Aberto o prazo de presentación de candidaturas ao Premio Aresa de desenvolvemento rural

A iniciativa gañadora recibirá 10.000 euros e poderán presentarse proxectos até o vindeiro 12 de xaneiro

O reitor da USC, Antonio López, e a vicepresidenta do grupo Aresa, Carlota López Pardo, trala sinatura do convenio para a edición 2023 dun galardón que incentiva a transferencia de innovación e coñecemento cara ao medio rural

O reitor da USC, Antonio López, e a vicepresidenta do grupo Aresa, Carlota López Pardo, trala sinatura do convenio para a edición 2023 dun galardón que incentiva a transferencia de innovación e coñecemento cara ao medio rural

O reitor da USC, Antonio López Díaz, e a vicepresidenta do grupo Aresa, Carlota López Pardo, asinaron este martes o convenio para a convocatoria do XXIV Premio Aresa, un galardón creado co obxectivo de axudar ao desenvolvemento do medio rural e que incentiva a transferencia de coñecemento e de innovación desde a institución académica cara aos axentes produtivos do sector primario, segundo subliñou o reitor Antonio López nunha sesión na que reiterou o seu agradecemento ao grupo empresarial Aresa por unha iniciativa que xa está a piques de celebrar as súas vodas de prata.

A sinatura deste acordo bota a andar a edición deste ano dun galardón co que ambas institucións premian cada ano diferentes iniciativas e proxectos presentados por empresas, grupos de investigación, asociacións ou calquera outro tipo de entidade que contribúa á mellora do benestar das persoas que viven e traballan no medio rural.

O premio está dirixido a iniciativas que contribúan á mellora do benestar das persoas que viven e traballan no medio rural

As bases da nova convocatoria, que contempla unha dotación económica de 10.000 euros e placa conmemorativa para a candidatura gañadora, xa están accesibles en liña na web www.premioaresa.com e o prazo de presentación de propostas permanece aberto ata o 12 de xaneiro de 2024 nos rexistros da USC, adiantou López Pardo.

Pola súa parte, o reitor, Antonio López, amosou de parte da Universidade a satisfacción de ter confiado dende o principio nunha iniciativa como o Premio Aresa, que calificou como “un exemplo de conexión entre a Universidade e a empresa privada, relación cada vez máis demandada por toda a sociedade”.

Xerar valor engadido e emprego no rural

Tras a sinatura protocolaria deste convenio, explicaron que na avaliación das candidaturas o xurado prestará especial atención aos proxectos que xeren valor engadido e emprego no rural galego, á súa viabilidade económica, á creación de postos de traballo, á posta en valor dos produtos da terra de tradición galega, á recuperación de subsectores agrícolas e gandeiros tradicionais e á innovación en produtos que teñan potencial de desenvolvemento.

Do mesmo xeito que en edicións anteriores, o Premio Aresa antóllase como unha convocatoria aberta á presentación dun amplo abano de propostas. Logo de 23 edicións, o Premio Aresa logrou xa un dos seus obxectivos, o de que “se fale do campo”, dixo López Pardo, quen tamén manifestou o seu agradecemento polo apoio recibido da USC, “un socio indispensable que achega valor e prestixio ao premio”, dixo.

O xurado responsable da concesión deste galardón terá en conta no proceso de avaliación de candidaturas aspectos ligados co seu carácter innovador

A vicepresidenta de Aresa aproveitou o acto de sinatura do convenio para a convocatoria do XXIV Premio Aresa para avanzar a composición de xurado que procederá a avaliar as candidaturas que concorran a esta nova edición. O reitor da USC, Antonio López; o presidente de Aresa, Álvaro Rodríguez Eiras, e o vicerreitor de Organización Académica do Campus de Lugo, Francisco Fraga López, formarán, do mesmo xeito que en anos anteriores, parte dun tribunal que nesta edición contará tamén como integrantes coa catedrática da Área de Tecnoloxía de Alimentos da USC no Campus Terra, Ángeles Romero, así como coa conselleira delegada e directora de márketing de Aceites Abril, Elena Pérez Canal.

Importante palmarés de premiados

Na traxectoria deste galardón, que xa acadou un recoñecido prestixio no sector, figuran Novafrigsa (2000), o catedrático da USC Javier Guitián Rivera (2001), a Aula de Produtos Lácteos (2002), o exdirector xeral de Agricultura da Comisión Europea, José Manuel Silva (2003), a IXP Ternera Gallega (2004), o programa da Televisión de Galicia O Agro-Labranza (2005), a DO Ribeira Sacra (2006), os impulsores da queixería Casa Macán (2007), a Facultade de Veterinaria de Lugo (2008), Ingapan (2009), Acruga (2010), a SAT Monte de Trabada (2011), Champivil (2012), Alibós Galicia (2013), a DOP Queixo San Simón da Costa (2014), Agroamb (2015), a Asociación de Criadores de Ovino e Caprino de Galica, Ovica (2016), a Escola Politécnica Superior de Enxeñería de Lugo, EPS (2017), o Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia, Craega (2018), a Asociación de Criadores da Raza Porcina Celta, Asoporcel, (2019), Cooperativa A Carqueixa (2020), EFA Fonteboa (2021) e Casa Grande de Xanceda (2022).

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información