A alimentación da vaca supón entre o 50 e o 60% dos custes de produción dun litro de leite. Conscientes da súa importancia, a Sociedade Galega de Pastos e Forraxes celebrou o pasado venres en Lalín a súa reunión de primavera, centrada este ano na produción de leite a baixo custo. En concreto, a través dun mellor aproveitamento das forraxes producidas na explotación, sobre todo da herba.
Ana Rama, enxeñeira agrónoma do Servizo de Alimentación de Seragro, participou nestas xornadas cun relatorio sobre “Canto custa alimentar a unha vaca?”. “Ante todo o importante é que as forraxes producidas na explotación, sexan herba ou millo, estean sás, ben conservadas e que teñan un alto contido en nutrientes, importando máis o seu Valor Relativo Forraxe que o seu contido en proteínas”, asegura.
Estamos no momento do segundo corte da herba en moitas comarcas gandeiras de Galicia. ¿Que aspectos debe coidar o gandeiro á hora de realizar o ensilado da herba?
Está claro que o momento óptimo para o ensilado, e para así conseguir as calidades nutricionais máis altas, é antes de que a herba espigue, un momento que pode variar segundo a variedade plantada e a zona de Galicia.
O tamaño de fibra efectiva debe ser pequeno, non máis de 10 centímetros, para que a vaca rumíe. Isto debémolo facer no momento de ensilar, pois é máis efectivo que telo que picar despois co carro unifeed. Ademais, picando pequeno imos ter unha mellor compactación do silo.
En canto ao momento óptimo do corte no millo, o que temos que compaxinar é o estado vexetativo da planta e a maduración do gran, sempre primando o criterio do estado sanitario da planta fronte ao criterio dunha maior obtención de almidón. É dicir, non podemos deixar que a planta se seque co fin de obter máis almidón, porque non o imos obter e empeoraríamos a calidade da forraxe.
A partir dos datos que manexades en Seragro, ¿Cales son os custos medios da produción de forraxes en Galicia?
Podo falar dos custos medios da xente que nos facilita os datos. No millo anda sobre uns 1.280 euros por hectárea, cunha produción media de 30/32 toneladas de materia verde e un custo medio de 42 euros por tonelada.
Na herba os custos andan entre 550 e 680 euros a hectárea, aínda que varían moito segundo sexan pradeiras temporais, máis caras, ou permanentes, con menores custos de produción. A produción media é de 10,5 toneladas, aínda que presenta tamén unha grande variación. Os custos medios de produción da herba andan entre os 56 e os 66 euros a tonelada, matizando tamén que non é o mesmo unha herba que custe 66 euros a tonelada pero teña un 15% de proteína, que se é máis barata pero só ten un 9% de proteína bruta.
Á hora de introducir estas forraxes na ración hai que ter en conta as cotizacións das materias primas do concentrado e da alfalfa. Así, hai dous anos a alfalfa estaba a 220 euros a tonelada, mentres que agora está máis barata e compensa máis incluíla na ración.
En Galicia séguese sementando millo en terreos con baixos rendementos. ¿A partir de que produccións compensaría deixar o millo forraxeiro e pensar noutro cultivo alternativo?
Iso depende do que custa a hectárea: se un gandeiro saca a sementeira dunha hectárea de millo por 1.700 euros e a outro lle custa 1.280, a este segundo con 28 toneladas de rendemento compénsalle o mesmo que se o primeiro logra 43 toneladas.
Formulando doutro xeito a pregunta: ¿A partir de que custo por tonelada de silo de millo non compensaría a súa sementeira?
E que iso depende de cal sexa a cotización da fariña de millo. Por exemplo, agora mesmo está a moi bo prezo, a sobre 190 euros a tonelada, co que o custo do silo de millo deixa de ser rendible en máis casos. Non así se volveramos a pagar a fariña de millo a 230 euros a tonelada, caso no que xa podería ser rendible o cultivo de millo forraxeiro cuns rendementos de 25 toneladas por hectárea.
Pola vosa ampla experiencia, ¿Cales son os erros máis frecuentes na alimentación do vacún de leite en Galicia?
O erro máis común é obrigar a meter no carro comida que non é comestible. Ese é o erro máis grande. Hai xente que pensa que con 40 kilos que millo imos empachar ás vacas, e iso non é certo. Ao contrario, se lle damos unha comida sá, cunha ración equilibrada, cunha cantidade de fibra, proteínas e almidón equilibrada, non pasará nada porque lle deamos 46 kilos de silo de millo ou de herba. O problema é cando utilizamos silos que non son comestibles, e isto sole pasar máis nos silos de herba.
“O gandeiro cada vez terá que ser mellor agricultor”
Neste sentido, hai gandeiros aos que lles compensaría máis mercar comida que darlle ás vacas algunha das forraxes que producen. Solen ser case sempre os mesmos gandeiros os que teñen as malas forraxes, recollidas en mal momento e mal conservadas.
Hai racións perfectas só con millo e hai racións perfectas só con herba, pero ante todo a forraxe ten que estar sá, e se por riba é de boa calidade a vaca vai comer máis e producir máis.
Comentabas na túa ponencia que a veces pode compensar meter a proteína na ración a través do concentrado e non das forraxes….
É que ao final ás vacas o que lle temos que dar é nutrientes, e a concentración dos mesmos é máis alta nos concentrados que nas forraxes. Por iso, se non producimos forraxes a bo prezo e cun alto contido en nutrientes non son rendibles. De aí que moitas veces sexa máis barato dar os almidóns e a proteína en penso que a través das forraxes.
Cales deberían ser os contidos mínimos en nutrientes das forraxes?
Por exemplo, nos silos de herba a súa calidade vén máis determinada polo seu Valor Relativo Forraxe que polo seu contido proteico. É dicir, debemos buscar que os silos de herba teñan pouca fibra, que sexan moi dixestibles, e que sexan moi inxestibles, é dicir que a vaca sexa capaz de comer moitos quilos del. E para iso precisamos niveis de fibra baixos, que se consegue cortándoos tenros.
Sen embargo, un gandeiro ao mirar as analíticas o primeiro no que se fixa é na proteína, e iso pouco importa se o silo é incomible, ou pouco dixestible. É dicir, é preferible que o silo de herba teña menos proteína, pero que sexa máis dixestible e que a vaca sexa capaz de comer moitos kilos. É máis importante lograr forraxes tenras que con moita proteína.
“Máis que o contido en proteína, o importante é que a forraxe teña un alto Valor Relativo Forraxe”
Penso que en alimentación de vacún non hai verdades absolutas e nin o millo é malo nin a herba fantástica. O importante é que a forraxe sexa sá, que estea ben conservada e que teña un alto contido en nutrientes.
O gandeiro nos últimos anos mellorou moito en instalacións, manexo, xenética e producións. Pero ten que mellorar tamén a súa labor agrícola xa que desta depende en gran medida a rendibilidade da súa explotación. É dicir, ademais de ser bo gandeiro, ten que ser bo agricultor.