O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a orde que establecen os modelos de estatutos para agrupacións forestais de xestión conxunta e modelos tipo para constituír dereitos de usos e aproveitamento. Son modelos orientativos e voluntarios, que a Xunta facilita conforme ao establecido na normativa vixente, máis concretamente nas leis de montes de Galicia e de recuperación da terra agraria.
A primeira revisión do Plan Forestal de Galicia 2021-2040, “Cara á neutralidade carbónica”, establece nun dos seus eixos o programa de fomento de agrupacións forestais de xestión conxunta facilitando a constitución e a xestión eficiente das agrupacións forestais de xestión conxunta en Galicia. Estas agrupacións teñen diversos obxectivos, entre os que se inclúen a protección do medio ambiente, a prevención de incendios forestais e o fomento do desenvolvemento rural. As que decidan sumarse a estes modelos, incorporaranse a un rexistro específico e terán preferencia na concesión de axudas públicas do sector foresta, sinalan desde a Xunta de Galicia.
Deste xeito, publícanse os seguintes modelos de estatutos para as diferentes agrupacións forestais de xestión conxunta: para entidades sen ánimo de lucro de xestión forestal conxunta; para entidades sen ánimo de lucro de representación para a planificación ou comercialización conxunta; de comunidade de bens e de sociedade civil.
Modelos tipo
Con respecto aos modelos tipo para a constitución de dereitos de uso e aproveitamento a favor de terceiras persoas en Galicia, publicaranse os seguintes: contratos tipo para a constitución de dereitos de uso e aproveitamento a favor de agrupacións forestais de xestión conxunta; contratos tipo de cesión ou delegación da planificación da xestión forestal ou da representación para a xestión e comercialización conxunta a favor de agrupacións forestais de xestión conxunta.
Os modelos de estatutos e modelos tipo fornécense como guía e referencia para as partes interesadas. O seu uso é opcional, e as partes poden adaptalos segundo as súas necesidades específicas, en cumprimento das disposicións vixentes.