As IXP vitivinícolas de Galicia únense nunha asociación

Publicidade
As IXP vitivinícolas de Galicia únense nunha asociación

Viñas da IXP Ribeiras do Morrazo.

Unha nova asociación formada polas cinco IXP de viño galegas nace dentro do proxecto de cooperación “Desenvolvemento e dinamización das IXP de Viño de Galicia”. Trátase dunha iniciativa impulsada polos Grupos de Desenvolvemento Rural (GDR Pontevedra Morrazo, GDR Montes e Vales Orientais, GDR Comarca de Ourense, GDR Salnés, Ulla, Umia, GDR Deloa e GDR Mariñas Betanzos) e financiada polo FEADER (Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural), no marco do programa LEADER, actuando o GDR Pontevedra Morrazo como grupo Coordinador.

Entre os obxectivos do proxecto contémplase o impulso do asociacionismo e cooperación entre os diferentes operadores das IXP de viños de Galicia para crear estruturas permanentes de colaboración. Como colofón deste proceso, este luns 27, na Sede de Agacal, tivo lugar o acto de constitución da Asociación de IXP de Viños de Galicia, coa sinatura da acta fundacional e a elección da Xunta Directiva e coa participación das 17 adegas pertencentes ás diferentes IXP: IXP Ribeiras do Morrazo, IXP Barbanza Iria, IXP Betanzos, IXP Val do Miño-Ourense, IXP Terras de Navia.

Coa constitución da Asociación mellórase a gobernanza e colaboración entre operadores, reforzando o posicionamento e mellorando a información e promoción das adegas das IXP e dos seus viños. A aposta pola colaboración entre ás adegas das IXP supón, entre outras as seguintes vantaxes:

-Unha solución conxunta e máis rendible para afrontar as problemáticas comúns do sector.

-A promoción conxunta implica unha maior oferta de produto, máis solvente e diversificada, o que optimiza a comercialización. Tamén supón ter maior capacidade para enfrontarse ao mercado e para asistir a feiras ou eventos.

-Increméntanse as posibilidades de acceso ao financiamento público, principalmente no relacionado coa calidade alimentaria.

-Aumentan as posibilidades de compartir servizos comúns de carácter técnico, de asesoramento, esixencias normativas,… pero tamén recursos.

-Cooperar é necesario para facer a xestión e uso compartido da plataforma común de promoción: https://viños.ixp.gal/es, creada a través do proxecto de cooperación. Isto implicará unha maior difusión e comunicación de todas as IXP e de cada unha das adegas.

-Por último, cooperar tamén permitirá a posibilidade de compartir provedores comúns: botellas, cortizas, portaenxertos, fitosanitarios, produtos de limpeza etc.

Esta mañá, ás 11 horas celebrouse na sede de AGACAL (Santiago de Compostela) a constitución da asociación das IXP de viño de Galicia. Á cita acudiron representantes das 17 adegas que forman parte das cinco IXP de Galicia. Tras aprobar os estatutos da asociación, designáronse aos titulares da xunta directiva:

Presidente/a: María Teresa Maestre Manteca
Secretario/a: Luís Sande Lamas
Vicepresidente/a: Manuel Cancio López
Tesoureiro/a: José Manuel Bandín Castiñeiras
Vogal: Enrique Fernández-Perán Martínez Cubells.

Outros resultados do proxecto de cooperación

O proxecto de desenvolvemento e dinamización das IXP de viños de Galicia ten tamén como finalidade impulsar a viticultura nas IXP de Galicia, desenvolvendo a base territorial das explotacións vitícolas, promocionando os seus viños e adegas e desenvolvendo o enoturismo.

Por iso outra das accións realizadas para lograr os obxectivos deste proxecto é a elaboración de estudos preliminares para desenvolver polígonos agroforestais nas IXP de viños de Galicia (mínimo de 10 ha. en cada polígono de cada IXP), que permitan a posible ampliación da superficie cultivada.

Tamén foron creados e deseñados cinco itinerarios enoturísticos. Trátase de cinco itinerarios circulares, un por zona, a partir da identificación de recursos do territorio xeoreferenciados (adegas, espazos ou recursos de interese vitícola ou enolóxico, elementos patrimoniais, etc.) Inclúese tamén un folleto enoturístico por cada IXP

Ademais, durante o mes de outubro celebráronse catro xornadas divulgativas de viños das IXP de Galicia en catro cidades galegas (Lugo, Ourense, Vigo e A Coruña), que reuniron a máis de 700 persoas.

En cada xornada, púidose coñecer unha mostra/exposición de todos os viños que comercializan as IXP de Galicia. Pola mañá, impartiuse unha masterclass de formación e divulgación sobre a viticultura e os viños das IXP de Galicia da man de Alejandro e Luis Paadín, e pola tarde, con Martiño Santos, realizáronse catas comentadas de viño dirixidas a prescritores, canle Horeca e público xeral.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información