Lalín sae á rúa para defender ao sector agrogandeiro

Os sindicatos centraron as reivindicacións en catro puntos chave: o veterinario de explotación, a normativa de aplicación de xurros, o caderno dixital e a Lei da Cadea Alimentaria

Lalín sae á rúa para defender ao sector agrogandeiro

Lalín foi un dos puntos da manifestación convocada para a xornada de hoxe en Galicia e a cornixa cantábrica. Un centenar de agricultores e gandeiros da localidade concentráronse para reivindicar melloras no sector e que se axusten as normativas ás condicións de Galicia.

Os representantes de Unións Agrarias, Sindicato Labrego e Asaga lembraron que estas manifestacións son o inicio dunhas mobilizacións que finalizarán cando haxa acordos positivos para o sector. Así mesmo, anunciaron que o 26 haberá unha gran manifestación en Madrid e Bruxelas, coincidindo coa convocatoria do Consello Europeo de Ministros. Os tres representantes coincidiron en que coas protestas buscan respostas por parte das institucións europeas, ademais do Ministerio de Agricultura como principal interlocutor e tamén da Xunta de Galicia, “posto que no noso Estatuto de Autonomía está escrito con claridade que a competencia en materia de agricultura e gandería tena a administración autonómica”.

3tractoradaLalin

A secretaria xeral do Sindicato Labrego, Isabel Vilalba, incidiu en que “temos unhas deficiencias estruturais, baixos prezos e incrementos de custos que están a levar ao peche de numerosas explotacións”. Engadiu que con estes peches non só se perden granxas, senón tamén tecido social e xestión do territorio. Así, dirixiuse aos consumidores lembrándolles que “producimos alimentos de calidade e xestionamos o territorio, a pesar das esixencias e límites ambientais”.

Pola súa banda, Javier Iglesias, de Unións Agrarias, lembrou as catro principais demandas que están encima da mesa:

  • O veterinario de explotación, “ao que lle chamamos comisario da explotación, que o único que fai é papeis que levan outros veterinarios. É un custo a maiores que non trae beneficios”.
  • A normativa de aplicación de xurros. “Os propios estudos do Centro de Investigacións de Mabegondo indican que hai mecanismos para reducir emisións sen eliminar a aplicación en abanico. Son medidas que xa funcionan noutros países e que se poderían valorar para aquí”.
  • O caderno dixital. “Actualmente xa temos moitos papeis que realizar que nos retardan o traballo diario”.
  • A Lei da Cadea Alimentaria. “Está fixado non vender por baixo dos custos de produción, pero seguen faltando mecanismos para controlar que esta norma se cumpra”.

Estes son os eixos fundamentais que trasladan á mesa de negociación. “Ata agora fálase de cuestións doutros territorios, pero non da gandería, que é o sector que maioritariamente representa á cornixa cantábrica”. A protesta finalizou, tras un percorrido polo centro do municipio, coa lectura do manifesto.

5tractoradaLalin

“A Administración ten que favorecer o traballo no agro, non obstaculizalo”

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información