A cadea da madeira conta cunha importante presenza da muller na maioría dos seus segmentos, desde a explotación forestal en monte ata o traballo en aserradoiro, o deseño de mobles ou a dirección de obra, entre outros. Son traballos nos que, en ocasións, a muller aínda ten pendente lograr unha maior visibilidade, así como unha equiparación do recoñecemento social ó seu labor.
De cara a avanzar nestes ámbitos, un grupo de traballo, constituído por profesionais da industria forestal e da madeira, está a desenvolver periódicas xuntanzas, a última celebrada o pasado venres en Pontevedra con asistentes de xeito presencial e online.
No encontro de Pontevedra, no que participaron maioritariamente mulleres pero tamén homes, abordáronse cuestións como a importancia de visibilizar o traballo da muller nos distintos subsectores da cadea, algúns deles tradicionalmente con maioría laboral de homes. Retos como a mellora da conciliación familiar para mulleres e homes ou a necesidade de avanzar no recoñecemento ós roles que desempeñan as mulleres na industria foron outras das cuestións xurdidas nos debates.
O grupo de traballo fixo tamén repaso a accións de comunicación realizadas por distintas profesionais e empresas nos últimos meses para visibilizar e recoñecer o traballo das mulleres na industria, unha liña na que se quere seguir a traballar. O obxectivo último é que o papel da muller na industria forestal, así como as súas interaccións no entorno laboral, continúen a normalizarse, na senda do cambio cultural que se vén producindo desde hai anos, de xeito que idealmente chegue un momento no que as accións pola igualdade de xénero xa non sexan precisas.
Os encontros do grupo de traballo da industria forestal sobre a muller están promovidos por XERA Axencia Galega da Industria Forestal, e contan co apoio de numerosas empresas e industrias do sector, así como do conxunto de profesionais da cadea forestal e da madeira. Está previsto que a iniciativa do grupo de traballo, que leva por nome #ElasXeranSector, manteña unha nova reunión no mes de decembro.