Por primeira vez, a Política Agraria Común (PAC) puxo sobre o papel a importancia de visibilizar e apoiar o labor da muller no campo, unha reclamación que diferentes colectivos de mulleres rurais levaban anos solicitando e que España trasladou directamente nas negociacións previas entre os estados membros. A nova PAC, que rexerá as estratexias agrarias europeas até o 2027, inclúe entre os seus obxectivos garantir a igualdade de trato e oportunidades para mulleres e homes no mundo agrario.
“Trátase dun fito fundamental para lograr que a PAC deixe de percibirse como unha política neutra e permita orientar as súas medidas a diminuír a brecha de xénero existente na actividade agraria”, destaca o borrador da Estratexia para a Igualdade das Mulleres Rurais presentada en xuño deste 2021 polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación para abordar esta cuestión na PAC.
Fomentar a presenza da muller no campo é unha das medidas da nova PAC para contribuír a frear o despoboamento do rural
Europa viu non só a necesidade de fomentar as oportunidades e visibilizar ás mulleres no sector agrario senón a importancia que pode traer isto para a supervivencia do mundo rural. Adoptar medidas concretas para paliar as desigualdades de xénero nas zonas rurais apúntase como unha das medidas necesarias para reducir o despoboamento rural e superar o desafío da falta de substitución xeracional, de igual maneira que pode resultar de utilidade eliminar outras barreiras históricas como a dificultade para acceder á terra ou lograr financiamento.
As cifras en feminino
A análise previa para elaborar o Plan Estratéxico da PAC (coñecido como PEPAC) ofrece unha visión da situación actual da muller no campo en España. As súas cifras sinalan que as mulleres teñen unha menor representación no sector agrario, con explotacións máis pequenas e menos rendibles. As mulleres teñen explotacións case un 40% menos rendibles que a media nacional en canto a dimensións e volume económico. Ademais, como destacan os datos do Ministerio, a medida que se incrementa o tamaño da explotación, diminúe a presenza da muller e máis aínda a das novas.
Apenas o 32% das explotacións agrarias españolas teñen como titular a unha muller
Só 285.467 mulleres son titulares de explotacións agrarias en España segundo os datos do INE en 2016, o que supón apenas o 32% do total. Delas, só o 2% son mulleres menores de 40 anos, o que evidencia que tampouco as mozas están a conseguir romper as barreiras no campo.
Unha das ferramentas que tentou visibilizar o labor da muller no campo foi a lei de titularidade compartida, xa que moitas explotacións de carácter familiar tiveron como titular principal a un home, aínda que a muller leve o mesmo peso ou mesmo superior na gandaría. Historicamente as mulleres compartiron responsabilidades e traballo primeiro cos seus maridos e despois cos seus fillos unha vez que estes toman a substitución e asumen as rendas, sen que o seu papel fose visible. Estímase que en España hai entre 31.000 e 55.000 mulleres potenciais beneficiarias desta lei de titularidade compartida, con todo en maio de 2021 apenas se rexistraron unhas 850 altas de explotacións agrarias neste réxime.
Ás mulleres no agro tamén lles está custando romper o chamado teito de cristal, xa que por cada 100 explotacións dirixidas por un home, existen 29 na que unha muller está á fronte. As novas están a telo aínda máis difícil, xa que en 2016, as mulleres menores de 40 anos apenas representaban o 19% dos xefes de explotacións, mentres que en Europa alcanzaban o 23,3%. A porcentaxe rebáixase até o 2% nas explotacións agrogandeiras que teñen unha produción estándar de máis de 8.000 euros.
Galicia sitúase como a comunidade con maior representación feminina no sector agrario. A metade das explotacións agrarias galegas teñen como titular unha muller
Galicia é unha das comunidades onde máis mulleres figuran como titulares da explotación, xa que representan o 50% do total, segundo os datos manexados polo Ministerio de Agricultura. Con todo, entre os mozos segue habendo importantes diferenzas. Mentres os homes memores de 40 anos supoñen o 8% dos titulares, as mulleres novas galegas á fronte dunha explotación agraria apenas alcanzan o 4,5%.
Comezar a romper a brecha
Se miramos en termos de subvencións agrarias segue habendo unha importante disparidade. As mulleres recibiron en 2019 menos dun terzo do importe das axudas directas e de desenvolvemento rural da PAC, segundo o informe do Fondo Español de Garantía Agraria (Fega) que recolle datos sobre a distribución por sexo e idade na percepción destes fondos.
Aínda que parece haber xa certos indicadores que apuntan a que comeza de acurtarse esta diferenza. “En comparación cos datos manexados en 2010-2012 e 2017, obsérvase unha tendencia leve cara á redución da brecha de xénero na percepción de axudas, pero seguen recibindo un importe total de axudas moi inferior ao dos homes”, valora o Ministerio de Agricultura no borrador da estratexia para a igualdade das mulleres rurais.
Europa avoga na nova PAC por incorporar medidas concretas que favorezan a presenza da muller no agro como intervencións específicas ou importes diferenciados de axudas así como priorizar ás mulleres nos criterios de selección para obter estas partidas. En España, o PEPAC aborda entre os obxectivos específicos 7 e 8 a importancia de visibilizar á muller no agro.
Nesta liña unha das primeiras propostas do Plan Estratéxico da PAC en España que transcendeu afecta ó pago complementario da axuda básica á renda para mozas de até 40 anos, que busca favorecer a substitución xeracional. Neste caso, se a beneficiaria é muller, titular ou cotitular da explotación, o pago incrementarase nun 15%.
“Teño a firme convicción de que a igualdade é o único camiño posible para garantir a continuidade do mundo rural”
As cooperativas agrarias evidencian tamén a limitada presenza das mulleres no agro español. Só o 15% das cooperativas agrogandeiras cunha facturación de máis de 10 millóns de euros teñen mulleres nos seus consellos reitores. De feito, segundo os datos manexados polo Observatorio Socieconómico do Cooperativismo Alimentario Español, as mulleres representan un 26% da base social das cooperativas, pero só un 7,4% formaron parte de consellos reitores.
Aínda que, algunhas entidades agrarias están a dar pasos para romper estas barreiras. Carmen Rodríguez, gandeira galega e vicepresidenta da cooperativa láctea galega Clun, ademais de presidenta da Asociación Galega de Cooperativas (Agaca) é un exemplo diso. Leva anos traballando a favor de visibilizar e apoiar o traballo da muller no agro desde colectivos como Mulleres de Seu, que agrupa a mulleres socias da cooperativa.
-En Clun levades tempo traballando pola igualdade e a visibilización das mulleres no sector gandeiro, as axudas da PAC contribuíron neste traballo?
-Si, levamos traballando desde o 2013, a través de Mulleres de Seu. Iniciamos a nosa traxectoria como agrupación e chegamos a ser un dos alicerces da acción de Responsabilidade Social Empresarial na cooperativa CLUN. Actualmente, demos un paso máis, e estamos en pleno proceso de constituírnos en Asociación, con personalidade xurídica propia. Non solicitamos axudas á PAC para este traballo até a data, pero imos estar pendentes para solicitar axudas a través das políticas activas.
-Como ves o anuncio de que por primeira vez na reforma da PAC estea a terse en conta a perspectiva de xénero como un dos eixos nos que traballar?
-Teño a firme convicción de que a igualdade é o único camiño posible para garantir a continuidade do mundo rural, que ten ante si diversos retos, entre eles o de garantir a substitución xeracional. Encontro na incorporación da perspectiva de xénero un avance importante porque significa establecer un marco de actuación que, primeiro, esixe aos países incluír plans nacionais que fomenten a igualdade no ámbito rural e, segundo, debe traducirse en medidas e orzamentos reais específicos para incentivar a presenza e a participación das mulleres nas explotacións agrarias e gandeiras, e no sector.
-Que aspectos crees que se deberían vincular ás axudas da PAC para propiciar unha maior presenza da muller no campo?
-Os homes seguen sendo maioritariamente os perceptores das axudas, aínda que as mulleres imos avanzando paso a paso. Hai moito por facer, hai que incentivar a participación das mulleres nas organizacións de representación, hai que mellorar as condicións laborais das traballadoras rurais. Tamén son importantes as medidas que axuden a conciliar e que incentiven o emprendemento. Ademais considero que a profesionalización é fundamental, polo que os programas específicos de formación das mulleres rurais son esenciais para o desenvolvemento de capacidades técnicas, de xestión, etc.