detectou a presenza de Trips en viñedos de O Salnés e o Rosal, con síntomas nas follas, sen chegar a producirse danos nos acios. De localizar estes insectos e ser preciso un tratamento, entre as solucións autorizadas hai un produto autorizado para o seu control e que non ten prazo de seguridade.

Tras varias campañas sen constatar a súa presenza, esta semana localizaron síntomas de acariose nas parcelas de seguimento da Estación Fitopatolóxica. Nas cepas afectadas, o persoal especializado detectou tamén a presenza de ácaros beneficiosos fitoseidos, que posiblemente sexan capaces de controlar o ataque.

Ademais, seguen a detectarse danos nos acios e cepas por golpes de calor, alteracións da madeira, estrés hídrico e erinose de verán.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información