Mulleres de Seu e Clun reivindican a igualdade como camiño para lograr un rural habitable, habitado e sostible

Mulleres de Seu e Clun reivindican a igualdade como camiño para lograr un rural habitable, habitado e sostible

Instante de lectura do manifesto feminista esta mañá na sede de Clun en Ames.

Baixo o lema “Igualdade: o único camiño posible”, a asociación Mulleres de Seu, integrada por socias da cooperativa, e o persoal de Clun, encabezadas polo consello reitor, o director xeral e membros do consello lácteo, celebraron un acto simbólico conxunto para conmemorar o Día Internacional da Muller 2022.

Durante o acto, que tivo lugar a mediodía na sede de Clun en Ames, deuse lectura a unha declaración conxunta, na que se reiterou o “firme compromiso coa igualdade de oportunidades real e efectiva entre mulleres e homes”. A acción foi apoiada de maneira simultánea nas sedes da cooperativa Clun en Melide e Ribadeo.

“As mulleres que vivimos e traballamos no rural contribuímos cada día ao mantemento e a sustentabilidade da vida nos nosos territorios: fixamos poboación, xeramos e distribuímos riqueza, innovamos, emprendemos, creamos redes de colaboración, transmitimos identidade cultural e coidamos das contornas naturais, velando pola súa biodiversidade. O noso papel activo no medio rural é clave para construír un futuro próspero e sostible”, afirma a declaración.

Este ano, a declaración fai fincapé no factor da sustentabilidade, sinalando que “o coronavirus puxo de manifesto que a protección e conservación dos espazos naturais ten repercusións concretas na saúde e o benestar das persoas”, á vez que pon en valor o papel de quenes viven no rural e dedican o seu “esforzo diario á produción de alimentos sans e saudables”, así como de quenes demandan produtos de proximidade, polos impactos positivos que esta tendencia de consumo ten nos territorios.

“A igualdade é o único camiño posible para lograr un medio rural habitable, habitado e sostible”, afirman na súa declaración, concluíndo que “cada paso que damos por esta senda achéganos ao futuro máis san, máis limpo e resiliente que todas as persoas necesitamos”, conclúen dende Clun.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información