Melloras nos seguros para gando vacún neste 2024

Melloras nos seguros para gando vacún neste 2024

O próximo 1 de xuño entra en vigor o Plan 2024 de seguros pecuarios, que inclúe 12 liñas gandeiras e 3 acuícolas. Por iso, Agroseguro presentou hoxe as novidades máis relevantes das liñas de seguros gandeiros nun encontro telemático que contou coa presenza de máis de 300 representantes das entidades coaseguradoras e as súas redes comerciais, e que supón a primeira das xornadas de divulgación que Agroseguro desenvolverá nos próximos días en diferentes zonas de España.

Sílvia Marques, directora de Produción e Comunicación de Agroseguro, destacou ao comezo da xornada que, tras pechar 2023 con récord de subscrición de pólizas, o primeiro cuadrimestre de 2024 mantén o ronsel de crecemento. En concreto, o recibo da prima do conxunto do seguro agrario medra un 5% entre xaneiro e abril, impulsado polo aseguramento das producións froiteiras, hortícolas, de caqui e tamén de gando bovino. No caso concreto dos gandeiros, recentemente obtívose unha moi positiva valoración sobre o seguro durante o Plan 2023, cunha nota media de 7,57 sobre 10.

Entre as principais novidades que presenta o Plan 2024 de seguros pecuarios, destaca a mellora das garantías e indemnizacións na cobertura de calidade do leite da liña de vacún de reprodución e produción, un dos principais sectores gandeiros en España.

Ademais, actualizáronse á alza os gastos veterinarios cubertos en caso de prolapsos de matriz, cesárea, desprazamento do abomaso, por ataque de animais ou polos danos de sementais en centros de reprodución. Así mesmo, ampliouse a cobertura de mamite para exemplares de vacún de carne de até 9 anos, e mellorouse o método de cálculo da prolificidade ao ampliar a media de cálculo de nacementos até o tres últimos exercicios, evitando prexuízos a aquelas explotacións que sofren unha diminución nun ano concreto.

Ademais, no Plan 2024 actualízase un 20% o valor de diferentes razas de vacún de cebo e do ovino e caprino de cebo, incrementándose un 40% no caso de ovellas e cabras de leite.

Medra o aseguramento de liñas pecuarias

O Plan 2023, cuxo período de contratación finaliza o 31 de maio, xa supera os 422 millóns de animais asegurados. O capital asegurado supera os 4.266 millóns de euros e convértese na maior cifra dos últimos 5 anos.

Entre as principais liñas, a contratación do seguro de vacún de reprodución e produción no Plan 2023 pecharase con máis de 1,5 millóns de vacas aseguradas (cifra moi similar ao plan anterior), e un capital asegurado de 1.970 millóns de euros.

Ademais, o seguro de vacún de cebo, tras as importantes mellores introducidas nos últimos anos, crece até os 141.000 animais asegurados -un 33% máis que no plan anterior- e 125 millóns de euros de capital asegurado. Respecto ao sector ovino e caprino, o número de animais asegurados roza os 1,5 millóns -un 7% máis- con 139 millóns de euros de capital asegurado.

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información