A importación de leite baixou á metade os dous últimos anos

O aumento da produción en España tras o fin das cotas determinou unha significativa baixada das compras industriais ó exterior de leite e nata sen concentrar. Pola contra, a compra de queixos aumentou un 12%

A importación de leite baixou á metade os dous últimos anos

Gandeiros galegos fixeron accións de bloqueo ou inspección de cisternas procedentes de Portugal no 2015 e 2016. / Arquivo.

O mercado lácteo español continúa a ser deficitario, produce máis do que consume, pero os aumentos das entregas de leite que se experimentaron nos últimos anos nas granxas, tras o fin das cotas, estanse a notar na balanza comercial. Durante o 2017, España importou a metade de leite sen concentrar que no 2015, 149.000 toneladas polas 312.000 do 2015, con datos xaneiro-novembro. A nota negativa da balanza continúa no mercado de queixos, pois España incrementou un 12% as importacións nos dos últimos anos, chegando ás 265.000 toneladas, polas 236.000 do 2015.

A redución da importación de leite sen concentrar revela menores compras das industrias lácteas ó exterior, se ben desde o sector agárdase a que saia adiante a normativa que obrigará a etiquetar a orixe dos produtos lácteos, de cara a evitar confusións no consumidor e a baixar aínda máis as compras foráneas de leite.

En derivados lácteos, a balanza comercial continúa prácticamente sen cambios nos últimos anos, coa excepción dos queixos, que aumentaron a súa cota un 12% e seguen a dominar as vendas na gran distribución. Manteiga, lactosueros e leites e natas concentrados mantéñense en cifras similares ás de antes do fin das cotas.

Exportacións
As vendas ó exterior das industrias lácteas aumentaron de xeito sensible nos dous últimos anos, se ben principalmente en produtos de baixo valor engadido. En leite e nata sen concentrar pasouse das 185.000 toneladas do 2015 a 256.000, e en produto concentrado de 41.000 hai dous anos a 65.400, sempre con comparatativas do periodo xaneiro-novembro, pois os datos de decembro do pasado ano están aínda sen procesar.

En queixos, as vendas ó exterior aumentaron en 15.000 toneladas, a metade do que medraron as importacións. Exportáronse 90.000 toneladas no 2017 polas 75.000 do 2015.

Galicia
Fronte ó que sucede no resto do Estado, as exportacións galegas baixaron en case tódalas categorías de produto nos dous últimos anos, salvo en queixos, que representan unha parte minoritaria das vendas galegas ó exterior. Durante o último ano, exportáronse 1.500 toneladas polas 980 de hai dous anos.

A parte positiva da balanza comercial galega é a reducción das importacións de leite. No 2017, entraron na comunidade 62.000 toneladas de leite e nata sen concentrar (periodo xaneiro-novembro) polas 158.000 do mesmo periodo do 2015. Tamén baixou a entrada de lactosoros e manteiga, aínda que aumentou lixeiramente a de soro de manteiga e a de leite e nata concentrados.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información