Detectados novos focos de lingua azul en tres ganderías da provincia da Coruña

Os casos positivos corresponden a 10 reses bovinas localizadas nos concellos de Abegondo, Frades e Santa Comba

Detectados novos focos de lingua azul en tres ganderías da provincia da Coruña

A Consellería do Medio Rural vén de comunicar ao Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación (MAPA), a través da Rede de Alerta Sanitaria Veterinaria, a detección de dez animais positivos á lingua azul, confirmados polo Laboratorio Central de Veterinaria de Algete (Madrid), e pertencentes a tres explotacións centinelas de Abegondo, Frades e Santa Comba, na provincia da Coruña.

A lingua azul é unha enfermidade vírica de carácter infeccioso non contaxioso (non se tramite por contacto directo duns animais a outros), transmitida por diferentes especies de mosquitos do xénero Culicoides (vectores biolóxicos) que transmiten a enfermidade pola picadura a animais infectados e posterior picadura a animais sans. Nese senso, cómpre sinalar que a lingua azul non é unha zoonose, é dicir, non é transmisible ás persoas, nin por contacto directo cos exemplares positivos nin por consumo de produtos cárnicos.

Coa declaración oficial dos novos focos declarados na data de hoxe na provincia da Coruña, todo o territorio de Galicia vai ser incluído como nova zona restrinxida en España fronte o serotipo 4 da lingua azul, e polo tanto coa necesidade de acometer a vacinación dos animais sensibles nestas novas zonas de restrición.

Zona restrinxida

As principais consecuencias da declaración dunha zona restrinxida para o sector gandeiro de bovino e ovino consisten en que durante a época de circulación do vector existen restricións aos movementos dos animais vivos sensibles se non se realizou a vacinación previa, así como da existencia de trabas á exportación a terceiros países de animais e os seus produtos e subprodutos

A distribución desta enfermidade ven determinada pola presenza no ambiente do insecto vector transmisor, en Galicia a especie Culicoides obsoletus, existindo unha estación libre do vector, nos meses fríos do ano, onde non é posible a infección dos animais, e unha estación onde o vector circula no ambiente, e por tanto é posible a infección e a enfermidade nos animais. O programa entomolóxico desenvolto pola Xunta de Galicia permite monitorizar a abundancia e distribución dos vectores competentes no territorio galego e, polo tanto, determinar o inicio dun e outro período en cada ano.

Aínda que os casos declarados actualmente foron detectados a través do programa de vixilancia serolóxica e virólóxica, a Xunta de Galicia recorda a necesidade de comunicar calquera sospeita da enfermidade aos Servizos Veterinarios Oficiais da Consellería do Medio Rural.

Vacinación contra a lingua azul

Dende a Consellería do Medio Rural lembran que iniciaron a campaña de vacinación o pasado 7 de marzo, un proceso no que participou tanto persoal de Tragsatec, como persoal propio da Consellería, ademáis de veterinarios das Asociacións de Defensa Sanitaria Gandeira e veterinarios privados, que recibiron de balde as doses necesarias.

Nesta primeira fase vacináronse máis de 336.000 animais, a maioría de xeito gratuíto por parte da Consellería do Medio Rural, o que supuxo unhas 23.700 visitas a explotacións, xa que a vacina consta de dúas doses separadas 21 días.

De seguido, púxose en marcha a vacinación de continuidade, para aqueles animais que non foran vacinados por ser menores de tres meses na primeira fase, ou que foran incorporados dende a zona libre ás explotacións situadas na zona restrinxida ou que naceran posteriormente. Nesta fase, vacináronse algo máis de 25.000 animais.

Máis información sobre a lingua azul

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información