(IV) Case un terzo do territorio galego está a mato ou abandonado

En Galicia hai unhas 900.000 hectáreas que non teñen uso agrario nin forestal. As fincas sen cultivar supoñen o 30% da superficie total da comunidade. Unha parte importante desas terras que están hoxe abandonadas terían boas aptitudes para o aproveitamento agrogandeiro

Terra abandonada na zona do Regadío do Val de Lemos, en Monforte

Terra abandonada na zona do regadío do Val de Lemos, en Monforte

Galicia ten máis superficie a mato que adicada á agricultura e á gandeiría. O sector produtor da nosa comunidade emprega unhas 700.000 hectáreas de terreo, o que representa menos dunha cuarta parte da superficie total galega, mentres a superficie a mato é dunhas 900.000 hectáreas, o que equivale a case un terzo do territorio.

Mobilizar esa superficie e poñela a disposición dos produtores que a precisen é o obxectivo principal da nova norma que prepara a Xunta. Pero son varios os factores a ter en conta para entender como se chegou a esta situación e tamén para dilucidar que posibilidades reais de actuación existen en cada zona, en función da calidade das terras que están abandonadas, o de determinará os seus posibles usos, así como da existencia ou non de axentes interesados na súa posta a producir.

grafico situacion superficie rustica en Galicia galegoAsí pois, a primeira cuestión sería establecer canta superficie abandonada hai en Galicia e que aptitude produtiva ten. Eduardo Corbelle, do Laboratorio do Territorio da USC, cuantifica, logo da análise de mapas de usos de solos que cubren a totalidade do territorio, que “a superficie cuberta por mato é de algo menos de 900.000 hectáreas”.

Pero aínda que por simplificar se tenda a considerar todo o mato como superficie abandonada, “a aptitude produtiva é moi diversa”, engade o seu compañeiro Quico Ónega. O profesor Díaz Fierros caracterizou produtivamente os solos de Galicia en catro tipoloxías básicas: cultivos esixentes tipo millo, terras que non sendo boas para millo si o serían para pradeira, solos aptos para produción forestal de madeira de piñeiro e terreos non produtivos desde o punto de vista agrícola ou forestal.

En Galicia hai máis de 150.000 hectáreas de terras que están a mato que serían aptas para cultivo máis ou menos intensivo con boas ou moi boas aptitudes pero non van estar dispoñibles pasado mañá (Edelmiro López)

“É certo que cando menos unha parte das terras que actualmente están ocupadas por formacións de mato poderían ser obxecto de aproveitamento agrícola ou gandeiro algo máis intensivo e pasar, polo tanto, a ser consideradas SAU”, asegura Eduardo Corbelle. En concreto, di, “cando menos unhas 100.000 hectáreas ocupadas por mato terían unha aptitude boa ou moi boa para produción de pastos e desas 100.000, arredor da metade incluso serían boas ou moi boas para a produción de millo”, detalla.

O profesor de Estutura Económica Edelmiro López incrementa esa cifra e considera que “en Galicia hai máis de 150.000 hectáreas de terras que están a mato que serían aptas para cultivo máis ou menos intensivo con boas ou moi boas aptitudes, pero non van estar dispoñibles pasado mañá”, advirte.

Non todas as fincas abandonadas son realmente mobilizables: por un lado ten que ser viable tecnicamente poñelas a producir e por outro ten que haber xente interesada en traballalas, e en moitos lugares faltan xestores para as terras (Quico Ónega)

É algo no que tamén concordan Eduardo e Quico. “A transformación desa superficie en superficie de uso agrícola ou gandeiro (nalgúns casos trataríase dunha recuperación, na medida en que se tratase de superficies que viñan sendo aproveitadas de xeito similar ata hai unhas décadas) tería un custo económico (investimento), e quizais algún custo ambiental que estaría pendente de ser avaliado”, di Eduardo, aínda que aclara que “só unha pequena parte desa superficie (probablemente menos de 5.000 ha) está incluída en Rede Natura 2000”.

grafico superficie forestal arborada e desarborada por provincias

“Tendo en conta a superficie que está hoxe a mato que valería para cultivar e a que podería ser aproveitada como pasto case aumentariamos nun 50% a superficie agraria actual, pero non podemos facer esas contas tan simples. Haberá que ver que esas fincas sexan realmente mobilizables, por un lado porque tecnicamente sexa viable poñelas a producir e por outro lado porque neses lugares haxa xente interesada en traballalas, porque ao mellor nos atopamos con que en moitos sitios faltan xestores para as terras”, argumenta Quico.

Falta de relevo xeracional

En Galicia pecha máis dunha explotación por día e a situación pevese que continúe nesta década a ese ritmo, xa que o 40% das explotacións de leite, por exemplo, (unhas 3.000) teñen como titular a unha persoa física cunha idade superior a 55 anos, polo que no intervalo que vai até dentro de 10 anos poderían pechar sen ter a ninguén que os suceda.

“Se unha parte moi importante das explotacións non ten relevo dentro da propia explotación haberá que buscalo fóra. En Francia, onde o problema é semellante, teñen xa ferramentas e unha visión específica para iso”, conta Quico Ónega.

É necesario mobilizar a oferta, pero tamén hai que contar coa demanda. Se unha parte moi importante das explotacións non ten relevo dentro da propia explotación haberá que buscalo fóra (Quico Ónega)

“Cando falamos de mobilizar terras temos que ter en conta a oferta e a demanda. A realidade hoxe en Galicia é que onde hai demanda de terra existe pouca oferta e onde hai oferta de terras paradas non hai demanda”, argumenta. Por iso, di, “non é só unha cuestión de lexislar para recuperar terras abandonadas, é un verdadeiro reto de enxeñería social, porque se calculamos que a superficie media de explotacións de vacún profesionalizadas en Galicia pode andar nas 40 hectáreas, temos 5.000 persoas nesas zonas onde temos terras baldías dispostas a incorporarse e a comezar desde cero?”, pregúntase.

“Por outro lado é unha grande oportunidade e pode ser un foco de emprego para moita xente”, asegura. “Pero para iso temos que ver como logramos atraer a esas persoas ao rural, procedentes en moitos casos desde ámbitos alleos ao sector. En definitiva, é necesario mobilizar a oferta, pero tamén hai que contar coa demanda”, conclúe.

Propietarios descoñecidos

Quico pon sobre a mesa unha dificultade engadida: “hai que ver primeiro que saibamos onde están realmente esas terras que están abandonadas, a quen pertencen e que legalmente sexan accesibles”, di. O minifundio e a fragmentación da propiedade é un hándicap que arrastra historicamente o sector agrogandeiro galego. O 97% da superficie total de Galicia é solo rústico, pero a nosa comunidade é un puzle de 11 millóns de parcelas catastrais pertencentes a 1,6 millóns de propietarios (un 8% deles descoñecidos para a Administración) e tal escenario enrédase aínda máis pola desactualización dos datos de propiedade. Catastro ten mal identificada a propiedade de arredor dun 30% das terras rústicas de Galicia.

A Consellería do Medio Rural proxecta cambiar o escenario na futura Lei de Recuperación e Posta en Valor de Terra Agraria de Galicia, atribuíndolle á Xunta a propiedade de toda terra que continúe sendo descoñecida tras un proceso de investigación sobre a titularidade da mesma.

Haberá que ver como se concreta legalmente no articulado da norma a intención da Xunta de atribuirse a titularidade das terras de propiedade descoñecida

Pero haberá que ver como se concreta legalmente no articulado da norma esta intención da Xunta de atribuirse ao seu favor a titularidade das terras de propiedade descoñecida para que despois esas fincas poidan ser incorporadas a posibles figuras de xestión conxunta da terra, coma polígonos agroforestais ou Sociedades de Fomento Forestal (Sofor).

Minifundio crónico e desconexión co medio rural

Os usos tradicionais e os costumes históricos do medio rural galego, por exemplo no reparto de herdanzas, propiciaron o minifundio dos terreos rústicos galegos e unha atomización da propiedade que chega aos nosos días. Galicia ocupa tan só o 6% do territorio español, pero ten o 16,5% da superficie rústica española e o maior número de parcelas catastrais de España, pois alberga a quinta parte dos titulares catastrais de rústica censados a nivel nacional, e o 28,3% de todas as parcelas rústicas que hai en España.

Galicia lidera ademais ás comunidades autónomas españolas con maior número de parcelas catastrais por titular, tendo incluso a superficie media máis pequena por parcela catastral, proclamándose así a comunidade autónoma co maior grao de parcelamento rústico de toda España, ademais con gran diferenza sobre todas as demais. A superficie media de parcela por titular en Galicia (1,70 ha.) é tres veces menos que a media española (5,74 ha.) e mentres en Galicia cada titular ten unha media de case 7 parcelas, no conxunto España non chega a 5 parcelas por titular.

Na nosa comunidade hai 11 millóns de parcelas rústicas pertencentes a 1,6 millóns de propietarios, é dicir, dous de cada tres galegos posúe cando menos unha finca rústica

A parcela catastral de rústica en Galicia ten unha superficie media de apenas 0,26 hectáreas, é dicir que unha parcela de rústica en Galicia ten un tamaño medio de pouco máis de 2.500 m2. Ourense concentra case a terceira parte de parcelas catastrais de rústica de Galicia e o maior número de titulares están na Coruña e Pontevedra, ao redor de medio millón censados en cada unha. Lugo é a provincia galega con maior superficie media por parcela catastral rústica e Pontevedra ten as parcelas máis pequenas de Galicia.

grafico superficie catastral rustica por provincias en Galicia copia

Edelmiro López aporta un dato en relación á desconexión progresiva da poboación co medio rural e o uso da terra. “Nos anos 60 tiñamos 830.000 persoas adicadas á agricultura en Galicia, segundo o censo agrario daquela época, e había unha identificación clara entre habitante do rural, propietario de terras e traballador do sector agrario. Hoxe, segundo a Enquisa de poboación activa, só 50.000 persoas se adican á agricultura en Galicia, polo tanto, desplomouse o número de persoas que traballan na agricultura mentres o número de propietarios non diminuiu, senón que mesmo seguiu aumentando. Esa desconexión é unha das orixes do problema e a ecuación a resolver é como consegues que as terras deses centos de miles de propietarios que non as traballan se poñen a disposición de quen si ten interese en facelo”, argumenta.

Segundo a metodoloxía DGURBA empregada pola Comisión Europea, un total de 263 concellos (o 84% dos municipios galegos) recibirían a definición de rurais pola súa baixa densidade de poboación. Neles viviría o 37% da poboación galega actual pero con niveis de avellentamento moi elevados. Ese avellentamento da poboación trasládase tamén á propiedade da terra. Seis de cada dez donos de terras agrarias en Galicia  teñen máis de 55 años, mentras que os agricultores e gandeiros menores de 35 anos representan só o 2% do total.

Radiografía da situación da superficie agraria en Galicia:

(I) Onde foron parar máis de 150.000 hectáreas de terras produtivas en Galicia nas últimas décadas?

(II) A polarización no uso da terra: intensificación nunhas zonas e abandono noutras

(III) A presión do eucalipto sobre a superficie agrícola: 240.000 hectáreas plantadas desde a entrada na UE

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información