Martín Códax desembarca no Ribeiro entrando no accionariado da Cooperativa Vitivinicola San Roque

Publicidade
Martín Códax desembarca no Ribeiro entrando no accionariado da Cooperativa Vitivinicola San Roque

O conselleiro do Medio Rural, José González, participou esta mañá na asemblea da Cooperativa San Roque de Beade, adscrita ao Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeiro. Nesta reunión, os socios aprobaron por unanimidade a incorporación como inversor de Bodegas Martín Códax, cunha aportación de 450.000 euros que reforzará o capital social da sociedade que comercializará os viños desta cooperativa.

Con esta operación financeira, a cooperativa contará cun socio comercial solvente para avanzar. Ademais, José González resaltou que esta inxección económica permitirá a compra da uva de todos os cooperativistas cun prezo axeitado ás condicións de mercado, que “é o máis satisfactorio”, engadiu.

A Xunta apoiou a esta cooperativa o ano pasado, a través da sociedade mercantil pública Xesgalicia, dependente da Consellería de Economía, Industria e Innovación, cun préstamo participativo de 150.000 euros para pagar as uvas aportadas polos cooperativistas nas dúas últimas colleitas. Ademais, o conselleiro do Medio Rural recordou a necesidade que tiña a Cooperativa San Roque de contar cun socio solvente e forte, polo que se iniciaron conversas con Martín Códax para chegar ao acordo que hoxe se materializou.

O conselleiro puxo en valor esta colaboración público-privada e agradeceu especialmente aos cooperativistas o seu compromiso e o seu apoio a unha operación que vai garantir o futuro da súa actividade. Neste mesmo ano, a colleita de 2022 xa foi elaborada cunha nova imaxe deseñada por Martín Códax.

A sociedade San Roque de Beade agrupa actualmente máis de 50 cooperativistas, aos que o titular de Medio Rural recoñeceu o seu esforzo a prol da mellora da competitividade dun proxecto que, a través do aprobado hoxe, afrontará o seu futuro coma unha iniciativa sólida.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información