Como cada primavera, a principios de maio Lucía Velasco e Jorge Álvarez trasladaron a todo o seu rabaño de vacas a pacer aos portos da montaña asturiana. No outono, coas primeiras neves, farán o camiño de volta. Son vaqueiros de alzada, últimos representantes dunha tradición secular practicamente perdida que segue viva grazas a ganderías como a súa.
Os vaqueiros de alzada constitúen un grupo étnico cultural de Asturias, cuxas orixes ancestrais vincúlanse á gandería seguindo un modelo de explotación moi particular mediante unha transhumancia estacional. No mes de maio a familia vaqueira deixa o pobo de inverno e desprázase, xunto ao seu gando, ás brañas e aos pobos de verán, nas zonas de pasto dos portos de montaña, onde permanecen ata o mes de outubro. Coa chegada dos fríos do inverno, regresan co seu gando e aveños aos pobos dos vales baixos.
Lucía recibiu o pasado verán en Aristébano o galardón de vaqueira de honra por manter viva esta tradición que dá nome a unha importante comarca gandeira do occidente asturiano. A familia de Jorge estivo practicando a transhumancia de foma ininterrompida desde fai catro séculos entre Las Regueras e Somiedo. A de Lucía facía o mesmo entre Relloso e Bustellán, en Tineo, aínda que xa hai 20 anos asentáronse definitivamente en Bustellán. “Os meus pais, os meus avós e os meus bisavós foron tamén vaqueiros. Eu teño dous fillos e gustaríame que non acabase en min a tradición vaqueira, teño a esperanza de que algún deles siga coa gandería”, di.
Antes as familias ían camiñando co gando, ía un diante para abrir a casa e logo ían todos os demais cos animais. Os vaqueiros levaban todo, incluído ata o gato. Pero hoxe somos moi poucos os que facemos iso xa. É unha cultura que desaparece
“Antes as familias ían camiñando co gando, ía un membro da familia diante para abrir a casa e logo ían todos os demais cos animais. Os vaqueiros levaban todo, incluído ata o gato. Eran 4 días de camiñada desde Quexo, en Las Regueras, ata as Brañas de Cerreo en Somiedo. Son 100 quilómetros. Pero os tempos evolucionaron e os gandeiros con eles. Agora trasladamos ao gando en camións, só facemos a pé os últimos nove quilómetros desde Pola de Somiedo ata o porto de montaña. Facendo transhumancia completa, é dicir, levando as cousas e quedándose a vivir alí no verán quedamos poucos. Nós mantemos a casa no porto e no verán, cando os crios acaban o colexio, quedamos alí. Este ano como xa non tiñan clases polo coronavirus fómonos xa en maio. Vaqueiros trashumantes de orixe e que o manteñan hoxe somos moi poucos xa. É unha cultura que desaparece”, lamenta.
De facer o camiño a pé ao traslado en camións na actualidade
![transporte gando trashumancia Asturias](https://www.campogalego.gal/wp-content/uploads/2020/05/transporte-gando-trashumancia-Asturias-225x300.jpg)
Imaxe do traslado do gando á montaña en camións a principios de maio
Os camións substituiron a día de hoxe ás recuas de ganado camiño dos portos de montaña. A explotación de Jorge e Lucía, Álvarez y Velasco SC, agrupa ao seu gando en Las Regueras antes de partir ao seu destino de verán. Son 80 vacas de raza Asturiana dos Vales máis a recría e os tenreiros, en total unhas 120 cabezas. “Catro persoas amañámonos para facer o traslado”, indican.
Programan os partos para o inverno, de forma que non hai nacementos cando o gando está nos prados da montaña. “Botamos os touros a todas as vacas na primavera de maneira que decembro e xaneiro son os meses de máis partos e cando facemos a transhumancia os tenreiros xa teñen 4 ou 5 meses. As vacas pasan todo o verán no porto de Somiedo e baixámolas a finais de outubro ou principios de novembro de novo a Las Regueras a parir”, explica Lucía.
Levo 10 anos á fronte da explotación pero procedo dunha familia de gandeiros e sempre estiven vinculada a este sector
Esta explotación asturiana dispón de dous touros, que van variando para evitar a consanguinidade. “Cada tres anos cambiamos aos sementais”, indican. Os tenreiros están os primeiros 6 ou 7 meses de vida coas nais antes de destetarse. “Despois cébámolos ata os 12 ou 13 meses que os vendemos, normalmente directamente a matadoiro”, aclara Lucía, que está dentro da IXP Ternera Asturiana e en Xata Roxa, a marca creada no 2001 para a comercialización da carne da asociación de criadores Aseava.
A función do sal
![Lucía dando sal a las vacas en Somiedo](https://www.campogalego.gal/wp-content/uploads/2020/05/dandolles-sal-300x200.jpg)
Lucía dando sal ás vacas en Somiedo
As vacas pasan todo o verán pacendo en liberdade nas brañas do porto a 1.800 metros de altitude nun monte comunal que está sen pechar. Alí os animais son autosuficientes. O único que Jorge e Lucía lles aportan é sal, que cumpre diversas funcións: ademais de ser un complemento mineral esencial para o correcto desenvolvemento nutricional que favorece a dixestión e asimilación dos alimentos, a fertilidade e a saúde xeral das vacas, aos gandeiros sérvelles para reunir ao rabaño supervisar o seu estado, xa que os animais acoden rapidamente á súa cita semanal co sal. O demais achégao a natureza: pasto fresco e auga dispoñible en abundancia. “O gando agradece a liberdade, cando chega maio está desexando marcharse”, aseguran.
As vacas pacen libremente de maio a novembro a 1.800 metros de altitude. Cando chega a primavera están desexando marchar para Somiedo
Mentres as vacas están en Somiedo Jorge e Lucía aproveitan para recuperar as praderías de Las Regueras nas que estiveron durante o inverno separadas por lotes. “Ao estar baleiras as fincas todo o verán facemos silo e herba seca para o inverno. Recollemos entre 400 e 500 rolos cada ano. A maiores compramos palla e alfalfa en Castela”, explica Lucía. Tras estes cortes de forraxe deixan que a pradaría se recupere para que cando as vacas baixen da montaña no outono haxa pasto para elas.
![Las Regueras2](https://www.campogalego.gal/wp-content/uploads/2020/05/Las-Regueras2.jpg)
Pastizais de primavera e outono en Las Regueras
Todos os animais do seu rabaño están inscritos no Libro Xenealóxico da Raza Asturiana dos Vales e forma parte do Control de Rendemento Cárnico da Asociación de Criadores Aseava, pesando aos seus tenreiros ao nacemento, destete e sacrificio. O seu sistema de manexo recibe o nome de val-porto, baseado no pastoreo estival dos portos de montaña acompañado dun breve pastoreo primaveral e outonal dos prados do val, que se usan tamén para obter a forraxe necesaria para alimentar ao gando durante a estabulación invernal.
“Sen a PAC isto non sería viable”
“Hai que ter gando segundo a capacidade do terreo”, defende Lucía, que explica que “a transhumancia encarece os custos da gandería debido ao transporte pero aforras en alimentación”, asegura. Con todo, recoñece, “sen a PAC non sería viable”.
![El ganado en las Brañas de Cerreo, en Somiedo](https://www.campogalego.gal/wp-content/uploads/2020/05/somiedo5.jpg)
O gando nas Brañas de Cerreo, en Somiedo
O coronavirus e o peche da hostalería e o turismo agravou o baixo prezo da carne que se arrastraba en 2019. “Os tenreiros pequenos baixaron moito o ano pasado porque houbo parón nas exportacións a países árabes e os cebaderos tiñan atasco e agora pillounos isto e baixaron moito os prezos”, lamenta.
A caída de prezos colleraos de cheo este ano, xa que ao programar os partos vendían a maior parte dos seus tenreiros nesta época
A caída nas cotizacións da IGP Ternera Asturiana foron similares ás que sofren os produtores de Ternera Galega Suprema e a venda de carne de vaca está totalmente parada tamén en Asturias. “As vacas de carne non teñen venda co peche de toda a hostalería e os McDonald’s, non hai demanda para elas”, indica Lucía.
![Agrupan los partos en los meses de diciembre y enero y los terneros son destetados a los 7 meses](https://www.campogalego.gal/wp-content/uploads/2020/05/nas-Regueras.jpg)
Agrupan os partos nos meses de decembro e xaneiro e os xatos non son destetados até os 6 ou 7 meses
No seu caso a caída dos prezos colleraa de cheo este ano, xa que ao agrupar os partos no inverno as vendas dos tenreiros tamén se concentran. “Agora para xuño é cando teño o groso das vendas que é cando tamén máis valía a carne normalmente”, explica.
Vacas lonxevas
“En Las Regueras nos últimos anos deixouse moito a produción de leite. Uns pásanse á carne e outros directamente pechan. A carne é menos escrava pero tamén dá menos diñeiro, porque carne vendes unha vez ao ano mentres os ingresos da produción de leite son mensuais”, compara. Pero a pesar da pouca rendibilidade actual Lucía non cambia a súa profesión. “Eu prefiro ser a miña propia xefa coidando aos meus animais que ser camareira nun bar”, di.
Eu prefiro ser a miña propia xefa coidando aos meus animais que ser camareira nun bar
A liberdade coa que ela traballa é a mesma coa que se move o seu gando boa parte do ano, algo que sen embargo non impide que Lucía siga mimando ás súas vacas. Ela é deses gandeiros que coñecen a todos os seus animais polo seu nome e teñen as varas só para apoiarse nelas. “Meu pai ensinoume que cada pau que lle das a unha vaca é un pau que te estas dando a ti mesmo”, di.
Lirona, Asturiana, Valenciana, Cereza ou Gitana junior son algúns dos nomes das súas vacas. Gitana junior é filla de Gitana, un emblema da súa explotación. “Empezou comigo cando comecei na gandería e estivo comigo desde entón ata este ano, que morreu de vella con 19 anos. Era a nena mimada, a que recibía todos os coidados. O ano pasado xa non a levei a Somiedo e trouxo un tenreiro enorme”, emociónase.
“Detrás dunha muller rural hai unha familia e iso é vida para o campo”
Lucía séntese orgullosa de ser gandeira, o seu modo de vida desde hai 10 anos, os mesmos que agora ten o seu fillo Samuel, ao que ela se esforza por trasladarlle o seu amor polo oficio. Do mesmo xeito que á súa filla Ainhara, de 2 anos, porque para Lucía o futuro do rural está nas mulleres. “As gandeiras asentamos poboación porque detrás dunha muller rural escóndese unha familia e iso é vida para o campo. Debería terse iso en conta na PAC”, defende.
Á fronte da súa explotación esfórzase por facer chegar á sociedade a través das redes sociais o día a día do seu traballo e os beneficios da gandería extensiva sobre o territorio e reclama máis apoio e máis servizos básicos cubertos como pediatras, colexios ou lugares de lecer para que haxa incorporación e relevo no sector.
As redes sociais son unha excelente ferramenta para dar visibilidade ao noso traballo e poñer en valor as vantaxes que ten o mundo rural, como son unha mellor calidade de vida para os nosos fillos ou a tan demandada conciliación laboral
“Hai que apoiar á xente nova para que se animen e darlles formación para que saiban diversificar as súas explotacións para que teñan rendibilidade e sexan viables. Creo que debería haber unha materia xa no colexio para inculcar aos nenos desde pequenos as posibilidades do rural”, di.
A importancia das cooperativas
![Lucía, vestida con la indumentaria tradicional vaqueira](https://www.campogalego.gal/wp-content/uploads/2020/05/vaqueira-de-honra-xullo-19-225x300.jpg)
Lucía, vestida coa indumentaria tradicional vaqueira
Lucía forma parte do grupo Ganaderas Asturianas e destaca o papel das cooperativas e a súa importancia no sector agrogandeiro. A súa explotación é socia de Agrovaldés, que lle fornece penso, forraxes e formación e asesoramento técnico e forma parte tamén de Cooperativas Agroalimentarias del Principado de Asturias. O seu irmán, Manuel, que seguiu coa gandería familiar de leite en Tineo, Casa Marcelo, de Bustellán, é vicepresidente de Campoastur.
Hai que potenciar que nas cooperativas haxa xente nova e máis mulleres nos consellos reitores
Ela reclama que “hai que potenciar que nas cooperativas haxa xente nova e máis mulleres nos consellos reitores, xa que somos unha peza importante para fixar poboación e aí é onde podemos loitar polos nosos dereitos”. Destaca que é un camiño no que se está avanzando aos poucos e proba diso, di, é que en Asturias xa hai 17 mulleres en consellos de cooperativas, como Maricruz Fernández, presidenta de Campoastur; Ana María Menéndez, vicepresidenta de Cooperativas Agroalimentarias del Principado de Asturias; ou María Caridad Molleda, que forma parte da Xunta Reitora de Central Lechera Asturiana.
Premios á Innovación e á Muller Rural
Lucía foi embaixadora de Ternera Asturiana e unha das protagonistas do primeiro capítulo da serie documental Fans del Vacuno, elaborada pola Interprofesional do Vacún (Provacuno) e galardoada coa medalla de Ouro nos premios Best Awards que outorga Alimentaria, unha das grandes feiras do sector da alimentación a nivel mundial, que se celebra cada dous anos en Barcelona e que este ano quedou posposta.
Álvarez y Velasco SC protagoniza un dos capítulos de Fans del Vacuno, a serie documental realizada por Provacuno e que foi galardoada coa medalla de Ouro nos premios Best Awards que outorga a feira Alimentaria de Barcelona
A pesar da súa mocidade, esta gandeira recibiu xa o Premio de Excelencia á Innovación na Actividade Agraria do Principado de Asturias e o Premio Innovación Muller Rural do Ministerio de Agricultura 2018 e é habitual vela representando ao sector gandeiro asturiano, á muller rural e á tradición vaqueira en distintos foros e congresos por toda España, como no pasado COP-25, o último Cumio do Clima celebrado en Madrid. O seu maior desexo, que a gandería extensiva e a transhumancia que levan séculos exercendo os vaqueiros non desapareza.