Hai pouca investigación sobre as dinámicas de uso do solo en Galicia e menos aínda que chegen até o día de hoxe”, asegura Quico Ónega, profesor do Máster Universitario en Xestión Sustentable da Terra e do Territorio da USC e membro do Laboratorio do Territorio (Laborate). Pero con independencia dos datos cuantitativos, unha realidade semella clara: xunto ao descenso da superficie agraria, o monte foi perdendo nas últimas décadas o seu uso como aproveitamento agrogandeiro e centrouse na produción forestal de madeira.
Ese feito ten incidencia tamén sobre o cálculo da superficie agraria útil. “Teriamos que analizar a consideración do mato, que hoxe por simplificar consideramos superficie abandonada pero noutro tempo non era así. No 1987 comparado con hoxe pastoreábase máis monte, e ese mato era SAU, hoxe pastorease menos, pero habería que ver que vexetación hai nese mato e que uso se fai dela”, exemplifica Quico.
Desde comezos da década dos 60 até os anos 80 fóronse deixando de aproveitar polo gando unhas 820.000 hectáreas de monte
O profesor Francisco Sineiro puña datos no ano 2006 a esa superficie agroforestal que se foi deixando de pacer e que pouco a pouco ou ben foi quedando en situación de abandono ou foi colonizada polas plantacións de piñeiros e eucaliptos ou invadida pola aparición espontánea desas e outras especies. “Desde comezos de 1960 até 1980 fóronse deixando de aproveitar polo gando unhas 820.000 hectáreas de monte”, calculaba Sineiro.
Decisións administrativas en favor do monte e en detrimento da superficie agraria
As plantacións forestais de piñeiros e eucaliptos foron gañando inicialmente terreo no franquismo a medida que o gando ía deixando de aproveitar o monte e posteriormente, a partir da entrada na UE, coa acelerada desaparición de explotacións, que as fixo prescindir das súas terras
Segundo datos do avance do cuarto Inventario Forestal Nacional, no ano 2011 había en Galicia 2.030.681 hectáreas de monte, das que 1.424.094 estarían arboradas (eucaliptos, frondosas, piñeiros, bosques de ribeira, etc). Se atendemos aos datos dos Inventarios Forestais anteriores, a superficie arborada teríase duplicado en Galicia desde o 1950 ao 1975 como consecuencia das campañas de reforestación do franquismo en montes tanto privados como abertais e comunais.
A escaseza de cota láctea establecida para Galicia en 1986 e a concesión de axudas para a forestación de terras agrarias a partir de 1992 tiveron consecuencias no proceso de perda de superficie agraria en Galicia
Foi quizais a primeira gran transformación da paisaxe galega como consecuencia do cambio de uso do solo. Pero as decisións gubernativas en favor do monte tiveron en máis ocasións claras repercusións sobre o descenso da superficie agrícola.
A entrada do Estado español na Comunidade Económica Europea no ano 1986, o establecemento das cuotas lácteas que limitaron o crecemento e desenvolvemento do sector leiteiro galego ou a primeira gran reforma da Política Agraria Común a partir do ano 1992 e a concesión de axudas á forestación de terras agrarias derivadas do Regulamento europeo 2080/1992 tiveron tamén consecuencias no proceso de perda de superficie agraria en Galicia.
150.000 hectáreas plantadas en solos agrícolas nos últimos 30 anos
Desde o final do franquismo, o incremento de 294.733 hectáreas de monte arborado experimentado no últimos 40 anos –os datos referidos a Galicia do primeiro Inventario Forestal Nacional (1.129.361 hectáreas) foron tomados no ano 1973 e os máis recentes, pertencentes ao cuarto Inventario Forestal Nacinal (1.424.094 hectáreas), son do 2010– non se tería producido todo a costa de plantar monte raso, como até entón, senón que unha parte dese incremento (unhas 150.000 hectáreas) serían consecuencia da forestación de terras con outros usos anteriores, maioritariamente agrícolas, mesmo con concesión de axudas públicas para estas plantacións nos anos 90.
Da forestación realizada mediante plantacións, cando menos unha parte ten a súa orixe no réxime de axudas derivado do Regulamento 2080/92 CE, activo durante o período 1994-2001. Ana Isabel García Arias e Mar Pérez Fra estimaron no ano 2001 o efecto deste programa, a partir dos datos do Ministerio de Agricultura, en 46.157 ha forestadas entre os anos 1994 e 1998.
“Probablemente a importancia do programa foi maior na medida en que serviu como exemplo a seguir por moitos propietarios privados que decidiron realizar plantacións pola súa conta, o que suporía que a superficie forestada sen axudas ocupou superficie agrícola en moita maior proporción que a que recibiu subvencións”, afirma Eduardo Corbelle, do Laboratorio do Territorio. Polo tanto, engade, “a ocupación de terras agrícolas de boa calidade por plantacións forestais, e en xeral a competencia entre o uso agrícola ou gandeiro e o de produción de madeira, non semella ter sido unha consecuencia directa das políticas públicas de fomento da forestación, senón máis ben da iniciativa privada nun contexto de escasa regulación dos cambios de uso”.
As axudas á forestación de terras outorgadas de 1994 a 2001 serían as responsables directas da plantación e desaparición de 50.000 hectáreas de superficie agraria
Desde 1986, ano de entrada do Estado español na CEE, a superficie gañada polas repoboacións forestais sería mesmo maior a 378.718 hectáreas, mentres nese mesmo periodo se terían perdido en Galicia perto de 200.000 hectáreas de uso agrícola.
Máis de tres cuartas partes do incremento da superficie forestal arbolada en Galicia nas últimas tres décadas produciuse nas provincias de Lugo e de Ourense, onde a superficie plantada aumentou un 40 e un 30 por cento respectivamente entre o primeiro e o terceiro Inventario Forestal.
Os eucaliptais foron sen dúbida os protagonistas deste cambio de uso na terra e no monte producidos en Galicia desde o último cuarto do século XX, multiplicándose por 6 a superficie destinada a esta especie na nosa comunidade, pasando das 27.639 hectáreas do IFN1, ás 46.494 do IFN2, ás 174.211 do IFN3 e ás 248.169 hectáreas do IFN4 (máis 39.814 hectáreas de repoboacións novas). Ademais destas masas monoespecíficas, o eucalipto aparece noutras 124.414 hectáreas mesturado co piñeiro do país (pinus pinaster) e comparte presenza co carballo en máis de 21.517 hectáreas.
O maior avance do eucalipto teríase producido nas provincias da Coruña e Lugo, onde por exemplo se tería multiplicado por 18 a súa presenza, pasando de 4.000 a máis de 73.000 hectáreas na actualidade. Os piñeirais de piñeiros do país alcanzan a súa maior extensión en A Coruña, pero posúen maior representación en Pontevedra. Finalmente, máis de dous terzos dos piñeirais de piñeiro insigne concéntranse en Lugo e algo máis da cuarta parte en A Coruña. O piñeiro insigne (Pinus radiata) ocupa actualmente case 100 mil hectáreas, sendo a especie que máis se expandiu tras os eucaliptos durante o tránsito do pasado ao presente século.
As masas forestais produtivas de eucaliptos e piñeiros ocupan en conxunto 690 mil hectáreas de extensión que representan case a metade do monte arborado galego, preto da terceira parte da superficie forestal de Galicia e case unha cuarta parte do total do territorio galego. Na actualidade, as plantacións de eucaliptos son xa as masas forestais arboradas máis abundantes en Galicia, constituíndose nos principais protagonistas da paisaxe forestal galega, ocupan unha extensión próxima a 300 mil hectáreas que representa máis do 20% do monte arborado galego, case 15% da superficie forestal total e o 10% do territorio galego.
A superficie arbolada galega de masas produtivas representa respecto ao total do Estado só o 3,9%. Sen embargo a produción anual da nosa comunidade equivale a máis do 50% da madeira cortada en España
Os piñeirais de piñeiro do país (Pinus pinaster), que foron os máis estendidos ata finais do século XX, son agora a segunda formación arborada máis abundante de Galicia, representando máis do 15% do monte arborado galego. Estes piñeiros galegos, que gañaron terreo moi rápido desde a segunda metade do século XX, fórono perdendo durante o último cuarto do século XX, para acabar cedendo ao eucalipto o seu protagonismo na paisaxe forestal galega do século XXI, segundo acreditan os datos rexistrados no IFN4.
A porcentaxe de superficie forestal que ten Galicia respecto ao seu territorio (69%) é a mesma que teñen Finlandia e Suecia. O monte arbolado ocupa o 70% da superficie forestal galega, o que representa que case a metade do territorio galego está plantado. O monte desarbolado ocupa á súa vez unha quinta parte do territorio total da comunidade e representa case unha terceira parte da superficie forestal de Galicia. “Grande parte do monte desarbolado galego son montes veciñais en man común e preto da metade do monte desarbolado de Galicia atópase na provincia de Ourense”, afirma a Consellaría do Medio Rural no documento elaborado no 2015 para a revisión do Plan Forestal de Galicia.
A Administración endureceu os cambios de uso pero segue sen haber control efectivo e actuacións de oficio
A normativa é hoxe moito máis estrita á hora de permitir os cambios de uso do solo rústico, aínda que en moitos casos eses impedimentos para converter terras agrarias en forestais só quedan no papel. A falta de vixiancia de oficio e de control de cumprimento da norma por parte da Administración levaron ao seu incumprimento sistemático até o de agora, mesmo con plantacións de terras que entraran en concentracións parcelarias.
A Lei do Solo de Galicia (Lei 2/2016) establece dentro do solo rústico distintas categorías de protección, entre as que se atopan a agraria e a forestal. Dacordo coa norma, no solo rústico de especial protección agropecuaria (as fincas de concentracións parcelarias terían todas esta consideración) está absolutamente prohibida a plantación de especies forestais como piñeiros ou eucaliptos. Só se poderían plantar especies destinadas á produción de froito (castiñeiros, nogueiras) e no caso doutras frondosas (carballos, bidueiros) só se autorizaría despois de que a finca pase dous anos no Banco de Terras sen que nese prazo ninguén solicitase o seu arrendamento.
No solo rústico de especial protección agropecuaria está absolutamente prohibida a plantación de piñeiros e eucaliptos e para transformar chan forestal a agrario é preciso un informe de impacto ambiental
En canto aos solos de especial protección forestal, segundo a Lei de Montes de Galicia (Lei 7/2012) poderían reconvertirse a uso agrario previa comunicación a Medio Rural e informe de impacto ambiental da Consellería de Medio Ambiente superficies de até 15 hectáreas que estean a mato ou de menos de 5 no caso de estaren plantadas con piñeiros, eucaliptos ou frondosas de menos de 10 anos.
Os Concellos teñen responsabilidade tamén no establecemento, vixiancia e mantemento dos solos agrarios. Son as entidades locais as que, a través do Plan Xeral de Ordenación Municipal ou do Plan Básico Municipal (no caso de concellos de menos de 5.000 habitantes), delimitan o solo rústico, aínda que a clasificación como agrario ou forestal depende da Xunta desde o 2016.