Mesía Unida pon en dúbida o compromiso de Erimsa de non realizar expropiacións aos gandeiros

Mesía Unida pon en dúbida o compromiso de Erimsa de non realizar expropiacións aos gandeiros

Reunión de Erimsa coa veciñanza o pasado xoves en Xanceda

A multinacional mineira Erimsa manifestou o seu compromiso ante unhas 100 persoas reunidas o pasado xoves na Casa de Cultura de Xanceda a renunciar expresamente ao dereito de expropiación que a actual Lei 22/1973 de Minas lle outorga no seu proxecto de extracción de seixo na comarca de Ordes.

Un compromiso cuxa validez é posta en dúbida tanto pola asociación Mesía Unida como por parte do Sindicato Labrego Galego, que se opoñen a un proxecto mineiro de extracción de seixo que pode afectar a máis de 6.000 hectáreas, principalmente de solos de concentración parcelaria en solo agrario de especial protección, nos concellos coruñeses de Mesía e Frades, e en menor medida nos de Oroso e Ordes.

Florencio Quirós, director do proxecto de Erimsa, lanzou a proposta durante a súa intervención o pasado xoves no acto informativo de que “debido á preocupación xerada polo noso traballo, ás características da zona afectada, onde a principal actividade económica é a gandería, desde Erimsa queremos emprazar a todos os organismos e entidades implicadas: mancomunidades, concellos, sindicatos e asociacións a subscribir un documento onde reflectiremos os nosos compromisos; sendo o principal e primeiro punto dese documento a renuncia expresa ao dereito de expropiación”.

“De todos os xeitos -engadiu- Erimsa subscribirá este escrito ante notario e farémolo público nos medios de comunicación”.

Para despexar o temor e as reticencias dos propietarios dos terreos ao seu proxecto mineiro, Erimsa mostrou catro exemplos do seu traballo realizado nas parroquias de Marzoa, Frades, Galegos e Barbeiros, un deles en terreos da SAT Regueiro Branco, unha das principais granxas de Frades, á que a compañía arrendou terreos durante o últimos tres anos e xa alcanzou un acordo para o actual exercicio.

Ademais, desde a multinacional mineira, de capital noruegués e chinés, destacan que desde que o ano 1991 levan traballando na comarca no cribado de leiras para extraer seixo, “con máis de 600 documentos de devolución de fincas en terreos de Frades, Mesía, Ordes e Oroso, onde os propietarios ratifican que llas devolveron en perfecto estado para continuar coa súa actividade anterior”.

Por último, Erimsa reiterou que “respectará as explotacións agrícolas e gandeiras e traballará exclusivamente en réxime de aluguer mediante acordos voluntarios cos propietarios permitindo aos titulares dos terreos facer pleno uso deles ata o momento no que se inicie o cribado”.

Mesía Unida acusa o alcalde de estar ao servizo de Erimsa

Pola súa banda, a asociación Mesía Unida desconfía da legalidade do compromiso da compañía mineira e acusan o alcalde da localidade de estar ao servizo de Erimsa co obxectivo de que os propietarios dos terreos non presenten alegacións ao proxecto mineiro.

“A maioría dos gandeiros e afectados polo proxecto de Erimsa na zona de Mesía e Frades, pensan que lles están tendendo unha trampa coa axuda e beneplácito do alcalde de Mesía, que oculta información aos afectados e ata o momento non presentou ningunha alegación ao proxecto mineiro”, advirten desde a asociación.

En canto ao compromiso de Erimsa de renunciar á expropiación dos terreo, desde Mesía Unida aseguran que “é unha trampa porque calquera acordo contrario a lei -neste caso a Lei de Minas- é nulo de pleno dereito e ademais fíxose a través dun representante da empresa -Florencio Quirós, director do proxecto- sen poder de firma, e que posiblemente non estará cando comecen as escavacións, e a multinacional nin coñece nin vai coñecer a ningún veciño ao ter ese dereito no seu proxecto”.

Ademais, desde Mesía Unida denuncian que “o alcalde ao estar ao servizo desta xente -en referencia á compañía mineira- está a traizoar aos veciños e gandeiros, e colaborando nun enfrontamento veciñal cos traballadores de Erimsa, que usan como escudos”.

Por todo iso, desde a asociación solicitan que “Erimsa retire o proxecto en menos de 48 horas, para poder chegar a acordos cos afectados, xa que baixo a ameaza dun proxecto de expropiación de minas, que foi tramitado con ocultación de información e co consentimento dun alcalde que traizoou aos propietarios, non se pode chegar a ningún acordo trampa”.

Reunión informativa do Sindicato Labrego este martes en Xanceda

Por último, para este próximo martes, ás 22:30 horas, tamén na Casa da Cultura de Xanceda, o Sindicato Labrego Galego, unha das organizacións que está a liderar a oposición ao proxecto mineiro de Erimsa, convoca tamén unha reunión informativa para dar conta das datas e lugares nos que se van a facilitar aos veciños e veciñas a presentación de alegacións ao proxecto mineiro.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información