A Mesa de Prezos de Ternera Gallega renóvase na procura de maior obxectividade e melloras no seu funcionamento

O sistema dixitalízase para favorecer a axilidade e o acceso á información á hora de establecer os prezos de referencia da Indicación Xeográfica Protexida. Actualízase ademais a táboa dos prezos, incluíndo novas tipificacións, para adecuarse aos pesos que acadan as canais dos animais inscritos

rebaño_ternera_gallegaA Mesa de Prezos de Ternera Gallega renova e mellora o sistema que indica os prezos de referencia dos animais inscritos na IXP, co propósito de aportar maior obxectividade e transparencia. A Indicación Xeográfica Protexida pon en marcha unha nova aplicación online, á disposición dos membros da Mesa, que favorece tanto a axilidade como a operatividade e a fluidez das comunicacións deste órgano, que semanalmente se reúne no Mercado de Amio.

A través da nova aplicación, os membros da Mesa poden enviar a súa proposta de prezos para cada semana, segundo as bases de cotización, o peso, o sexo e a idade media dos animais sacrificados na anterior. Facilítase así o acceso a esta información antes de realizar o debate que se celebra os mércores en Amio, onde se calculará a media de todas as propostas presentadas. Sobre esta media, os membros da Mesa establecerán o debate do que sairán as cotizacións semanais, que publican oficialmente tanto o Mercado de Amio como o Consello Regulador a través da súa páxina web.

Os novos baremos de pesos están motivados pola ampliación dos 9 aos 11 meses da idade máxima de sacrificio dos animais certificados da categoría comercial Ternera Gallega 

Ademais deste avance no funcionamento do sistema, tamén se renovou a Táboa de Prezos para incluír novos baremos, que se axeitan mellor aos pesos que acadan actualmente as canais certificadas pola IXP, despois de que se ampliase de 9 a 11 meses a idade máxima dos animais da categoría comercial Ternera Gallega.

A conformación da Mesa de Prezos

Actualmente, a Mesa de Prezos confórmase no sector produtor por representantes da produción de Ternera Gallega Suprema e de Ternera Gallega ademais de contar tamén con representantes do sector industrial. Esta composición igualitaria ten como obxectivo acadar un equilibrio e representatividade que a faga operativa, obxectiva, recoñecida e respectada por todos os operadores do sector, tanto produtores como industrias e mesmo sexa tida en conta pola distribución.

A Mesa de Prezos é unha ferramenta que serve de referencia para as cotizacións que se observan no mercado cada semana. Ternera Gallega non ten competencias nin poder de intervención sobre os prezos en ningunha das fases da cadea, posto que o labor do seu Consello Regulador cínguese ao control da orixe e da calidade da carne para a súa certificación, así como á súa promoción para incentivar o consumo e mellorar a comercialización, dando a coñecer o produto amparado.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información