A partir de mañá, día 15 de decembro, toda Galicia será considerada zona estacionalmente libre do insecto vector transmisor da lingua azul no gando. Así o comunicou a Consellería do Medio Rural, ao incluírse nesta área as provincias da Coruña e Pontevedra, así como as comarcas veterinarias da Mariña Occidental, A Mariña Central e A Mariña Oriental, as tres localizadas na provincia de Lugo.
A consecuencia principal desta medida é que non se aplican estacionalmente as limitacións ao movemento das especies sensibles que se manteñen o resto do ano. Así, permítese o movemento de bovinos e ovinos sen vacinar e sen ter como orixe unha explotación vacinada, sendo o único requisito para o movemento de animais de especies sensibles que non presenten signos da enfermidade.
Neste sentido, cómpre sinalar que dende o 1 de decembro xa tiñan esta consideración de zona libre do vector a provincia de Ourense e as comarcas veterinarias de Terra Chá-Vilalba, Terra Cha-Guitiriz, Terra Cha-Castro, Meira, A Fonsagrada, Lugo, A Ulloa, Sarria, os Ancares, Chantada e Terra de Lemos-Quiroga, todas elas na provincia de Lugo.
Continuará a campaña de vacinación
A lingua azul é unha enfermidade vírica de carácter infeccioso non contaxioso (non se transmite por contacto directo duns animais a outros), transmitida por diferentes especies de mosquitos do xénero Culicoides (axentes biolóxicos) que transmiten a enfermidade pola picadura a animais infectados e posterior picadura a animais sans.
A campaña de vacinación continuará en 2024 para todo o territorio de Galicia, trala inclusión o 13 de novembro de toda a comunidade como zona restrinxida do serotipo 4 da lingua azul, e polo tanto de vacinación obrigatoria. O desenvolvemento desta campaña é fundamental, para ter protexidos os animais no momento en que finalice o período libre de vector, previsiblemente a finais de abril, e porque a partir dese momento volverán existir restricións ao movemento dos animais sen vacinar.
Ao respecto, no ámbito nacional execútase un programa de vixilancia da enfermidade, fundamentado na vixilancia entomolóxica mediante trampeo continuado das especies de mosquitos transmisores, en controis serolóxicos e virolóxicos en explotacións sentinelas distribuídas xeograficamente polo territorio, e na investigación oficial en caso de comunicación de sospeita da enfermidade.
O trampeo durante todo o ano, aporta información tanto da presenza como da cantidade e distribución do insecto vector no territorio nacional. Con esta información o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación (MAPA) declara como zonas estacionalmente libres do vector aqueles territorios nos que se demostra que nunha determinada época do ano non existe a súa presenza.
Segundo a información obtida dos trampeos, o MAPA comunicou recentemente o inicio da zona estacionalmente libre do vector en diferentes zonas de España, entre as que se atopa Galicia. Esta información é trasladada á Comisión Europea.