Gandeiros de ovino que pacen en inverno as pradeiras dos de vacún de leite: Un exemplo de beneficio mutuo

Un grupo de gandeiros de ovino e de vacún de leite do norte da provincia de Lugo colaboran dende hai anos nunha práctica que beneficia ás dúas partes: as ovellas pacen durante o outono e o inverno as pradeiras permanentes das ganderías de vacún de leite, evitando o gasto de ter que trituralas

Gandeiros de ovino que pacen en inverno as pradeiras dos de vacún de leite: Un exemplo de beneficio mutuo

Ovellas de Gandería Sabugueiras pacendo pradeiras dun gandeiro de vacùn de leite

“Simbiose: Asociación de dous organismos de especies diferentes para beneficiarse mutuamente no seu desenvolvemento vital”. Así se podería definir a colaboración que manteñen dende hai anos gandeiros de vacún de leite e de ovino do norte da provincia de Lugo, en concreto nos concellos de Meira, Pol, A Pastoriza, Riotorto e a Pontenova.

Os gandeiros de ovino pacen durante o inverno as pradeiras permanentes dos produtores de vacún de leite, aforrándolles os custos de ter que trituralas, unha relación de beneficio mutuo, sen contrapartidas económicas e mediante acordos verbais, que se mantén dun ano para outro, e que é un exemplo de economía circular e sustentable.

Unha práctica habitual nas illas Británicas que chegou a Galicia

Eloi Villada, funcionario xubilado da Consellería de Medio Rural, e cunha gandería de ovino na súa casa familiar, foi pioneiro en importar esta práctica hai uns 25 anos.

“Vino no ano 1992 nunha viaxe a Inglaterra: alí os solos son bastante arxilosos e, polo tanto, encharcan rápido e os gandeiros de ovino ían ás fincas dos de vacún a pacerlles no outono e inverno as pradeiras”, explica.

Á súa volta a Galicia empezou a aplicalo na súa gandería familiar de ovino en Riotorto e axiña se espallou entre outros gandeiros de concellos limítrofes. “Fomos pouco a pouco, e un punto de inflexión que mellorou moito o manexo das ovellas foi cando coa axuda do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM) empezamos a empregar mallas electrificadas para pechar as ovellas dentro das pradeiras e ilas movendo, pois o fío do pastor eléctrico non era eficaz con este tipo de gando, a non ser que lle tocaran co fuciño”, engade.

As ovellas entran a pacer as pradeiras como moi cedo no mes de setembro e continúan nalgúns casos ata o mes de marzo, deixándoas limpas e abonadas para que a herba renove en boas condicións para o corte para silo da primavera.

Unha práctica que, segundo destaca Eloi Villada, ten múltiples beneficios: “As ovellas non extraen prácticamente nutrientes das pradeiras, xa que o que comen devólveno en forma de excretas. O gando ovino controla a herba de outono e inverno que a moitos gandeiros non lles interesa aproveitala pois ten mala conservación nos silos (pouca materia seca, moita proteína e pouca enerxía), e nunha época na que é complicado entrar nas fincas co tractor”.

Ademais, salienta que co gando ovino “non hai o efecto das pisadas que se produce co gando vacún e tampouco se compacta o solo como sucede co desbroce cos tractores”. “E por suposto -subliña-, o gandeiro de vacún de leite aforra o gasto de ter que tritutar a pradeira”.

Para os gandeiros de ovino as vantaxes tamén son importantes: a principal é dispor en inverno de pasto en cantidade e calidade de forma gratis. “As ovellas con estes pastos están perfectamente e non precisan suplementos nin de herba seca nin de concentrado. Incluso en pastoreo de outono vimos que os años medran moi ben, de forma que se ceban os cordeiros para o Nadal”, recoñece.

Pero tamén existen beneficios do punto de vista metabólico para as ovellas: “Como hai moito raigrás nas pradeiras, os aportes enerxéticos de almidón son importantes, e redúcese a incidencia de cetose da lactación nas ovellas”, asegura.

A valoración que realiza Eloi Villada desta colaboración posta en marcha hai 25 anos é moi positiva: “A experiencia foi a máis e nesta comarca aumentou o número de ovellas, gracias a esta colaboración que é beneficiosa tanto para o que leva as ovellas a pacer como para o que deixa pacer as fincas”.

Unha relación simbiótica que se podería estender a outras comarcas gandeiras de Galicia, para o que considera preciso facer unha labor de divulgación e tamén pedagóxica, aprendendo aos gandeiros de ovino a manexar o gando e os peches.

Pedro Rivas Andión (Granxa O Conde-Pol): , gandeiro de vacún de leite: “Aforro máis de 1000 euros e as pradeiras renovan moi ben”

Pedro Rivas Andíón ten unha gandería, Granxa O Conde, con 115 vacas en muxido en sistema de estabulación no concello lucense de Pol e leva xa varios anos colaborando cun gandeiro de ovino para que lle paza as pradeiras en inverno.

“Iniciei hai 8 anos a colaboración con Joan Alibés, un gandeiro de ovino da zona. Vin que lle pacía a finca dun veciño e que o resultado era bo, polo que lle ofrecín tamén as miñas. Hoxe pácenme unhas 20 hectáreas de pradeiras que se tivera que triturar suporíanme un custo de algo máis de 1000 euros”, explica.

Ademáis, destaca que “ao repartirse as excretas por toda a finca e de forma bastante uniforme, a renovación da pradeira é moi boa”.

Joan Alibés: “Non damos atendido toda a demanda que hai dos gandeiros de vacún de leite”

Ovellas de Joan Alibés pacendo unha pradeira dun gandeiro de vacún de leite

Ovellas de Joan Alibés pacendo unha pradeira dun gandeiro de vacún de leite

Por parte de Joan Alibés, gandeiro de Meira (Lugo), recoñece que esta colaboración resultoulle tamén moi beneficiosa e que empezaron a poñela en marcha aos dous anos de iniciarse na gandería, daquela con cabras. “Un gandeiro deixounos un prado porque era moi mollado e non podía meter o tractor para triturar e dende entón fomos a máis. Hoxe, de setembro ata marzo, pastoreamos pradeiras de gandeiros de vacún, en total sobre unhas 35 hectáreas coas nosas 300 ovellas”, asegura. Este ano recoñece que “incluso imos desbordados e non damos atendido toda a demanda dos gandeiros de vacún de leite”.

Normalmente a iniciativa de ofrecer as pradeiras parte do gandeiro de vacún. Subliña que “é moito unha relación de confianza e cando ven que es serio e que é beneficioso tamén para eles ofrécenche a pradeira e repiten ano tras ano”.

Ademais, dos beneficios citados anteriormente, Joan Alibés engade que “ao pacer as ovellas, mellora a composición botánica da pradeira, pois favorécese o crecemento do trevo e mellórase a calidade da primeira corta para silo, pois recolles a herba limpa, sen restos de herba vella triturada”. Tamén destaca que “sanitariamente non hai ningún risco, pois as ovellas van desparasitadas e as pradeiras son para segar, non para aproveitar logo en pastoreo polos gandeiros de vacún de leite”.

A veces as pradeiras que lles ofrecen están lonxe, polo que en colaboración con outros gandeiros de ovino contratan un camión para transportalas a ata 30 quilómetros. As ovellas permanecen na pradeira día e noite, acompañadas por cans mastíns, que as protexen de posibles ataques de depredadores, cunha cisterna de auga, e unha malla electrificada móbil que o gandeiro vai movendo a medida que pacen a pradeira.

Joan Alibés defende que pola súa sustentabilidade medioambiental esta práctica debería ser tida en conta para as ganderías de vacún de leite na reducción de emisións de gases de efecto invernadoiro.

Gandería Sabugueiras (Riotorto): “É moi positivo para as dúas partes”

Ovellas de Gandería Sabugueiras

Ovellas de Gandería Sabugueiras

Gandería Sabugueiras, no concello de Riotorto, é outra das que levan anos realizando esta colaboración na comarca. As 300 ovellas pacen no outono/inverno unhas 40 hectáreas de ganderías de vacún de leite.

“Normalmente empezamos en novembro, pero algún ano déixannos as fincas xa en setembro, e seguimos como moi tarde ata marzo”, explican. O seu cálculo é que unhas 100 ovellas veñen pacendo sobre 1 hectárea por semana.

Ao igual que as outras ganderías, nesta tamén coinciden en destacar as importantes vantaxes para as dúas partes: “A herba renova mellor e máis rápido despois de ser pacida polas ovellas e para nós é un aforro moi importante en alimentación, permitíndoche ter as ovellas alimentadas gratis durante 3 ou 4 meses, ademáis de que engordan e mellora a súa fertilidade”, conclúen.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información