Novo récord na asistencia de vacún maior en Silleda, con 266 exemplares

A Central Agropecuaria de Galicia acadou esta mañá o maior número de vacas no que vai de ano. Nos prezos, houbo baixadas na recría, nos becerros carniceiros, no vacún maior así como nos porcos cebados

Novo récord na asistencia de vacún maior en Silleda, con 266 exemplares

Gando nunha sesión da Central Agropecuaria de Galicia.

A Central Agropecuaria de Galicia – Abanca, en Silleda (Pontevedra) rexistrou esta mañá un novo récord anual na asistencia de vacún maior, nunha xornada caracterizada polas baixadas de prezos na maior parte das categorías. En concreto, contabilizáronse 266 vacas, superando ás 243 que concorreran o 10 de marzo e que figuraban ata o momento coma o récord de 2020 nesta categoría.

No vacún maior os prezos, ó igual que a maioría das seccións, acusou unha redución das cotizacións. Nas vacas de segunda houbo unha baixada de 18 euros e tiveron un valor medio de 702 euros. A redución foi semellante para os animais de desvelle, que pasaron a cotizarse a 449 euros, tras descontar 17 euros. A única excepción produciuse nas vacas de primeira, que incrementaron o seu valor en 29 euros e sitúanse nos 1.116 euros de media. Tamén os animais co distintivo Vaca e Boi de Galicia incrementaron o seu valor esta semana e pasan a cotizarse a 1.145 euros, 232 euros máis que o acadado de media na feira pasada.

Na recría tamén houbo unha tendencia á baixa. A única excepción rexistrouse nos becerros frisóns de menos de 20 días, que experimentaron unha suba de 7 euros ata acadar os 74 euros. Mentres, os animais de entre 20 e 50 días frisóns pasaron a cotizarse a 94 euros, logo dunha redución de 3 euros. Tamén os becerros de máis de 50 días acusaron unha baixada, que neste caso foi de 11 euros, para situarse nun valor de 105 euros.

Os becerros de recría de cruces industriais experimentaron baixadas en tódalas categorías. Nos animais de menos de 20 días, o prezo foi de 233 euros, 2 euros menos que a semana anterior. Os tenreiros de entre 20 e 50 días acadaron os 269 euros, despois de descontar 4 euros. A baixada máis significativa produciuse nos becerros de máis de 50 días, posto que o seu prezo caeu ata 33 euros, para situarse nos 341 euros.

No caso dos becerros carniceiros, os de raza Frisoa experimentaron unha suba de 24 euros e acadan os 429 euros. Mentres, nos cruces industriais os machos situáronse nos 834 euros, logo dunha redución de 26 euros. Nas femias, a baixada foi máis acusada e pasaron a cotizarse a 672 euros, tras descontar 62 euros. Nos animais coa cualificación de Ternera Gallega Suprema o prezo medio foi de 842 euros para os 16 exemplares que se contabilizaron e que supón unha baixada de 36 euros con respecto da sesión anterior.

Central-agropecuaria-de-Galicia-vacuno-21_07_2020

Baixada no porco cebado

En canto ás mesas de cotización do porcino, a tendencia foi á baixa no porco cebado. Mentres, os leitóns volveron quedar sen cotización, por segunda semana consecutiva.

No porco cebado, nas categorías selecta e normal a baixada foi de 0,030 euros e o prezo sitúase a 1,325 e 1,30 euros respectivamente. Os animais de Canal II atópanse a un valor de 1,688 euros por quilo, despois dunha baixada de 0,039 euros. Os porcos de desvelle foron os únicos que se mantiveron sen cambios entre os 0,45 e os 0,51 euros por quilo.

No mercado do ovo producíronse incrementos no valor dos ovos de maior tamaño, de xeito que os ovos da categoría XL pasan a cotizarse a 1,61 euros a ducia, logo dun incremento de 0,02 euros. Tamén houbo subas nos ovos da sección L que se pagan a 1,20 euros a ducia, tras sumar 0,02 euros. Mentres, nas dúas categorías restantes os prezos mantéñense sen cambios. Os ovos da categoría M sitúanse a 1,07 euros e os de menor tamaño, os da S, a 0,92 euros a ducia. As galiñas de desvelle manteñen un prezo medio de entre os 0,04 e 0,12 euros por quilo.

Na lonxa de Madrid, o coello continúa cotizándose a 1,75 euros o quilo.

Central-Agropecuaria-de-Galicia-Porcino-21_07_2020

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información