As ganderías de vacún de carne cobrarán entre 900 e 7.000 euros de axudas directas polo coronavirus

Medio Rural preséntalle ó agro a súa proposta de apoios para paliar a crise da Covid 19, que inclúe tamén fondos para a planta ornamental. Prevense ademais préstamos para darlle liquidez ás industrias agroalimentarias

As ganderías de vacún de carne cobrarán entre 900 e 7.000 euros de axudas directas polo coronavirus

Medio Rural ten previsto destinar un total de 12 millóns de euros a axudas directas para os sectores que considera máis afectados polo coronavirus, en concreto as granxas de vacún de carne con vacas nutrices e as empresas produtoras de planta ornamental. A maiores, destinará outros 12 millóns de euros para préstamos dirixidos a industrias agroalimentarias, como adegas, co obxectivo de facilitarlles liquidez e posibles investimentos que teñan pendentes.

Os apoios para o vacún de carne centraranse nas granxas de vacas nutrices con máis de 10 animais. Os treitos de axuda previstos pola Xunta nun principio, segundo a proposta que lle trasladou ó sector, son os seguintes:

– De 10 a 19 vacas nutrices: 900 euros.
– De 20 a 29 vacas: 1.250 euros.
– De 30 a 39 vacas: 1.750 euros.
– De 40 a 49 vacas: 2.250 euros.
– De 50 a 59 vacas: 2.750 euros.
– De 60 a 69 vacas: 3.250 euros.
– De 70 a 79 vacas: 3.750 euros.
– De 80 a 89 vacas: 4.250 euros.
– De 90 a 99 vacas: 4.750 euros.
– De 100 a 109 vacas: 5.250 euros.
– De 110 a 119 vacas: 5.750 euros.
– De 120 a 129 vacas: 6.250 euros.
– De 130 a 139 vacas: 6.750 euros.
– Máis de 140 vacas: 7.000 euros.

Apoios para flor cortada e planta ornamental

Para o sector de flor cortada, as axudas serán as seguintes, segundo o borrador que manexa a Xunta:

– Produtores, con 0,5 unidades de traballo: 1.750 euros.
– Produtores con 1 unidade de traballo: 3.500 euros.
– Produtores con máis de 1 unidade de traballo: 7.000 euros.

Para as agrupacións de produtores, as cifras serían as seguintes:

– Entre 1 e 5 socios: 6.250 euros.
– Entre 6 e 10 socios: 18.750 euros
– Entre 11 e 15 socios: 31.250 euros.
– Entre 16 e 20 socios: 43.750 euros.
– Máis de 20 socios: 50.000 euros.

Valoracións do sector

O anuncio das axudas fíxose público hoxe no comité de seguemento do Plan de Desenvolvemento Rural (PDR), no que participan organizacións agrarias e cooperativas. As axudas, que contan cun 75% de fondos europeos, son consideradas insuficientes polas organizacións agrarias.

Desde Unións Agrarias propuxeron que se destinase a axudas directas un total de 24 millóns de euros, o que representaría o 2% do PDR galego, o máximo permitido pola Comisión Europea para medidas Covid. En lugar diso, Unións interpreta que a Xunta só adica o 1% do PDR a axudas para paliar a crise (12 millóns de euros), pois os outros 12 millóns de euros de préstamos a industrias agroalimentarias non estarían afectados polas limitacións presupostarias marcadas por Europa.

“De acordo coa nosa proposta, unha granxa de 59 vacas cobraría 7.000 euros de axuda, o máximo de axudas. É unha medida que estaría autorizada por Europa e que se podería acometer cunha axeitada reprogramación de fondos”, valora o responsable de Desenvolvemento Rural de Unións, Jacobo Feijoo.

Existen dúbidas sobre o alcance real das axudas, pois témese que os cartos presupostados non dean para cubrir as axudas anunciadas

Existen ademais dúbidas sobre o alcance real das axudas anunciadas pola Xunta, pois o Sindicato Labrego sostén que os 12 millóns de euros presupostados non chegan para cubrir as axudas anunciadas. Segundo as estimacións do Sindicato Labrego, só as axudas directas prometidas para as 9.427 granxas de vacún de carne que teñen dereito ós apoios ascenderían a 16 millóns de euros.

A organización agraria cuestiona ademais a exclusión das granxas con menos de 10 vacas reprodutoras. “Das 19.700 granxas en activo, hai máis de 10.200 que quedan fóra e só terán dereito ás axudas unhas 9.427 explotacións”, valoran.

O Sindicato Labrego, por último, entende que as axudas directas deberían chegar tamén a outros sectores afectados pola crise, como o vitícola ou o de ovino e caprino.

Incógnita sobre as axudas agroambientais e para zonas con limitacións naturais

No relativo ós apoios para a gandería extensiva, unha das preocupacións que continúa sen despexar é que vai suceder coas axudas agroambientais e para Zonas con Limitacións Naturais (ZLN) no 2021 e no 2022. “Temos solicitado de xeito reiterado que se reprogramen fondos do Plan de Desenvolvemento Rural para atender esta cuestión -subliña Unións- pero a Xunta fía todo a que a Comisión Europea destine novos fondos para agroambientais e ZLN no periodo transitorio ata a nova PAC. Se non chegan eses fondos, pasaría o mesmo que no 2013 e 2014, cando houbo dous anos sen agroambientais”, cuestiona Jacobo Feijoo.

Préstamos para industrias agroalimentarias

Xunto coas axudas directas pola Covid, a outra medida anunciada hoxe pasa pola concesión de préstamos garantidos por un importe total de 12 millóns de euros. Son apoios que beneficiarán a pequenas e medianas empresas que se adican á transformación e comercialización de produtos agrarios. O obxectivo é facilitarlle liquidez ó sector, así como investimentos que teñan pendentes.

A xestión dos préstamos farase en colaboración co Ministerio de Agricultura, a través do seu Instrumento Financiero de Gestión Compartida (IFGC).

Desde Unións interpretan que boa parte destas axudas irán destinadas ás adegas galegas, de cara a que poidan pagar a uva da campaña 2020. “Estamos a favor dos préstamos ás adegas, pero non entendemos porque se comprometen fondos europeos do Plan de Desenvolvemento Rural para esta cuestión, cando os préstamos para adegas viñan sendo financiados tradicionalmente polo IGAPE, que ten capacidade económica propia para manter esas liñas”, cuestiona o responsable de Desenvolvemento Rural de Unións.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información