A Axencia Galega da Calidade Alimentaria, dependente da Consellería do Medio Rural, vén de organizar unha visita a explotacións de vacún de leite danesas no marco do curso “Gandeiros 20-30”. Trátase dunha actividade formativa complementaria a estas xornadas organizadas pola Axencia, na que participaron unha decena de gandeiros e gandeiras que asistiron previamente a estas formacións.
Esta acción, sinala Medio Rural, está enmarcada na aposta da Xunta pola formación neste sector, na que se seguirá afondando proximamente con novas iniciativas. No referido á visita a Dinamarca, o obxectivo principal foi o intercambio de coñecemento con produtores e a aprendizaxe de novas tecnoloxías aplicadas a este eido. Os asistentes puideron coñecer o funcionamento das explotacións neste país que, ao igual que Galicia, é un referente na produción de leite.
A viaxe a Dinamarca dividiuse en dúas xornadas, nas que os gandeiros asistiron a un faladoiro de introdución ao sector lácteo danés e fixeron unha visita polas instalacións de cinco explotacións de vacún de leite.
Aposta pola formación
A Axencia Galega da Calidade Alimentaria ten as competencias vencelladas coa formación referentes ao Medio Rural. Por iso mesmo, é a encargada de xestionar o intercambio de coñecementos e información do sistema AKIS, que ten como obxectivo principal seguir avanzando na modernización do sector a través do fomento e a posta en común do coñecemento, a innovación e a dixitalización en zonas agrícolas e rurais, así como promover a súa adopción por parte dos agricultores, mediante un mellor acceso á investigación, a innovación, o intercambio de coñecementos e a formación.
Neste contexto desenvólvense os cursos “Gandeiros 20-30”, co obxectivo de que os empresarios gandeiros teñan unha visión mais ampla do potencial da súa actividade gandeira, de cara a espertar a innovación nas súas actividades e a procura dun maior valor engadido. Búscase tamén aportar coñecementos e ferramentas, especialmente no ámbito de control e a xestión dos custos, co fin último de mellorar a eficiencia das explotacións. Nestas xornadas trabállanse contidos como a xestión integral do negocio na explotación gandeira, o control de custos, a elaboración de orzamentos e a optimización da xestión fiscal.
Ao mesmo tempo, este tipo de actuacións enmárcanse dentro da Estratexia do sector lácteo elaborada pola Consellería do Medio Rural.