O 87% da superficie forestal queimada é monte raso, sen arborado

Os datos dos incendios do 2020 manteñen a liña das dúas últimas décadas, nas que dúas terceiras partes dos montes afectados carecían de árbores. Ourense, buraco negro de Galicia, acumula a metade dos grandes incendios dos últimos 30 anos

O 87% da superficie forestal queimada é monte raso, sen arborado

Imaxe de traballos de extinción dun incendio forestal. / Imaxe: Pladiga 2021.

Ourense convertiuse nas últimas décadas nun buraco negro no capítulo de incendios forestais. Os datos son concluíntes. A provincia acumula 27 das 35 parroquias de alta actividade incendiaria de Galicia. O 21% da superficie forestal da provincia ardeu na última década, unha porcentaxe que dobra á media galega, e Ourense rexistrou ademais nos últimos 30 anos a metade dos grandes incendios forestais de Galicia, é dicir, aqueles maioires a 500 hectáreas.

O panorama que presentan boa parte dos montes afectados polos lumes en Ourense, superficies rasas con tendencia ó abandono, explica tamén un dos datos máis significativos dos incendios en Galicia. No 2020, das 14.800 hectáreas que arderon na comunidade, só 1.950 estaban arboradas, en tanto máis de 12.800 carecían de árbores e de aproveitamentos forestais.

A elevada taxa de monte raso queimado no 2020, o 87%, correspóndese coa tendencia que se vén rexistrando nos últimos 20 anos, nos que arredor de dous terzos das superficies afectadas carecían de arborado, segundo os datos do Plan de Defensa contra Incendios Forestais de Galicia (Pladiga 2021).

Mapa de incendios forestais da última década. / Fonte: Pladiga 2021.

Mapa de incendios forestais da última década. / Fonte: Pladiga 2021.

A excepción é o ano 2017, no que unha prolongada seca se combinou en outubro con fortes ventos e actividade incendiaria, desencadeando grandes lumes que arrasaron en tres días con 50.000 hectáreas. Ese ano saldouse con 62.000 hectáreas queimadas, das que 32.000 eran arboradas.

Dáse a circunstancia de que os dous anos da última década con máis lumes, o 2017 e o 2011, caracterizáronse por importantes incendios no mes de outubro, logo de prolongadas secas e coincidindo con circunstancias meteorolóxicas adversas.

A maioría dos lumes rexístrase na primavera e no verán, pero outubro vaise configurando tamén como un mes de alto risco en anos específicos marcados por un inicio de outono seco.

Detallamos a continuación as parroquias de alta actividade incendiaria no 2021.

PAAI 2021

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información